Nace o primeiro método efectivo para cuantificar leites de diferentes especies en queixos de mistura

Este proxecto de I+D+i foi impulsado por InLac co apoio de Zeulab; o Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC xunto con varias empresas e laboratorios.

Nace o primeiro método efectivo para cuantificar leites de diferentes especies en queixos de mistura

A Organización Interprofesional Láctea (InLac) impulsou un proxecto de I+D+i co obxectivo de desenvolver unha técnica de cuantificación de leites de diferentes especies en queixos que poida ser aplicada polos laboratorios de análises no futuro. O avance é moi significativo, posto que as técnicas dispoñibles ata o momento tiñan un carácter de detección, permitindo coñecer a ausencia ou presenza de leite dunha destas especies, pero sen chegar a cuantificar con precisión a porcentaxe de cada unha delas.

A cuantificación da porcentaxe de leite que foi empregada para a a elaboración dun queixo non é unha tarefa sinxela e depende de varios factores, tanto relativos á composición do leite de partida, como dos diferentes procesos de fabricación, ou o grao de maduración do queixo, segundo explica InLac. Agora, desenvolveuse con éxito un método eficaz para a cuantificación de leites de diferentes especies en queixos de mestura, que poderá ser implementado no futuro nos laboratorios de análises lácteas.

Esta técnica de proteómica dirixida PRM “presenta unha elevada especificidade, gran sensibilidade, un amplo rango dinámico de detección e é independente do estado de maduración da mostra de queixo”. En consecuencia, “é capaz de determinar, en termos de proteína, a cantidade de leite de cada especie nas mostras de queixo. Os resultados da validación realizada de acordo ás guías da AOAC demostraron as prestacións, robustez e fiabilidade do método para a análise de queixos tipo ibérico”, explican os autores. Na actualidade, está a consolidarse o método analizando outros tipos de queixos e un número maior de queixos comerciais tipo ibérico.

Os queixos de mestura de leite de diferentes especies son producidos principalmente en países mediterráneos como España e moitos deles están protexidos por denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, o que lles outorga un valor engadido cara ao consumidor. En España o 40% do queixo que se produce é queixo de mestura. No futuro, os fabricantes terán unha arma poderosa para poder certificar os lácteos presentes nos queixos de mestura e potenciar o seu valor e prestixio nos esixentes mercados nacional e internacionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información