Inquedanza pola morte de 4 vacas por un raio ao pé dun parque eólico

O Sindicato Labrego Galego demándalle ás Consellerías do Medio Rural e de Industria unha investigación urxente do sucedido

Inquedanza pola morte de 4 vacas por un raio ao pé dun parque eólico

Xovencas mortas en Monfero, ao pé do parque eólico Sotavento. / Imaxes: SLG.

Catro xovencas apareceron mortas ao pé do parque eólico Sotavento, que se ubica nos concellos de Monfero (A Coruña) e Xermade (Lugo). O suceso tivo lugar o pasado domingo á tarde, durante unha tormenta que descargou lóstregos na zona, polo que a principal hipótese é que un lóstrego matou ós animais. O Sindicato Labrego, que se fai eco do caso, ao afectar a un afiliado seu, demanda unha actuación da Xunta sobre este episodio.

“Solicitamos ás Consellerías de Medio Rural e Industria a desenvolver as accións precisas para aclarar a orixe e circunstancias nas que tivo lugar este suceso, que podería ter afectado a tres gandeiros que se atopaban traballando na contorna”, demandou a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, ao tempo que instou á Xunta de Galicia “a facer valer o principio de precaución, activando a paralización cautelar de tódolos polígonos industriais eólicos actualmente en construción, até que sexa aclarado este incidente”.

Así mesmo, solicitou que “se dea inicio á elaboración dun informe independente realizado polas universidades galegas ao respecto das situación actual do noso territorio no tocante ao abano de interaccións que teñen lugar entre os polígonos industriais eólicos e as condicións meteorolóxicas, abondando os seus efectos sobre a poboación, animais, patrimonio e recursos naturais”.

“Ademais da súa condición de ser considerados “un branco natural para o raio” -debido especialmente ao seu deseño e materiais empregados para a súa construcción-, no ano 2014 o grupo de investigación Raios, Electricidade Atmosférica e Alta Tensión, dirixido polo profesor Joan Montanyà, da Universitat Politècnica de Catalunya, demostrou que existe unha relación directa entre o movemento das turbinas dos aeroxeradores dos parques eólicos e a xeración de descargas que en determinadas condicións atmosféricas dan lugar a raios”, alertan desde o Sindicato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información