O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas, dotadas cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros.
A través destas achegas, poderán crearse superficies forestais con cinco especies diferentes de coníferas, como o piñeiro do país, o radiata ou o piñeiro silvestre; e con 21 especies de frondosas, como o ameneiro, o bidueiro, o freixo ou o castiñeiro, entre outros.
Os beneficiarios das axudas poderán ser tanto propietarios particulares como agrupacións dos mesmos ou comunidades de montes veciñais.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a partir do próximo luns, 5 de febreiro.
Superficies
A superficie mínima a plantar será dunha hectárea en couto redondo e ten que cumprir o requisito de que non existise nela arboredo cando menos os últimos cinco anos, ou que o que haxa teñan unha fracción de cabida cuberta inferior ó 20% da parcela. Exceptúanse desta obriga as parcelas ocupadas por eucalipto cun diámetro inferior a 10 centímetros ou as parcelas con acacias, mimosas ou robinias.
As parcelas teñen que cumprir ademais o requisito de estar identificadas no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como forestal (FO), pasto con arboredo (PA), matogueira (MT) ou pasto arbustivo (PR).