Os sete eixos da Estratexia galega para a dinamización das comarcas vitivinícolas

A creación da marca paraugas Viños de Galicia, como estratexia de promoción exterior das 5 denominacións de orixe, ou a promoción dunha rede de aldeas viñateiras para impulsar o enoturismo, algunhas das medidas recollidas na iniciativa

Publicidade
Os sete eixos da Estratexia galega para a dinamización das comarcas vitivinícolas

Os promotores do Plan Estratéxico do Viño durante a presentación celebrada esta mañá.

A Xunta presentou esta mañá a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que busca consolidar os viños galegos nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.  

O obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xerar valor dos territorios nos que se produce. González incidíu no papel fundamental que xogará a Lei de recuperación da terra agraria para afrontar algúns dos retos do sector como a rendibilidade económica, a produción sostible ou a remuda xeracional.

O conselleiro tamén aproveitou o acto para avanzar que a renovación do préstamo vendima se publicará no Diario Oficial De Galicia este venres, co obxectivo de que as resolucións poidan terse tramitado antes do comezo da vendima.

A estratexia, cun orzamento de máis de 700.000 euros, foi presentada nun acto no que participaron o conselleiro do Medio Rural, José González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, entidade colaboradora na elaboración de dita Estratexia.

Os piares do Plan

A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia artéllase en 46 medidas e 299 accións estruturadas en 7 eixes estratéxicos: González detallou algunhas das medidas destacadas dentro destes eixos:

1_ A cooperación. Pretenden incrementar a dimensión do sector vitivinícola e fomentar a colaboración entre as diferentes comarcas implicadas para afrontar os retos da internacionalización. Prevén constituír unha entidade na que participen os axentes das 5 denominacións de orixe (DO), a Xunta e outros actores, especialmente do ámbito da investigación, dos mercados e da sostibilidade. Ademais proxectan crear a marca paraugas Viños de Galicia, implementada dentro da actual Galicia Calidade, e que non interfira co carácter singular dos viños galegos.

Crearase a marca paraugas Viños de Galicia, dentro de Galicia Calidade, para a promoción dos viños galegos das 5 denominacións de orixe no exterior

2_ A produción de uva. Habilitarán un programa de mobilidade da terra, recuperación de superficies abandonadas e reestruturación parcelaria para asegurar a rendibilidade das explotacións. Neste senso, Gonzalez sinalou que o 40% das terras solicitadas para a súa posta en valor no último ano foron destinadas ó viñedo. Nesta mesma liña, as DO chegaron a identificar máis de 10.000 hectáreas susceptibles de poñer en valor.

A nivel normativo, González propón mellorar a xestión das autorizacións de plantacións e para garantir a incorporación de novos viticultores, promoverán un plan de fomento do relevo xeracional, priorizando os candidatos con formación universitaria e formación profesional.

Ademais, porán en marcha un sistema de seguimento dos custos de produción que contribúa a mellorar a profesionalización do sector. Mentres, para combater os efectos do cambio climático, a Estratexia contempla o impulso da produción ecolóxica e optimizar a xestión da auga, reducir o uso de fitosanitarios, introducir melloras tecnolóxicas e promover estudos de variedades resistentes a pragas e enfermidades.

3_Fortalecemento da industria vitivinícola. Contemplan impulsar proxectos de cooperación entre pequenas adegas priorizándoos nas axudas públicas e a habilitación de liñas dirixidas a facilitar o acceso ao crédito á industria vitivinícola con mecanismos como o préstamo vendima. No apartado da formación, incidirase na xestión empresarial e nos ámbitos da dixitalización, da cultura do dato e da industria 4.0, cun plan de formación continua para o persoal das adegas.

Avalían establecer un grao universitario centrado en viticultura e enoloxía e un curso de posgrao interuniversitario en xestión de empresas vitivinícolas. Ademais pretenden impulsar os programas de FP dual.

A Estratexia tamén aposta por incentivar procesos industriais máis sustentables e favorecer a súa valorización nos mercados cun programa para promover a inclusión das adegas galegas na certificación Wineries for Climate Protection (WfCP) -primeira e única certificación específica para este sector en materia de sostibilidade ambiental- e cunha guía de fomento da sustentabilidade.

4_Comercialización e mercados. Propoñen deseñar un mapa de posicionamento dos viños de Galicia nos distintos segmentos de mercado en función das tipoloxías de consumidores e diversificar o portfolio de viños das D.O.P. cara a tipoloxías como os viños ecolóxicos ou ecosostibles. Tamén queren equilibrar a presenza dos viños galegos nas distintas canles e desenvolver un foro continuado de coñecemento, debate e análise sobre a evolución, tendencias e retos que afronta a comercialización de viño.

Para fomentar a transformación dixital, a Estratexia propón un Plan de conectividade e o impulso da dixitalización, desenvolvemento e impulso da promoción e comercialización internacional dos nosos viños. Así mesmo, crearán a Oficina dixital de apoio á exportación e elaborarán un Plan de exportación anual que contemple actuacións como as misións internacionais ou encontros con distribuidores.

5_Organización e funcionamento das DO Prevén realizar un informe sobre a necesidade de flexibilizar as normativas das DOs para compensar as variacións anuais da produción vitivinícola. Tamén queren avaliar a posibilidade de distinguir dentro de cada DO unidades xeográficas menores con particularidades específicas, así como promover contratos entre viticultores e adegas de maior duración temporal.

6_Turismo e ao enoturismo. Buscan eliminar as restricións á implantación de adegas e complexos enoturísticos en solos rústicos, incorporar novas categorías de aloxamentos turísticos vinculados ao enoturismo, realizar campañas de concienciación sobre as oportunidades deste negocio e crear liñas de axuda específicas. 

Promoverase unha rede de aldea viñateiras no marco do enoturismo

Entre as accións previstas inclúese promover unha rede de aldeas viñateiras para fixar poboación e dinamizar a economía local. Así mesmo, queren mellorar o funcionamento e coordinación das Rutas do Viño do Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, solicitando a súa adhesión e certificación por parte de ACEVIN. Tamén propoñen vincular a oferta enoturística con outros eventos turísticos recoñecidos coma os Entroidos.

7_ Patrimonio natural, cultural e paisaxístico. Propoñen crear un atlas das paisaxes vitivinícolas de Galicia e realizar un inventario dos viñedos máis antigos para a súa protección e promoción e a posibilidade de catalogar as paisaxes máis características.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información