O Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea ven de publicar un informe sobre a evolución do mercado de produtos lácteos de xaneiro a maio deste ano, no que se evidencia a importante caída das compravendas nos meses de abril e maio, coincindo co pico da incidencia da crise do coronavirus Covid19 e as medidas de confinamento da poboación.
Así, no relativo á manteiga, o ano comezou nos tres primeiros meses con China como excepción disparando as súas importacións, aproveitando a baixada de prezos, para volvelas reducir aos niveis de 2019 nos meses de abril e maio. Aínda así, nos cinco primeiros meses do ano incrementou nun 43% as súas compras ao exterior de manteiga. Rusia tivo un comportamento semellante, e rexistrou un incremento do 11% nas importacións deste produto, mentres que o Reino Unido e a Unión Europea reduciron as súas compras ao exterior de manteiga entre xaneiro e maio nun 17 e nun 43%, respectivamente.
No que respecta ao leite desnatado en pó (SMP polas súas siglas en inglés) a caída das compras dos principais países importadores foi xeneralizada en abril e maio. Así, China reduciunas nun 13% en volume; Filipinas nun 45%; Malasia nun 20% e só Indonesia as incrementou nun 4% respecto ao mesmo período de 2019.
No mercado do leite enteiro en pó (WMP) a tendencia baixista foi similar, coa excepción de China, que incrementou as súas importacións nun 3%. No resto de principais países compradores houbo unha caída xeral: un 16% menos en Tailandia; un 33% menos en Hong Kong e unha caída do 45% no caso de Brasil.
Por último, os principais países importadores de queixos tamén reduciron as súas compras ao exterior nos meses de abril e maio. Destaca a importante caída do Reino Unido (-25%), seguida de Xapón (-9); a Unión Europea (-5%); mentres que Rusia aumentou as súas compras de queixo nun 2% nos cinco primeiros meses do ano respecto ao mesmo período de 2019.
Do lado dos países exportadores, as caídas das vendas de produtos lácteos ao exterior foi xeneralizada entre xaneiro e maio. Só incrementaron as súas vendas a Unión Europea en manteiga (un 37% máis) e leite enteiro en pó (8% mais); Estados Unidos en leite desnatado en pó (17% máis) e Bielorusia en queixos (+9%).