O monte en Galicia demóstrase un ano máis como un bo investimento para as familias galegas. No 2021, os propietarios forestais facturaron arredor de 291,8 millóns de euros por venda de madeira, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia, elaboradas a partir dos datos de cortas da Consellería do Medio Rural. Esa cifra supón arredor dun 29 % máis que o facturado o ano anterior.
Facturación
Dos 291,8 millóns de euros facturados polos propietarios forestais no 2021, 168,1 millóns corresponden ó eucalipto , 117,8 millóns ás coníferas e en torno a 5,8 millóns ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual para a industria.
O maior aumento en facturación correspondeu ás coníferas, en tanto o eucalipto mellorou en relación ó 2020, pero mantense aínda por atrás das cifras de facturación e cortas do 2018 e 2019.
As dúas provincias con maior peso no sector son A Coruña e Lugo, que en conxunto aglutinan tres cuartas partes das cortas de piñeiro e máis do 85 % das de eucalipto.
Por comarcas, Santiago – Meseta interior lidera a facturación por cortas de eucalipto (29 millóns de euros); en tanto Lugo – Sarria é líder en piñeiros (19,2 millóns de euros) e en frondosas (960.000 euros).
Prezos en coníferas
O aspecto máis destacado do último ano foi o aumento progresivo dos prezos na madeira de piñeiro, que se intensificou no segundo semestre do 2021. Este aumento debeuse á situación do mercado internacional, no que se produciu unha mellora da demanda que favoreceu tanto ás coníferas galegas como ás do resto de Europa (abeto, piceas, piñeiro silvestre, etc.).
Os prezos do piñeiro para serra sitúanse xa arredor dun 40 – 50 % por riba dos rexistrados no 2020, segundo os datos que manexa a Asociación Forestal de Galicia.
En rolla de piñeiro, o prezo sitúase no arco de 42 – 51 euros / metro cúbico (madeira en pé sen Ive); a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, móvese nos 66-71 euros, e o puntal para trituración ronda os 18-25 euros.
Prezos en eucalipto
En eucalipto, o mercado experimentou menores cambios no 2021, cunha lixeira suba ó longo do ano pola mellora dos prezos da pasta de papel. O eucalipto globulus sitúase na actualidade nos 30-35 euros / metro cúbico (madeira en pé sen Ive e con casca), en tanto o nitens ronda os 26-30 euros. Nos prezos inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira.
Cortas
No 2021, é de destacar tamén unha lixeira suba no volume da madeira cortada en monte, que se situou no entorno dos 10 millóns de metros cúbicos (9,7 millóns correspondente a propiedades particulares e montes veciñais e arredor de 300.000 metros cúbicos correspondentes a montes de xestión pública, na súa maioria por convenios con comunidades de montes).
Da madeira cortada por particulares e montes veciñais, 5,6 millóns de toneladas foron de eucalipto, 3,8 de piñeiro e pouco máis de 200.000 de frondosas caducifolias.
As cortas de propietarios particulares e montes veciñais incrementáronse en arredor de medio millón de metros cúbicos en relación ó ano anterior. Subiron tanto as cortas de eucalipto como, sobre todo, as de piñeiro, froito dos bos prezos de mercado e dun aumento de cortas puntual na primavera do 2021, antes de que entrase en vigor a moratoria do eucalipto.
Multifuncionalidade do monte e manexo sostible
Os cálculos de facturación correspóndense a ingresos por madeira en pé, con casca e sen incluír Ive. A maiores do percibido pola venda de madeira, os montes veciñais e propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, resina, plantacións froiteiras, rabaños en silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (venda de carbono), entre outros.
Todos estos ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. A Asociación Forestal subliña que os propietarios proceden á plantación ou á rexeneración natural de tódalas superficies cortadas, o que contribúe a garantir a continuidade dos servizos ambientais, sociais e económicos que prestan os bosques.