O Sindicato Labrego anima aos produtores a “denunciar as irregularidades na imposición dos novos contratos lácteos”

O Sindicato Labrego anima aos produtores a “denunciar as irregularidades na imposición dos novos contratos lácteos”

A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), analizou este sábado en Meira a actual situación do sector leiteiro no marco da renovación maioritaria de contratos que tivo lugar a partires de onte, 1 de abril, “condicionada polas baixadas importantes de prezo realizadas por tódalas industrias, así como pola vulneración do requisito de realizar as ofertas de prezo con alomenos dous meses de antelación, como esixe o Paquete Lácteo”.

Neste sentido, dende a organización labrega sinalan que “as gandeiras e gandeiros do SLG non admitiremos unha baixada de prezos, en tanto non se produza unha baixada clara e suficiente dos custos de produción e nomeadamente dos pensos (…..), algo que non se prevé a medio prazo”.

Ante esta situación, dende a dirección do Leite do SLG animan aos produtores a “denunciar a imposición de ofertas extemporáneas ou fóra de prazo como medida para evidenciar estas irregularidades contractuais”, ao tempo que recomenda “dirixirse á Axencia de Información e Calidade Alimentaria (AICA) para trasladar información sobre as industrias que están a operar estes incumprimentos”.

Ademais, dende o Sindicato Labrego anuncian que proporán á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura “que a oferta de renovación de contratos sexa asinada ante a Administración, nas Oficinas Agrarias Comarcais, procurando que esta actúe como mediadora a fin de correxir os desequilibrios de poder que están a condicionar a cadea de produción láctea”.

Por outra parte, consideran que “é totalmente intolerábel que a día de hoxe a Xunta de Galicia siga sen proporcionar índices oficiais de custos de produción”.

“Cando a Xunta de Galicia e o Ministerio permiten que as insdustrias impoñan unha baixada de prezo masiva como a que aconteceu agora están sendos cómplices do aceleramento do continuo peche de granxas que padece o noso país, levando ao sector lácteo a posicións irrecuperables na produción de leite”, advirten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información