O piñeiro inicia a remontada

As plantacións anuais de coníferas en Galicia multiplícanse por 10 desde o ano 2018. A Fundación Arume pronostica que se manterá esa tendencia de crecemento, dado o aumento de prezo da madeira de piñeiro e a súa escasez no mercado

O piñeiro inicia a remontada

O piñeiro deixou atrás o pozo no que se metera no 2008, cando a crise da construción tirara de súpeto cos prezos. Aquela crise levara a que os piñeiros perderan atractivo para o propietario forestal, pois o eucalipto ofrecía rendibilidades moi superiores. O piñeiro entrou entón nun círculo vicioso. Como non se pagaba a súa madeira, non se plantaba. Esa travesía do deserto durou algo máis dunha década, pero semella terse pechado.

No 2018, ante a decadencia que arrastraban os piñeirais galegos, a cadea galega do piñeiro uniuse en bloque, desde os propietarios forestais ata a industria, para impulsar a recuperación das coníferas. O obxectivo era claro, impulsar o piñeiro con mellora xenética, silvicultura e marca (Pino de Galicia) co obxectivo prioritario de transmitirlle ó propietario que apostar polo piñeiro tiña futuro.

O inicial acordo da cadea forestal, plasmado nun convenio no outono do 2018, deu paso á creación da Fundación Arume, a mediados do 2019. Ese foi un primeiro punto de inflexión para o piñeiro, tal e como revelan os datos de plantacións de coníferas en monte, que vén de presentar en rolda de prensa a Fundación Arume.

Se no 2018 os viveiros galegos produciron só 524.000 plantas de coníferas, no periodo 2019 – 2021 esa cifra de produción anual ascendeu a unha media de 5,1 millóns de plantas, case dez veces máis. “O feito de que industria e propietarios nos uníramos cun obxectivo común, o de atender as necesidades de madeira da industria, foi un factor clave” -valora o vicepresidente de Arume, Francisco Dans, tamén director da Asociación Forestal de Galicia-. “Houbo tamén un golpe de sorte asociado, como foi o ‘boom’ da bioeconomía, cunha maior demanda de madeira para usos tradicionais e novos usos, caso da construción ou novas fibras”, salienta.

“Estamos comercializando maior porcentaxe de planta con categorías xenéticas superiores. En Galicia, estamos moi acostumados ó regateo na planta, pero paga a pena investir un pouco máis para ter mellores resultados” (Isabel Álvarez, Vifoga)

En paralelo ó aumento das plantacións en monte, os viveiros galegos, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, están traballando para impulsar a mellora xenética dos piñeiros. “Estamos comercializando un maior volume de plantas de categorías xenéticas superiores, os chamados materiais controlados e cualificados, que lle ofrecen ó propietario maiores produtividades. O obxectivo último é acortar os turnos de corta do piñeiro”, explica a presidenta da asociación Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), Isabel Álvarez.

De cara ó 2023, os viveiros teñen ademais previsto comercializar xa unha partida significativa de planta de piñeiro resistente ó nematodo, unha praga que se convertiu no pesadelo dos piñeirais do sur de Pontevedra. “Cun lixeiro investimento maior en planta, o propietario terá acceso a unha planta resistente a enfermidades e máis produtiva. En Galicia, estamos moi acostumados ó regateo na planta, pero é importante que o propietario vexa as vantaxes da mellora xenética e aposte pola calidade”, conclúe Isabel.

Das pouco máis de 400 hectáreas plantadas no 2018 pasouse ás 4.000 do último ano. Espérase que o aumento de prezos do piñeiro teña ademais un efecto chamada sobre as novas plantacións

O cambio de tendencia nas plantacións en monte, cun aumento do cultivo do piñeiro, supuxo pasar das pouco máis de 400 hectáreas plantadas no 2018 a unhas 4.000 no último ano. Delas, 1.774 foron de piñeiro do país, 1.335 de piñeiro insigne e 870 de piñeiro silvestre, o habitual en zonas de montaña do interior de Lugo e Ourense.

A estas hectáreas, hai que sumar as de rexeneración natural tras corta, co cal se calcula que cada ano se instalan arredor de 8.000 novas hectáreas de piñeiro en monte. É unha cifra que convida ó optimismo, sobre todo porque o aumento de prezos que está a experimentar ó piñeiro terá o seu efecto chamada.

O prezo do piñeiro sobe entre un 40 e un 50%

No último ano, o prezo da madeira de piñeiro disparouse en monte entre un 40 e un 50%, o que levou a que claramente as coníferas recuperaran atractivo para o propietario forestal. “Se hoxe en día tivese que facer un investimento, unha plantación de piñeiro vaime dar máis rendibilidade que calquera produto financieiro que haxa no mercado”, compara o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo.

“Non hai ningún produto financieiro no mercado que proporcione o retorno que se vai obter dunha plantación de piñeiro” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

“Estamos no bo camiño e nesta recuperación do piñeiro é xusto recoñecer o papel que tiveron os aserradoiros galegos á hora de arrimar o ombro e que fora para adiante o proxecto da Fundación Arume de impulsar as coníferas”, conclúe Jacobo Feijoo.

“Quizais poidamos dicir que volvemos á situación anterior ó 2008, cando o piñeiro era unha alternativa para o eucalipto” -apunta Francisco Dans-. “O eucalipto deixa de ser a única opción rendible e o piñeiro é unha alternativa moi interesante, sobre todo porque pensamos que estamos ante un cambio do mercado estrutural, non coxuntural”, destaca.

De feito, no sector vense aínda como insuficientes as preto de 8.000 hectáreas que se instalan cada ano de piñeiro en Galicia, entre plantacións e rexeneracións naturais, pois o volume de corta de piñeirais é probablemente superior.

“As restauracións con piñeiro acompañaranse de frondosas caducifolias nos terreos propicios. O coidado da biodiversidade é unha das nosas preocupacións” (Francisco Dans)

“O obxectivo que probablemente se teña que marcar a Fundación Arume é o de superar as 10.000 hectáreas de piñeiro plantadas cada ano”, reflexiona Dans. Esa cifra permitiría xa contrarrestar a decadencia experimentada nas últimas décadas polos piñeirais, lastrados polo cambio cara o eucalipto, por grandes incendios en Ourense e Pontevedra, e pola debacle que experimentaron os piñeirais portugueses por factores semellantes.

Francisco Dans, Isabel Álvarez e Jacobo Feijoo, trala rolda de prensa.

Francisco Dans, Isabel Álvarez e Jacobo Feijoo, trala rolda de prensa.

Biodiversidade e medioambiente
De cara ós proxectos de restauración de montes afectados por lumes que poida acometer a Fundación Arume no futuro, Dans subliña que a intención da entidade pasa por impulsar as coníferas como especie principal, pero con acompañamento de frondosas caducifolias nos terreos propicios. “O coidado do entorno e da biodiversidade é unha das nosas preocupacións”, destaca.

A Fundación Arume lembra ademais o papel do piñeiro na absorción de carbono atmosférico, o que contribúe a mitigar o cambio climático. O sector ve no piñeiro unha estratexia ‘win – win’ (gañar – gañar), bo para o medioambiente e atractivo para o propietario forestal, cunhas perspectivas de prezos positivas.

“O único temor que temos é puntual, é dicir, se na actual coxuntura de guerra de Ucraína e subas enerxéticas, o mercado vai poder soster o crecemento de prezo da madeira, que tamén se ve afectado polo aumento de gastos de transporte e de gastos enerxéticos na industria. Pensamos que si. Primeiro porque hai menos madeira no mercado (a de Rusia, Bielorrusia e Ucraína) e segundo, porque tamén se encareceron os materiais que son competencia da madeira”, sopesan na Fundación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información