“Cómpre avanzar na etiquetaxe da orixe do queixo para frear as importacións de lácteos”

Os dous primeiros meses do ano rexistran cifras históricas de importación de queixos e de leite líquido, con destino principalmente a queixerías. Román Santalla, de Unións Agrarias – Upa, defende a necesidade de impulsar a etiquetaxe da orixe do queixo, igual que se fixo no seu día co leite UHT

“Cómpre avanzar na etiquetaxe da orixe do queixo para frear as importacións de lácteos”

Camións cisterna do principal conglomerado lácteo alemán. / Arquivo.

A falta de leite, polo descenso de produción nos últimos meses, e os prezos, que se manteñen en niveis elevados pese á baixada xeralizada na renovación dos contratos desta primavera, están a levar ás industrias e cadeas de distribución asentadas en España a tirar das importacións para subministrarse.

Cada día, máis de 30 cisternas de leite e nata cruzan a fronteira, principalmente de Francia e Portugal, pero tamén de Alemania e Holanda, entre outros países. Son cantidades significativas, que non se vían nos últimos anos.

A chegada de cisternas de leite e nata duplicouse con respecto ao ano pasado e a importación de queixos aumentou un 20%

O queixo segue a mesma tendencia. As máis de 50.000 toneladas importadas nos dous primeiros meses do ano supoñen un máximo histórico, xunto ó ano 2016. Cómpre ter en conta ademais que o volume importado de queixos nestes dous meses representa aproximadamente unhas 350.000 toneladas de leite equivalente.

Ante esta situación, o sector chama a adoptar medidas. Falamos da situación con Román Santalla, responsable do sector leiteiro de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias, e secretario da Interprofesional Láctea (InLac), un órgano que reúne a produtores e industrias no que se fai un seguemento trimestral das importacións de leite e derivados, entre outras moitas funcións.

“Estabámolo vendo. Ante o prezo que estaba mantendo aquí a materia prima, tanto a industria como a distribución recorren ao de sempre, ás importacións, xerando presión interna para tentar desmantelar o mercado”, cuestiona.

Román pon o foco na importancia dunha etiquetaxe clara. “A etiquetaxe da orixe do leite, iniciada a partir da crise de prezos do 2015-2016, deu moi bos resultados. O leite que se vende hoxe é basicamente de orixe español, porque ninguén quere collerse as mans dicindo que está vendendo leite francés”, asegura.

Coa etiquetaxe da orixe do leite conseguimos que ninguén queira collerse as mans dicindo que está vendendo leite francés

Por iso, di, “é moi importante seguir avanzando tamén na etiquetaxe da orixe do queixo”. “Quédanos un camiño longo aínda por andar nese sentido. Sabemos que hai unha valoración crecente dos produtos de proximidade por parte do consumidor”, argumenta.

Altibaixos no prezo do queixo

O queixo sufriu nos últimos meses unha serie de oscilacións no prezo, cun comportamento distinto en España con respecto ao resto de países europeos. “As queixerías españolas non lograron trasladar á distribución a suba de custos. Por iso están botando man ao leite spot para facer queixo industrial. O fluxo das cisternas de leite importadas vén basicamente para queixo e o leite desnatado úsase tamén moito para o produto industrial”, asegura Román.

As importacións de cisternas de leite veñen basicamente para queixo, non para envasar para consumo directo

“A suba do queixo en Europa foi espectacular nunha primeira fase, cunha suba fortísima, dun 35% de penalti, mentres aquí o queixo español, particularmente o galego, foi capaz de trasladar tan só un 10% de subida. Por iso as queixerías galegas estiveron en problemas. Pero nos últimos meses o queixo galego e español seguiu aumentando o prezo, ata lograr unha revalorización do 20-25% neste momento, mentres o queixo en grandes barras que vén de Europa e que despois se trocea aquí, sufriu unha baixada tremenda”, conta.

“Non somos capaces de competir co queixo alemán”

Román, que é tamén presidente da cooperativa Cobideza, que conta con queixería propia (Dona Cobiña), recoñece que “en España as queixerías non somos capaces de competir en prezo co queixo alemán”.

En España as queixerías non temos tecnoloxía nin volume para competir coas grandes fábricas alemás, onde desnaturalizan o leite e logran facer queixo a prezos irrisorios

“O queixo que vén a España é un queixo prefabricado. O que chega aquí son, por así dicilo, os ‘despoxos’ do leite convertidos en queixo, pero como se corta nunha máquina e se bota nunha hamburguesa ou nunha pizza, séguese usando. Primeiro desnaturalizan o leite, sácanlle até a última ‘alegría’, aproveitan a materia graxa e a proteína a tope e co que queda fan queixo. Son fábricas moi grandes que teñen capacidade para facer iso. O valor engadido sácanllo aos outros produtos e logran producir o queixo a prezos irrisorios. En España as queixerías non temos tecnoloxía nin volume para competir con iso”, admite.

O sector español está posicionado no mercado sobre a base da calidade e orixe, pero advirte da necesidade de controlar as importacións e de etiquetar correctamente os queixos importados, así como os sucedáneos de queixo que, en ocasións, se etiquetan como queixo, un problema do que se vén advertindo desde hai anos.

Evolución das cifras de importacións

As entradas de leite e nata do exterior dobráronse en xaneiro deste ano, en comparación co mesmo mes do 2022, en tanto as importacións de queixos foron as máis altas dun mes de xaneiro en toda a serie histórica, con consecuencias sobre as queixerías galegas.

Febreiro segue o mesmo camiño. Só no mes de febreiro chegaron do exterior 26.138 toneladas de leite e nata (tanto sen concentrar como concentrados), 25.710 toneladas de queixo, 3.000 toneladas de manteiga e 19.215 toneladas de suero de manteiga e lactosuero.

Chegan cada mes case 1.000 cisternas de leite e nata, o dobre que o ano pasado

Por países, o leite e a nata proceden maioritariamente de Francia, Portugal, Países Baixos e Alemaña, mentres que o queixo vén, por esta orde, de Holanda, Alemaña, Francia, Italia, Bélxica ou Dinamarca.

Fonte: Estadísticas de comercio exterior de bienes de España y la UE (Ministerio de Industria, Comercio y Turismo)

Fonte: DataComex, Estatísticas de comercio exterior (Ministerio de Industria, Comercio e Turismo)

En conxunto, as 51.500 toneladas de leite e nata importados en xaneiro e febreiro son máis do dobre das mercadas ao exterior nos primeiros dous meses do ano pasado.

O queixo que procede de Francia e Italia é un produto de maior valor engadido que o procedente de Alemaña ou Holanda

Prezos un 10% máis altos en España en febreiro

O prezo medio do leite pagado en orixe na UE situábase no mes de febreiro en 53,3 céntimos, descendendo en marzo até os 51,8 céntimos. Dos principais países produtores de leite, España era o que mantiña en febreiro o prezo máis alto (58,5 céntimos), moi por enriba doutros países como Francia (50 céntimos), Alemaña e Portugal (54,1), Holanda (56) ou Italia (57,4).

prezos leite UE febreiro 2023Do mesmo xeito, España tamén era en febreiro un dos países con maior caída na produción (-1,9% con respecto ao mes de febreiro do ano anterior). No lado contrario situábanse Bélxica (+5%), os Países Baixos (+4%), Alemaña (+2,3%), Dinamarca (+1%), Polonia (+1%) ou Portugal (+0,4%).

En marzo, a produción repuntou en España, pero aínda se situou un 0,4% por baixo da do mesmo mes do ano anterior. Galicia, entre tanto, sitúase xa nunha senda de leve crecemento de entregas, con algo menos do 1% de suba no último mes en relación a marzo do 2022.

Nos últimos 12 meses a produción baixou en España un 2,6% mentres en Holanda se incrementou un 2,2% e en Alemaña un 0,7%

Estes dous factores, prezo e produción, están empurrando as importacións no que vai de ano. Así, as industrias lácteas e cadeas de distribución están compensando a menor produción de leite en España cun significativo aumento das importacións de lácteos.

O queixo, produto refuxio

A caída na cotización de produtos lácteos como o leite en po nos mercados internacionais no último ano está a facer do queixo un produto refuxio para os países excedentarios, como Alemaña. A produción de queixo na UE aumentou nos dous primeiros meses deste ano un 0,9% con respecto ao mesmo período de 2022; a de manteiga un 3,4% e a de nata un 3,8%. 

A caída das exportacións a terceiros países está a derivar parte da produción europea ao mercado interno dos países do sur da UE, como pode ser España.

Alemaña produce moito máis leite do que consume e deriva parte da súa produción á fabricación de queixo para a exportación

A estratexia transformadora da industria láctea española é moi diferente á de países como Francia, Alemaña, Italia ou Holanda. As fábricas existentes en España están moito máis enfocadas ao envasado de leite líquido e moito menos á produción de queixos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información