Feromonas e morcegos, novos aliados para mellorar a saúde dos viñedos

Martín Códax é unha das adegas que está a traballar con difusores de feromonas e agora probará a instalar caixas refuxio para morcegos, depredadores naturais do insecto. Nos últimos anos lograron reducir un 10% o uso dos fitosanitarios nos viñedos ó empregar as feromonas

Publicidade
Feromonas e morcegos, novos aliados para mellorar a saúde dos viñedos

Difusor de feromonas contra a couza do acio situado nun viñedo do Salnés.

O emprego de difusores de feromonas e a presenza dos morcegos amósanse como alternativas sostibles e métodos de loita biolóxica contra a Lobesia botrana, coñecida popularmente como couza do acio, un insecto que favorece os danos por botrite nos viñedos. Unha das adegas pioneiras no emprego dos difusores de feromonas en Galicia é Martín Códax, da Denominación de Orixe Rías Baixas, e que leva anos traballando con estes sistemas, aínda que dende o 2019 dun xeito máis intensivo e profesional.

Precisamente a cooperativa de Cambados acolleu recentemente unha xornada no marco do proxecto europeo IPMWork, xestionado en Galicia pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), na que deu a coñecer a experiencia con este método biolóxico e os resultados logrados nestes anos.

O emprego destes métodos de confusión sexual amósase como unha alternativa sostible para evitar danos nos viñedos da couza do acio, sen un impacto tan elevado na biodiversidade como o uso de insecticidas. Con este sistema téntase evitar a reprodución da couza para manter o seu control biolóxico. “Os difusores de feromonas buscan a confusión sexual, de xeito que se xere unha nube de feromonas que dificulte ó macho atopar á femia para a súa fecundación”, explica Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Bodegas Martín Códax.

“Nas parcelas con confusión sexual evítase entre 2 a 3 tratamentos con insecticidas”

Aínda que hai factores que limitan a eficacia do emprego destes difusores, nestes anos de uso deste método na adega conseguiron unha importante redución do emprego de insecticidas. “Nas parcelas con confusión sexual evítase entre 2 a 3 tratamentos con insecticidas”, detalla o técnico. Así é que, aínda sen poder empregar as feromonas en tódalas parcelas que xestiona a adega, nos últimos anos conseguiron reducir o uso de fitosanitarios un 10%.

Instante da xornada realizada en Martín Códax sobre a súa experiencia no uso de difusores de feromonas.

Instante da xornada realizada en Martín Códax sobre a súa experiencia no uso de difusores de feromonas.

A colaboración entre viticultores, imprescindible

Un dos factores que máis condiciona o éxito do emprego dos difusores de feromonas é que se poida cubrir un amplo espazo de viñedo con este método, para evitar que os insectos poidan ter zonas que non queden cubertas e poidan lograr fecundarse. “Cos difusores hai que actuar como se fose un coto. Na zona que se empreguen debe facerse en tódolos viñedos, porque se queda unha parcela no medio sen usala, serve como refuxio e as femias fecundadas propagaran a praga no resto”, detalla Martínez Rodiño.

Para que o emprego de difusores teña éxito é preciso que sexa usado nunha superficie mínima de alomenos 4 hectáreas, a modo de coto

Así, como mínimo debe contarse cunha superficie de 4 hectáreas para lograr éxito cos difusores. Canto máis grande é o coto mellores resultados se logran, sobre todo na parte central. Os bordes sempre quedan máis expostos e son os viñedos nos que é preciso realizar un maior control e pode ter que realizarse algún tratamento insecticida complementario e puntual. “As parcelas dos bordes son onde pode entrar algunha femia e darse maior incidencia”, apunta o técnico.

Na adega comezaron no 2019 a empregar de xeito máis estendido os difusores de feromonas. Nesa campaña chegaron a cubrir con ese método 128 hectáreas, das que 82 eran viñedos propios, 31 hectáreas de viticultores socios e outras 15 de viñedos lindeiros.

Este ano contan xa en total con 253 hectáreas. Así, na adega están empregando este método en 140 hectáreas de viñedos, o que supón arredor do 73% da superficie manexada de forma directa pola adega. Tamén conseguiron que máis socios e colaboradores se sumaran, chegando a contar con 73 hectáreas. Do mesmo xeito, agora mesmo tamén se inclúen outras 46 hectáreas doutros viñedos.

[Evolución da superficie de viñedo na que aplican os difusores de feromonas.

Evolución da superficie de viñedo na que aplican os difusores de feromonas.

En 4 anos conseguiron incrementar nun 50% a superficie manexada con este método. “Para que isto funcione hai que ir da man doutros viticultores e veciños”, valoran dende Martín Códax. Tamén outras Cooperativas das Rías Baixas como Condes de Albarei ou Paco&Lola están embarcadas nesta mesma aposta polo emprego dos difusores de feromonas para reducir o uso de insecticidas.

Ademais dos bos resultados que poden lograrse cos difusores de feromonas, outro dos motivos que propiciaron que máis viticultores se unisen a este programa foi a eliminación de boa parte dos insecticidas clásicos que se viñan empregando contra a couza do acio. “Os insecticidas que quedan dispoñibles para esta praga requiren que se aplique no momento preciso para que realmente funcione”, especifica o técnico.

Naquelas parcelas illadas onde o emprego de difusores non resultaría eficaz seguen empregando insecticidas. Teñen colocadas as trampas e fan o seguimento semanal delas, de xeito que cando detectan que é o momento propicio para tratar realizan os tratamentos específicos, para que a aplicación do insecticida teña o mínimo efecto sobre a biodiversidade.

O gasto por hectárea en difusores equivale ó custo de dous pases de insecticida

Combater a praga da couza do acio cos difusores tampouco está a supoñer un gasto moito máis significativo para os viticultores. O custo deste método fronte a outras alternativas máis económicas foi durante anos un dos freos para que se xeneralizase o seu uso. “Co custo que teñen hoxe en día os insecticidas practicamente é o mesmo desembolso económico. O gasto por hectárea en difusores equivale ó custo de dous pases de insecticida”, apunta o técnico.

Manexo dos difusores

Outra das vantaxes que presenta o uso dos difusores é o seu manexo, moito máis sinxelo que a aplicación de insecticidas. Os difusores colócanse no viñedo na brotación das cepas e o seu efecto dura todo o ciclo da couza. “Unha vez que se coloca sabes que ata a vendima van estar difundindo esa feromona, de xeito que o viticultor non ten que facer máis nada”, comenta.

Mentres, os técnicos fan un seguimento dos extremos dos cotos nos que se usan, para decidir aplicar insecticida se a presenza de couza se incrementa. “É preciso estar acostumado a localizar a couza, xa que son difíciles de ver”, detalla Martínez Rodiño. A monitorización do insecto fana sobre todo en dous momentos claves para o insecto. Por unha banda, un pouco antes da floración, cando a couza se atopa na segunda xeración. Nesta fase contan os acios afectados, xa que se verán os niños do insecto.

Outro dos momentos claves para realizar estas revisións é cando a uva ten o tamaño dun chícharo. Entón é preciso localizar as postas do insecto, uns ovos que teñen menos dun milímetro de tamaño, de aí a dificultade de localizalos. “Os técnicos dedicamos moito tempo a facer esta mostraxe para darlle confianza ós viticultores que están dentro do coto de que a praga está baixo control”, concreta Martínez.

Dependendo do modelo deberán colocarse arredor duns 350 difusores por hectárea. Tamén pode optarse por un aerosol automatizado co que só se requiren 4

A colocación dos difusores de feromonas dependerá por unha banda das indicacións dos propios fabricantes, así como da presión que haxa da praga. Así, aínda que con variacións por estes motivos, colócanse en torno a uns 350 difusores por hectárea. “Ó comezo colócanse o número máximo de difusores e a medida que se vai empregando este método, a presión diminúe e poden tamén reducirse o número de difusores”, detalla. Unha vez que se vai reducindo a incidencia da praga, van deixando menos difusores na parte central do coto e vanos trasladando ós bordes, as zonas máis conflitivas, para evitar que entren as couzas fecundadas.

distintos modelos de difusores de feromonas empregados

Distintos modelos de difusores de feromonas empregados na adega.

Na adega están a probar distintos modelos de difusores para comprobar cales lle dan mellores resultados. “Estamos probando as distintas solucións que hai no mercado, tanto para comprobar a eficacia como a rendibilidade económica”, apuntan. Ademais, están a traballar tanto cos modelos máis tradicionais, onde as feromonas se atopan dentro dunha especie de cápsula de distintos tamaños, como un aerosol que emite feromonas de xeito automático cada certo intervalo de tempo. No caso deste último tamén amosa unha maior cobertura, de xeito que colocan só 4 por hectárea.

Así, como indican dende Martín Códax, o segrego para que os difusores sexan unha medida de éxito é contar cun coto de parcelas e facer un seguimento rigoroso por parte dos técnicos da incidencia nos bordes, para poder atallar a couza antes de que xere un maior problema.

Caixas refuxio para os morcegos.

Caixas refuxio para os morcegos.

Os morcegos, aliados dos viñedos

Na adega queren ir un paso máis aló e van comezar a instalación de caixas-refuxios para favorecer a presenza dos morcegos nos viñedos, xa que son uns devoradores voraces de insectos, entre os que se atopa a couza do acio. A adega valenciana Bodegas Enguera, que tamén expuxo na xornada de IPMworks a súa experiencia, leva anos combatendo a praga só con difusores de feromonas e favorecendo a presenza de morcegos. “Favorecer a presenza dos morcegos nos viñedos para que coman a couza debe ser unha estratexia integrada co uso dos difusores, xa que se se empregan insecticidas non terán de que alimentarse”, xustifica Martínez.

Unha das ferramentas para conseguir incrementar as colonias de morcegos é a instalación de casetas refuxio que axudan a que se asenten os morcegos nesa zona. Así, en base á experiencia valenciana e coas súas recomendacións, este ano nas parcelas nas que están empregando feromonas van instalar cinco destas refuxios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información