O encontro Piñeiros 22 abordará os desafíos e oportunidades que se lle abren ás coníferas

O evento, organizado pola Fundación Arume, celebrarase o martes 25 de outubro na Cidade da Cultura (Santiago). Pode seguirse presencialmente ou online

O encontro Piñeiros 22 abordará os desafíos  e oportunidades que se lle abren ás coníferas

A Fundación Arume organiza o martes 25 de outubro o Encontro Piñeiros 22, que se desenvolverá no auditorio do Edificio Fontán, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Esta segunda edición da xornada monográfica centrada nas coníferas parte cun enfoque transnacional e congregará a destacados profesionais e investigadores de España e Portugal.

O encontro Piñeiros 22, que leva este ano por lema ‘A cooperación Galicia – Portugal’, abordará como principais eixos temáticos dúas cuestións claves: a sustentabilidade do recurso en monte, que é un dos grandes desafios do sector, e a tendencia en auxe da construción en madeira, que representa unha oportunidade para toda a cadea forestal.

O evento, que está cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), poderase seguir de xeito presencial ou online. En ambos casos requírese unha inscripción previa a través deste formulario.

O panel de relatores do Encontro intersectorial Piñeiros 22 inclúe a destacados profesionais de España e Portugal, tanto do ámbito empresarial como do investigador e técnico, así como a representantes políticos.

O programa configúrase en tres coloquios temáticos. O primeiro deles leva por título ‘Os montes de piñeiro, a sustentabilidade do recurso e a industria da madeira’, e contará coas intervencións de Susana Carneiro (Centro Pinus, Portugal) e de Juan Picos e Julia Armesto (Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Uvigo), baixo a moderación de Nuno Calado, de Sonae – Arauco, unha das principais empresas consumidoras de piñeiro en Portugal.

O segundo bloque tématico centrarase nas oportunidades de mercado que se lle presentan ó recurso. Baixo o título ‘A madeira como material esencial na construción’, contarase coas intervencións de Daniel Ibañez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña; de Juan Antonio Gómez – Pintado, presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España; de Sandra Llorente, directora xeral de Lignum Tech; e de Antonio Carlos Rodrigues, director xeral do Grupo Casais. Modera Emma Romero, da plataforma Wood is Wood.

O último dos bloques temáticos titúlase ‘A cooperación Galicia – Portugal’ e incluirá dous relatorios. Un primeiro sobre os retos da mellora xenética e da resiliencia nos montes de coníferas, a cargo de Raquel Díaz (Centro de Investigación Forestal de Lourizán) e de Isabel Carrasquinho, do Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária.

O segundo relatorio deste último bloque abordará unha experiencia de cooperación transnacional doutro sector económico con peso en Galicia e Portugal, o metalúrxico, cunha intervención a cargo de Enrique Mallón, director xeral da Federación Luso-Galaica de Industriais Metalúrxicos. Modera Nuno Almeida, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Pode consultarse aquí o programa completo en PDF.

Sobre a Fundación Arume
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto do sector forestal da comunidade. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, para o que traballa en catro liñas estratéxicas: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca.

O padroado da Fundación Arume está composto por representantes de toda a cadea de valor da madeira:

Asociación Monte Industria
Asociación Forestal de Galicia (AFG)
Abanca
Asociación de Viveros Forestales de Galicia (VIFOGA)
Federación de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (FEARMAGA)
Asociación Sectorial Forestal Gallega (ASEFOGA)
Clúster de la Madera y el Diseño de Galicia
Asociación de la 1º Transformación de la Madera de Lugo (LUGOMADERA)
Asociación de Empresas de Servicios Forestales de Galicia (SERFOGA)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información