Creada unha plataforma online para promover a construción en madeira

Creada unha plataforma online para promover a construción en madeira

Edificio con uso de madeira estrutural. / Arquivo.

Esta semana vén de poñerse en marcha unha plataforma orientada a promover a construción en madeira. A iniciativa foi impulsada pola Axencia Galega da Industria Forestal e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.

Coa plataforma, búscase dar a debida resposta á demanda das arquitectas e arquitectos de Galicia en materia do uso da madeira en construción, creando un espazo compartido entre prescritores, tecnólogos, instaladores e fabricantes de madeira na nosa Comunidade. O obxectivo é impulsar o uso deste material na construción, tanto de edificios públicos como de promoción privada, desde o coñecemento compartido.

Tamén se queren mostrar as vantaxes que ofrece a madeira como material de construción, aclarando cuestións como o custo do seu mantemento, a súa durabilidade e a súa protección fronte aos incendios ou fenómenos naturais, como episodios sísmicos.

O portal web foi desenvolvido tecnoloxicamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), sendo unha demanda histórica do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, que persegue achegar toda a información necesaria aos prescritores, sobre o uso da madeira para fins estruturais en comparación con proxectos de formigón ou aceiro.

Características da plataforma

Entre as diversas seccións destaca o apartado de consultas. Nel, os tecnólogos do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos (CIS) da Madeira e do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia darán resposta ás dúbidas e consultas que poidan ter as arquitectas e os arquitectos sobre os usos da madeira en construción. Ademais, as respostas elaboradas poderán logo consultarse de forma pública.

No apartado de recursos, poderase ter información como entrevistas, publicacións, informes ou novas de interese, que completen a formación e coñecemento dos prescritores no mundo da madeira en Galicia. Na parte práctica, está o apartado de proxectos, o cal ofrecerá información técnica e en detalle daquelas obras ou construcións xa realizadas, onde a madeira xogou un papel significativo.

Finalmente, tamén se agarda favorecer a prevención fronte aos incendios forestais mediante a xestión forestal sustentable dos montes galegos, favorecendo o uso de madeiras locais, e poñendo énfase na marca de garantía “Pino de Galicia”.

Una idea sobre “Creada unha plataforma online para promover a construción en madeira

  1. antonio

    Hola, estoy interesado en construir una casa de madera. Me pueden dar informacion de empresas que se dediquen a ello. Muchas gracias. Saludos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información