Os camións de recollida de leite de Lactalis súmanse á folga de transporte desde este luns

A suba do gasóleo, que se encareceu arredor dun 50% nos últimos seis meses, leva a parar ós autónomos que traballan para a principal industria de leite ubicada en Galicia. A empresa mantén contactos con “cada un” dos camioneiros na busca de solucións

Os camións de recollida de leite de Lactalis súmanse á folga de transporte desde este luns

A folga do transporte, convocada a partir das 0 horas do luns, terá un impacto inmediato no sector lácteo. Os camións de recollida de leite de Lactalis, a principal industria que opera en Galicia, xa lle trasladaron á empresa que se suman á folga de transporte indefinida. Desde Lactalis aseguran que están mantendo contactos “un a un” cos camioneiros para tratar de atopar unha solución o antes posible.

A folga de transporte é unha situación que preocupa no campo, pois as granxas teñen escasa marxe para almacenar o leite, co que se verían obrigadas a tirar a produción de pararse as rutas de recollida do leite. Lactalis é a primeira industria afectada, pero no sector non se descarta que en próximos días haxa máis empresas con problemas.

Na raíz da folga do transporte está a suba do gasóleo, que nos últimos dous meses se disparou arredor dun 50%. Dos 1,28 euros en que se pagaba en outubro pasou á situación actual, co diésel por riba de 1,80 euros e con estacións de servizo que se sitúan xa mesmo por riba de 1,90 euros.

Coa folga do transporte, os camioneiros parten cun dobre obxectivo. Por un lado, tratar de que haxa unha intervención pública sobre os prezos do carburante, algo que tería que autorizar Bruxelas. En segundo lugar, os camioneiros buscan tamén renegociar prezos cos seus clientes, de cara a trasladarlles os aumentos de custos que experimentaron.

Impacto no sector
A nova da folga dos camións de leite de Lactalis trascendeu esta tarde noite no sector, coa conseguinte inquietude que está a xenerar entre as ganderías que traballan coa industria. Lactalis, que ten en Galicia dúas plantas, unha en Nadela (Lugo) e outra en Vilalba), recolle máis dun millón de litros de leite ó día na comunidade e é a primeira industria en volume de recollida en Galicia, con máis dun 20% do total.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información