“Non hai industria sen leite”. Así o sinalou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración do XXVIII Congreso Nacional e XIX Congreso Iberoamericano de Historia da Veterinaria, que se celebra en Ourense. Deste xeito, o conselleiro quixo facer fincapé na importancia da rendibilidade na gandaría de leite, como fundamento para a sustentabilidade de todo o sector.
Neste sentido, José González amosouse “sorprendido” polas recentes declaracións do presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) nas que advertía que os elevados prezos do leite en España (e, xa que logo, tamén en Galicia) están “lastrando” a competitividade da industria. Porén, o conselleiro lembrou o feito evidente de que “para que haxa leite ten que haber gandeiros” e teñen que funcionar as explotacións. Un funcionamento que -engadiu- depende única e exclusivamente da rendibilidade dunha actividade na que os gandeiros son, de facto, empresarios.
Marxe de beneficio
Na mesma liña, González reiterou o seu convencemento de que “o prezo do leite ten que permitir cubrir os custos de produción e contar cunha marxe de beneficio para o gandeiro, como calquera empresario”. Isto, indicou, debe levar a unha senda de estabilidade porque “só mantendo a estabilidade de prezos e de beneficios existirá remuda xeracional”, remarcou.
O conselleiro afirmou que “tanto industria como distribución teñen que entender este feito” igual que -trasladou- o entenden os veterinarios, que favorecen o proceso produtivo deste e doutros moitos sectores gandeiros de Galicia e de España. Precisamente, en relación co labor que desenvolve o colectivo veterinario, José González quixo recoñecer explicitamente ese traballo, que definiu como “necesario e imprescindible”.
En parecidos termos, o conselleiro fixo fincapé na importancia da rendibilidade para garantir o progreso da actividade primaria, algo para o que -salientou- cómpre “xogar coas mesmas regras”. Por iso, en relación coas gandarías de carne, incidiu na demanda ao Goberno central en funcións para que aplique a rebaixa do IVE para a carne e tamén para o peixe. Son, sinalou, alimentos de primeira necesidade que se están vendo prexudicados pola insensibilidade do Executivo, polo que lamentou profundamente as declaracións desta semana do ministro Planas negando a posibilidade de rebaixar este imposto en ambos casos.