A produción e consumo de produtos lácteos é un dos principais piares agrogandeiros dentro da Unión Europea. De aí que os produtores e industriais ligados ao leite definan liñas conxuntas para seguir apuntando o beneficio que supón o consumo lácteo. Por outra banda, o propio sector é consciente do descarte de alimentos na UE en todo o proceso que vai desde o campo ao súper. Isto último fai que o sector lácteo, con todo o peso que ten dentro da UE, insista no seu compromiso de reducción na perda de produtos alimentarios na Unión Europea.
Expertos de referencia participaron o martes 24 de outubro no II Foro Lácteo baixo o lema “Nutrición, desperdicio cero e sustentabilidade no sector lácteo”, convocados pola Organización Interprofesional Láctea (InLac) no Instituto Cervantes de Bruxelas, no marco da campaña “Conta cos produtos lácteos europeos”, cofinanciada pola Unión Europea.
Este ano, o encontro estivo centrado na prevención do desperdicio alimentario e os bos usos na cociña, sen esquecer as bondades nutricionais e saudables de leite, iogur e queixo. O presidente de InLac, Daniel Ferreiro, avogou pola información veraz sobre o sector e sobre os alimentos lácteos, co obxectivo de que “a sociedade no seu conxunto poida coñecer de primeira man, con total honestidade e transparencia, todo o que hai detrás dun vaso de leite, un iogur ou unha porción de queixo. Porque falamos de alimentos nutritivos e saudables. E tamén con efectos positivos para o medioambiente e para a dinamización do medio rural no seu conxunto”.
“O sector lácteo pode presumir duns métodos de produción que cumpren coa normativa máis estrita do mundo no que se refire a calidade, rastrexabilidade, seguridade alimentaria, benestar dos animais e compromiso coa sustentabilidade da actividade e coa loita contra o desperdicio alimentario”, remarcou Ferreiro.
Ao seu xuízo, “as gandarías europeas, na súa inmensa maioría de carácter familiar, son un motor de desenvolvemento e de revitalización para as zonas rurais. E as industrias lácteas, as principais fábricas coas que contan moitos dos nosos pobos”. “A súa presenza contribúe a manter vivas as zonas rurais fixando poboación e creando emprego”, concretou o presidente.
A directora xerente de InLac, Nuria María Arribas, incidiu en que a sustentabilidade do sector “é un compromiso que asumimos e a nosa folla de roteiro, os nosos traballos diarios, converxen cara a ese obxectivo de producir máis con menos, sendo cada día máis respectuosos co medio ambiente e asegurando a soberanía alimentaria”. “Porque non esquezamos -destacou Arribas- que a poboación mundial crece exponencialmente e teremos problemas de produción de todo tipo de alimentos con recursos cada vez máis escasos, como auga, pastos e terras”.
Na súa opinión, “falar de sustentabilidade é facelo da loita contra o cambio climático implica e, así mesmo, da prevención do desperdicio alimentario”. Segundo datos da FAO, “se aproveitásemos a comida que actualmente se desperdicia, poderiamos alimentar a máis de dous mil millóns de persoas e combater os problemas de acceso á comida a nivel global”.