“O laminado de eucalipto globulus valórase no mercado internacional ao nivel das madeiras tropicais”

Máis alá da pasta de papel, que posibilidades ten a madeira de eucalipto globulus e nitens en Galicia?. Falamos con Laminados Villapol (Trabada, Lugo), unha empresa pioneira na transformación desta especie, e consultamos opinións no sector. Dificultade de secado e dureza da madeira seguen a ser algúns dos condicionantes no seu procesado

“O laminado de eucalipto globulus valórase no mercado internacional ao nivel das madeiras tropicais”

O Grupo Villapol (Trabada, Lugo) é pioneiro en Galicia na transformación da madeira de eucalipto globulus, unha especie que encaixou en múltiples aplicacións. Tarimas, taboleiro alistonado, perfís laminados, vigas ou chapas son algúns dos produtos finais que elabora a empresa con eucalipto galego. O seu conselleiro delegado, Daniel Villapol, incide nas posibilidades da especie. “Desde o punto de vista de aplicación, o eucalipto globulus é unha madeira que ten as características dunha madeira de crecemento lento, sendo de crecemento rápido”, explica.

A principal liña de transformación de Villapol co eucalipto enfócase á madeira laminada, é dicir, á conformada pola unión encolada de pezas polos seus cantos ou caras. Os laminados ofrecen vantaxes mecánicas, de resistencia e estabilidade en comparación coa madeira maciza, e os de eucalipto están a ter éxito no mercado europeo.

“Unha vez laminada, a madeira de eucalipto globulus está moi ben considerada no mercado internacional. Sitúase ó nivel das mellores madeiras, como o carballo ou as madeiras tropicais”, detalla Villapol, que incide en que se trata ademais de pezas caracterizadas pola súa durabilidade, con poucos ataques de fungos ou polillas.

“O eucalipto globulus é unha madeira que ten as características dunha madeira de crecemento lento, sendo de crecemento rápido” (Daniel Villapol, Grupo Villapol)

“O eucalipto globulus é unha madeira de gran calidade”, reivindica Villapol, que destaca que os seus produtos se están a empregar en múltiples usos de carpintería de calidade, como rehabilitacións, elaboración de fiestras, mobiliario e tarimas.

Coas árbores de menores diámetros, tamén son numerosos os destinos posibles. Desde embalaxes ou palés a mangos de ferramentas, elementos para minas ou a trituración da madeira para taboleiros.

O eucalipto para madeira serrada, oportunidade de futuro?

A maioría da madeira serrada que se produce nos serradoiros galegos é de coníferas, se ben tamén hai serradoiros que están a traballar con eucalipto globulus e frondosas, e mesmo xa se están a facer probas co eucalipto nitens, unha especie que se extendeu desde inicios de século polo interior das provincias de A Coruña e Lugo, en áreas tradicionais de piñeirais. Co aumento que experimentaron os eucaliptais nas últimas décadas, e a conseguinte reducción da oferta de coníferas que sufrirán os serradoiros, xurde a cuestión sobre se é posible un maior uso de eucalipto no serrado.

Os primeiros estudos realizados polo CIS Madeira (Centro de Innovación e Servizos da Madeira), no 2000-2002, revelaron daquela que era factible o serrado de eucalipto, especialmente do eucalipto globulus, pero as características tecnolóxicas da madeira limitaron na práctica o seu aproveitamento.

Condicionantes do uso da madeira de eucalipto para serra

O primeiro problema que se atopan os serradoiros co eucalipto é a dureza da madeira. Trátase dunha madeira nerviosa e que presenta importantes tensións de crecemento. “Estes factores fan que os custos de produción sexan máis altos que os habituais no serrado do piñeiro, debido á necesidade de maior potencia e ó maior desgaste que sofre a maquinaria”, analizan desde a Axencia Galega da Industria Forestal, XERA (Consellería de Economía).

Xunto ós maiores custos de fabricación, a capacidade de produción dunha instalación orientada ó eucalipto redúcese pola baixada nas velocidades de alimentación nos cortes das serras. Alén disto, debido á presenza de altas tensións de crecemento, existe unha maior proporción de pezas con defectos de serrado que no caso de serrar piñeiro, ben por curvaturas ou por fallos dimensionais.

O segundo problema, e posiblemente máis importante segundo coinciden en sinalar dende o sector, é a dificultade de secado da madeira de eucalipto. Trátase dunha especie que precisa tempos de secado moi superiores ás coníferas, en torno a 5-10 veces máis, e prodúcese unha maior perda de materia prima, ben pola perda de sección por contracción da madeira -superior á habitual no piñeiro-, ben pola aparición doutros defectos como fendas externas e internas, aumento de curvaturas, alabeos ou atellado.

O custo e a dificultade para secar a madeira de eucalipto fan que non resulte competitiva economicamente se se compara co piñeiro

Estes factores fan que o custo de produción desta madeira seca de eucalipto non estea a resultar competitiva economicamente en comparación coa de piñeiro, segundo se valora no sector.

Propiedades
As características do eucalipto, sobre todo densidade e dureza, fan ademais pouco viable a substitución dos mercados tradicionais de coníferas por esta madeira.

“As propiedades da madeira de eucalipto son moi diferentes das coníferas, especialmente no eucalipto globulus, cunha maior densidade e dureza. Isto fai que a madeira serrada de eucalipto, en xeral, non poida substituír directamente ós produtos tradicionais serrados de piñeiro. Sería preciso atopar novos destinos de valor para esa madeira” -conclúen desde XERA-. “A día de hoxe, non é factible, a curto prazo, unha reconversión da industria de serrado de Galicia cara o procesado de madeira de eucalipto”, rematan.

Silvicultura
Outra cuestión a ter en conta é a escasez de plantacións de eucalipto orientadas para serra. Os prezos competitivos acadados polas plantacións para pasta de papel limitaron o interese dos propietarios en plantacións con turnos de corta máis longos. Iso tamén freou as liñas de investigación orientadas a mellorar o rendemento da especie para serrado.

“Debido ó excelente rendemento económico coa pasta de papel, nunca houbo realmente un interese en desenvolver serrado do globulus, salvo excepcións como os laminados que realizan algunhas empresas galegas ou as vigas de batea”, apunta Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias.

“Cando se expandiu o piñeiro insigne en Galicia, traballouse na adaptación da especie á madeira para serra. Co eucalipto non se percorreu aínda ese camiño” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

“Estase serrando algo de eucalipto globulus, pero nunca houbo nin silvicultura nin investigacións en profundidade sobre o serrado desta madeira, polo que non se explotaron as súas posibilidades”, conclúe Feijoo.

O responsable de Asefoga compara a diferente evolución do eucalipto en Galicia coa que tivo no seu día o piñeiro insigne (ou radiata) cando se expandiu na comunidade: “Cando chegou o radiata, había queixas pola cantidade de pólas que tiña. Conseguíanse bos rendementos por metro cúbico, pero tiña moita póla porque fora seleccionado para producir grandes volumes de fibra, non para ser serrado. Nese momento traballouse moito na mellora xenética e en procurar adaptar a especie á madeira para serra e logrouse. Co eucalipto non se percorreu ese camiño de mellora xenética e silvicultura para serra”, detalla o enxeñeiro de montes.

Podería ter o nitens un aproveitamento no serrado?

Co eucalipto nitens, unha madeira máis branda e de menor densidade que a do eucalipto globulus, redúcense algunhas diferencias tecnolóxicas entre o piñeiro e o eucalipto, pero as perspectivas do eucalipto nitens para o serrado son polo de agora pouco esperanzadoras, malia que xa se fixeron estudos sobre as súas posibilidades.

Un primeiro problema é que o eucalipto nitens carece da durabilidade que ofrece o globulus e mesmo resulta máis difícil de secar. “Polo momento, non se ten experimentado suficiente sobre o uso do nitens en segundas transformacións, pero é moi complexo e nunca vai acadar o valor que ten o globulus, xa que o comportamento da madeira non é semellante, incluso dende un punto de vista de terminación, en aspectos como a cobertura de tinturas”, valora Villapol.

Planta de fibras téxtiles e serrado
Con todo, o aproveitamento do eucalipto nitens para serrado pode atopar unha nova oportunidade da man da fábrica de fibras téxtiles que se planea construír en Galicia, xa que é probable que se abasteza de árbores de máis idade que os destinados a pasta de papel, segundo apunta o responsable de Asefoga, Jacobo Feijoo. “Se hai un aumento das quendas de corta, en busca de árbores cunha composición química máis favorable para as fibras téxtiles, iso podería favorecer unha sinerxia entre a planta de fibras textiles e o uso da madeira para serrado”, reflexiona.

“Do mesmo xeito que agora hai unha sinerxía moi boa entre a industria do taboleiro e o serrado no caso do piñeiro, xa que a maior parte das madeiras que se sacan nas claras de piñeiros acaban indo para taboleiro, podería producirse a mesma situación co eucalipto”, valora.

Así, no caso do nitens que se destine para a fábrica de fibras téxtiles no canto de para pasta, o momento máis tardío de corta podería animar ós propietarios a non cortar toda a madeira e a deixar exemplares máis anos, para que logo se poidan aproveitar para serra, de xeito que se dea unha silvicultura mixta orientada ós dous aproveitamentos. “Paga a pena investigalo e saber se se pode levar á práctica”, anima o enxeñeiro de montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información