“Os morcegos son grandes aliados para controlar pragas nos viñedos”

Coñecemos de man da bióloga Sandra Córdoba Lloria a experiencia de Bodegas Enguera no emprego de morcegos para favorecer o control da couza do acio nos seus viñedos. A especialista achega tamén algunhas recomendacións para lograr incrementar a presenza destes depredadores voraces de insectos

Publicidade
“Os morcegos son grandes aliados para controlar pragas nos viñedos”

Sandra Córdoba Lloria, bióloga da área de Xestión de Proxectos de I+D+i de Bodegas Enguera, diante dun hotel para morcegos situado nos viñedos.

A presenza de morcegos nos viñedos preséntase como un aliado no control de pragas de insectos como a couza do acio. A firma valenciana Adegas Enguera levou a cabo un proxecto para fomentar o asentamento dos morcegos nos seus viñedos e que poidan axudar no control deste insecto, con iso pretenden comprobar se é posible controlar a praga da couza do acio sen utilizar a técnica de confusión sexual baseada en feromonas.

Coñecemos a súa experiencia de man de Sandra Córdoba Lloria, bióloga da área de Xestión de Proxectos de I+D+i da adega, despois de participar recentemente nas xornadas do proxecto europeo IPMWorks, xestionado en Galicia pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e celebradas na Adega Martín Códax, na que se trataron tamén o uso de difusores de confusión sexual para atallar estas praga.

-Por que decidistes comezar a traballar cos morcegos?
– En Adegas Enguera todo o noso cultivo é ecolóxico, co que está moi limitado o uso de produtos insecticidas. Durante anos empregamos o método de confusión sexual para controlar as poblacións de couza do acio e, pese a ser un método con moitas vantaxes, xa que ofrece bos resultados sen xerar residuos; un dos seus maiores inconvenientes é o seu prezo por hectárea. Ademais, é moi difícil de implementar en parcelas pequenas, polo que a súa eficacia está condicionada a que se empregue en grandes parcelas ou cotos. En Adegas Enguera tiñamos as poboacións de avelaíña do acio controladas desde facía anos utilizando difusores de feromonas. Cos morcegos buscamos dar un paso máis na agricultura ecolóxica: reducir o uso de feromonas e aforrar custos para combater a avelaíña do acio.

-Había experiencias previas que vos animasen a apostar polos morcegos?
-Hai máis de 10 anos, compañeiros da Àrea d’ Investigació do Museu de Ciències Naturals de Granollers iniciaron no Delta do Ebro un proxecto para coñecer como podían axudar as colonias de morcegos na praga do coñecido como barrenador do arroz. Este grupo comprobou, despois de 10 anos, que eran capaces de controlar esta praga só cos morcegos. Sabendo que son uns grandes insectívoros, que as avelaíñas de pequeno tamaño forman parte da súa dieta e tendo en canta os bos resultados do proxecto catalán, decidimos facer o propio con este proxecto no viñedo.

-Cando comezastes a impulsar accións para que as colonias de morcegos se asentasen no viñedo?
-En 2015 colocáronse algunhas caixas refuxio para realizar unha proba piloto. Os resultados forman parte do TFG de Juan Martínez Barberá (responsable de I+d de Adegas Enguera), pero non foi ata 2018 cando iniciamos unha colaboración coa Universitat de València grazas á concesión dun Proxecto Cooperación subvencionado con fondos Feader. Comezamos con este proxecto piloto en base aos traballos previos que daban boa conta de que os morcegos son uns insectívoros moi voraces. Hai estudos que revelan que podían comer entre 1.500 e 3.000 insectos por noite.

-Que fixestes para conseguir aumentar o número de morcegos?
-Unha das principais accións que levamos a cabo foi a colocación de caixas refuxio para que os morcegos puidesen descansar e criar nelas. Ao cabo de dous anos rexistrando a actividade dos morcegos mediante gravadoras de ultrasóns observamos que nas parcelas onde colocaramos caixas refuxio, a actividade dos morcegos era moitísimo máis elevada en comparación coas parcelas onde non se colocaron. Isto evidencia que se se colocan caixas refuxio os morcegos están máis activos nesa zona e, polo tanto, cazan nesa zona polas noites.

“Favorecer a presenza de morcegos nos viñedos é gañar por partida dobre: permite controlar pragas e contribúe a axudar a unha especie prioritaria”

-Con cantas caixas refuxio contades na adega?
-Con este proxecto instalamos 118 caixas colocadas en poste. Estas caixas unidas ás colocadas anteriormente suman unhas 150. Trátase de caixas planas que os morcegos utilizan para descansar polo día e tamén para criar no verán. Unha vez colocadas as caixas, cada 15 días faciamos unha revisión para ver se as ocupaban e no verán comprobabamos se criaran. O feito de que os morcegos críen no interior das caixas refuxio é moi importante, xa que todos os morcegos europeos están protexidos e as poboacións dalgunhas das súas especies son escasas. Os morcegos unicamente teñen unha cría ao ano, polo que medidas que favorezan as súas colonias de cría axudan moitísimo á súa conservación. Favorecer a presenza de morcegos nos viñedos é gañar por partida dobre: permite controlar pragas e contribúe a axudar a unha especie prioritaria.

Caixa refuxio morcego Bodegas Enguera

Unha das caixas refuxio situada nas parcelas dos viñedos da adega.

-Que pautas seguistes para a colocación das caixas refuxio?
-Unha das premisas máis importantes é que deben estar colocadas á altura suficiente como para que eles poidan entrar e saír da caixa voando. Polo que vimos, o recomendable é colocalas a unha altura de entre 4 e 5,5 metros. É necesario que a caixa teña a entrada despexada, sen obstáculos, xa que eles localizan a caixa mediante ultrasóns, de forma que se hai ramas tapando a abertura é máis difícil que a atopen. É fundamental evitar unha insolación excesiva que podería matar os morcegos durante o verán. Para iso debemos ter en conta o tipo de soporte e a orientación da caixa.

-Como colocastes as caixas nos vosos viñedos?
-Pódense colocar en postes, en árbores ou na parede. Nós estivémolas colocando en postes, xa que a porcentaxe de ocupación é maior que noutros soportes. Recomendamos a opción do poste porque podes colocalo onde queiras, o que vai moi ben para campos de monocultivo, e ademais teñen menor risco de requecer.

“Os gatos son os maiores depredadores dos morcegos, por iso é importante colocar as caixas refuxio fóra do seu alcance”

-Algunha recomendación á hora de colocar as caixas refuxio?
-É moi importante ter en conta a insolación que pode sufrir a caixa. Aos morcegos gústalles que a caixa estea quentiña, xa que son mamíferos moi pequenos e que perden a temperatura moi rápido. Debe estar quente sen experimentar episodios extremos de calor. No Mediterráneo, no verán coas vagas de calor deben extremarse as precaucións para que non chegue a facer demasiada calor dentro da caixa. Por iso, nunca debe colocarse ao sur nin ao oeste. Cómpre ter presente que se a colocas nunha parede ademais da calor directa que teña polo día, recibirá a calor da propia parede pola noite. Ademais, as crías dos morcegos, que nacen no verán, son tamén moi delicadas en canto a altas temperaturas, polo que debe terse moi en conta xa que poden morrer por un golpe de calor.

-E nun clima como o de Galicia, cal sería a mellor orientación?
-Na zona de Rías Baixas, en base ás temperaturas medias, habería que evitar colocalas ao sur, xa que no verán poden darse tamén episodios de calor extremo. Tamén é recomendable non situalas orientadas cara á o norte, xa que recibirían poucas horas de luz e a caixa estaría moi fría. O mellor sería colocalas ao leste ou ao oeste.

-Algún outro consello para conseguir unha maior adecuación das caixas?
-En zonas como e Centro Europa utilizan cores escuras para conseguir maior temperatura no seu interior. En boa parte de España o máis recomendable é utilizalas de cor branca ou madeira de cores claras. So se usan de cor negra en zonas moi frías da Cordilleira Cantábrica. Tamén se fai fincapé en que as caixas non se coloquen en zonas nas que poidan subir predadores, en especial os gatos, que son a principal ameaza dos morcegos.

caja nido murcielago enguera_

Morcegos saíndo dunha das caixas refuxio da adega.

-Tiveron boa aceptación as caixas?
-Desde que colocamos as caixas ocupáronsenos todas elas nalgún momento. Con este modelo e seguindo unhas pautas específicas, as caixas adóitanse ocupar moi rápido. Este é un dos medos máis frecuentes entre os viticultores.

No propio proxecto estudamos varios modelos ou cuestións como a orientación das caixas para poder ofrecer asesoramento neste sentido.

 

“Tivemos picos de ocupación do 80% das caixas e ata 7 colonias de crías. Chegamos a contabilizar case 150 morcegos nunha caixa”

Despois de 3 anos anos tivemos picos de ocupación do 80% das caixas. Ademais criaron dentro delas. Chegamos a ter 7 colonias de crías. De feito, nunha desas caixas chegamos a contar saír case 142 morcegos. Se só nunha caixa tes ese número de morcegos o cálculo do que comerán esa noite no viñedo é moi elevado.

-Canta superficie abarcades con este número de caixas?
-Temos unhas 130 hectáreas repartidas entre Enguera e Fontanars dels Alforins. En concreto, neste proxecto seleccionamos unha área dunhas 40 hectáreas de viñedo en cada unha das localizacións e contamos cunha parcela testemuña para comparar o efecto da colocación das caixas na actividade dos morcegos da zona.

-Puidestes chegar a comprobar que os morcegos están a comer á avelaíña?
-Si, confirmámolo grazas á colaboración no proxecto coa Universitat de València, quen realizou unha análise xenética de mostras de guano dos morcegos que habitaban as caixas. Así detectamos que comían avelaíña do acio, entre outras pragas agrícolas. Ademais, a época de máxima actividade dos morcegos (no verán cando crían) coincide cos picos de voo que detectamos na avelaíña do acio.

-En que fase do proxecto vos atopades nestes momentos?
-Temos xa máis de 600 morcegos contabilizados nas caixas refuxio, polo que demos un paso máis, comezando a retirar paulatinamente os difusores de confusión sexual dalgunhas parcelas para comprobar se fomentando poboacións de morcegos nos viñedos somos capaces de controlar a couza do acio sen confusión sexual.

O ano pasado conseguimos un novo proxecto de cooperación para seguir investigando nesta liña, sumándose ademais ao equipo a Asociación Valenciana de Agricultores, grazas a quen poderemos dar a coñecer mellor os resultados entre os propios produtores. Son estudos a longo prazo, pero os datos que estamos obtendo dannos esperanzas para seguir traballando.

-Cando saberedes se só cos morcegos é suficiente para o control da avelaíña?
-Os datos da retirada dos difusores, que se enmarcan neste novo proxecto, terémolos en novembro, aínda que haberá que seguir recompilando máis información nos próximos anos.

vino Bodega Enguera _morcego

Un dos viños elaborados na adega e cos que dar a coñecer esta iniciativa sostible.

-Fixestes chegar dalgún xeito este esforzo da adega por combater as pragas dun xeito sostible ó consumidor?
-Por mor deste proxecto producimos dous viños (Aliats e Aliats tinto) mediante os cales realizamos tamén unha difusión da iniciativa e poñémola en valor. Ademais, estamos a realizar visitas á adega en formato “noite de morcegos”. Son xornadas nas que o público xeral pode vir coñecer o proxecto, ver aos morcegos que axudan no control de pragas e realizar unha cata diferente. Xa realizamos case 30 destas xornadas, co que tivemos máis de 600 asistentes e esta actividade forma parte da oferta enoturística da adega. É unha forma de difusión moi potente e no noso caso está a axudarnos a xerar marca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información