Recomendan aplicar no viñedo un tratamento contra a botrite tralas recentes choivas

O centro apunta a presenza de infeccións nas viñas debido ó estado fenolóxico da uva e as precipitacións. Recorda a importancia de controlar o insecto vector da flavescencia dourada de cara a frear a dispersión da enfermidade

Publicidade
Recomendan aplicar no viñedo un tratamento contra a botrite tralas recentes choivas

Acios afectado por botrite. // Estación Fitopatolóxica Areeiro.

Ante as infeccións por botrite detectadas esta semana, debido ó estado fenolóxico da uva (moi próxima á maduración) e as choivas que se rexistraron recentemente, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella tratar as viñas nas que non se tivese realizado ningunha aplicación con anterioridade.

As precipitacións dos últimos días provocaron un rápido incremento do tamaño dos grans, o que nalgunhas ocasións fixo rebentar a súa pel. Isto, xunto coas perforacións nalgúns predios de eirugas de Lobesia e ataques de paxaros nas uvas, deron lugar á aparición de micelio en acios de moitas viñas. Por esta razón, Areeiro recomenda aplicar un antibotrítico se non se realizou este tratamento con anterioridade. O persoal sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación existen funxicidas autorizados para o control desta enfermidade con características e prazos de seguridade moi diferentes, polo que debe ser considerado cada caso concreto segundo o estado de maduración da uva e a presenza actual de síntomas ou feridas nos grans.

Por outra banda, o aviso volve referirse de novo á enfermidade da flavescencia dourada. Areeiro sinala que segue a haber capturas do Scaphoideus titanus nas trampas, agás nas viñas nas que se realizaron os tratamentos insecticidas recomendados, e lembra que combater este insecto é un dos escasos medios para loitar contra esta patoloxía. Neste senso, advirte de que as poboacións deste insecto vector que queden este ano estarán fortemente relacionadas coas da campaña seguinte e, polo tanto, coa dispersión da enfermidade.

Respecto do mildio, o aviso sinala que coa entrada no pintado a uva xa non é sensible a este patóxeno, e só poden aparecer síntomas na vexetación e nos acios dos brotes netos, nos que apareceron precisamente nas revisións efectuadas esta semana. Coa previsión de altas temperaturas para os vindeiros días, o centro indica que en principio non será necesaria ningunha intervención máis que, opcionalmente, nos predios que tiveron fortes ataques nesta campaña se a densidade de manchas é tan elevada que pode provocar defoliación e comprometer a maduración en curso.

Por último, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén ás hortícolas. Lembra que os restos vexetais son o soporte que utilizan varias pragas e patóxenos para pasar o inverno, de xeito que neste momento, cando se están a levantar algúns destes cultivos, Areeiro aconsella que se eliminen estes restos para reducir a problemática que se poida ter o próximo ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información