Unións Agrarias (UUAA) reclama que a Xunta de Galicia non permita o acceso a axudas públicas a empresas lácteas que paguen prezos a produtoras galegas por debaixo do que paguen noutras autonomías. Para isto, UUAA pon en marcha unha recollida de sinaturas pedindo prezos xustos para os e as produtras de leite, unha reinvindicación que xa trasladaron ao Executivo galego.
Os motivos exhibidos pola organización agrogandeira para iniciar esta campaña é que en 2023 as explotacións galegas reciben entre 10 e 12 céntimos céntimos por litro de elite. Estas rebaixas de prezos impostas nas renovacións contractuais de abril e agosto fan prever unha nova rebaixa de prezos, en total 3 céntimos por litros. Desta maneira, búscase que a sociedade vexa a “posición reprobable” das industrias lácteas.
Para a organización agrogandeira é necesario que as persoas consumidoras sexan coñecedras das prácticas realizadas “polas marcas que consomen” e, por outra parte, que as autoridades sancionen de maneira contundente estes comportamentos ademais de non permitirlles o acceso ás axudas públicas por incumprir a Lei de Cadea Alimentaria.
Prezos
O prezo que cobra unha explotación láctea galega a día de hoxe é duns 0,49€ fronte aos 0,54€ en Castilla y León. UUAA ve neste comportamento un agravio comparativo para o sector produtivo en Galicia, de aí que lle reclame á Xunta medidas como as xa descritas.
A isto súmase a suba dos prezos dos briks de leite nos puntos de venda cara o público fronte a un aumento dos custos de produción para os gandeiros e gandeiras que, aínda que baixaron lixeiramente, veñen observando repuntes sobre todo nos prezos do combustible.
Outros produtos industriais como a manteiga e o leite en pó teñen incrementado as súas cotizacións nos últimos meses: un 1,3% e un 4,8%, respectivamente, na última subasta de Fonterra (Global Dairy Trade), recoñecida como referencia a nivel mundial. Na mesma liña, tamén o leite spot, un referente da tendencia do mercado, está en claro ascenso de prezo, co último dato publicado fixado nos 52,5 céntimos.
Unións Agrarias agarda que a Consellería do Medio Rural convoque coa máxima urxencia unha xuntanza con todas as partes implicadas que consiga poñer fin aos incumprimentos e garanta a supervivencia e o futuro do sector produtor galego.
Ademais, Unións Agrarias avoga por procurar fórmulas de indexación que permitan unha formación de prezos xusta e acorde á realidade. Por iso, fai un chamamento para que a administración autonómica lidere as conversas que permitan poñer fin aos abusos e facer da negociación colectiva e do respecto pola legalidade vixente, o marco normal de relación entre produtores e industrias. Por último, lembran que a día de hoxe son 5.792 as granxas de vacún de leite que resisten en Galicia, hai tres anos a nosa Comunidade superaba as 7.000.