O prezo do eucalipto baixa pola caída do mercado de pasta de papel

A cotización da pasta de papel reduciuse nuns 200 dólares no primeiro trimestre do ano e segue a tendencia descendente. Os stocks de pasta das fábricas en Europa aumentan en máis dun 30% desde decembro

O prezo do eucalipto baixa pola caída do mercado de pasta de papel

Descarga de madeira en Ence Navia. / Arquivo.

As industrias da celulosa están a aplicar baixadas de ata 4 euros nos prezos do eucalipto en monte, segundo os datos que manexan propietarios forestais e empresas de corta de madeira. Ence, a pasteira de referencia en Galicia, baixou 2 euros o prezo do eucalipto globulus e 4 o do nitens, en tanto Navigator baixou 3 euros en toda a madeira. O resto de fábricas compradoras, como Altri ou Torras Papel, están igualmente a baixar tanto prezos como demanda de madeira.

A cuestión de fondo é que o mercado de pasta de papel tocou teito en decembro e desde aquela entrou en caída libre. Se a pasta de papel de fibra curta de eucalipto cotizaba en decembro en Europa a uns 1.380 dólares / tonelada, a finais de marzo xa baixara 200 dólares e no último mes seguiu costa abaixo.

Con todo, a pasta de papel aguanta aínda en niveis altos de prezos, pois cómpre lembrar que, segundo as tarifas vixentes de Ence, a prima de ata 3 euros / tonelada de eucalipto que paga Ence en función do prezo da pasta de papel só se comeza a reducir cando a cotización da pasta baixa dos 900 euros / tonelada (992 dólares).

O problema é que a evolución á baixa dos prezos vén acompañada dunha forte caída da demanda. Os stocks das fábricas aumentaron no primeiro trimestre do ano nun 30% en Europa, pois o ano pechouse con 1,3 millóns de toneladas de pasta en stock e a finais de marzo xa se pasaba dos 1,7 millóns de toneladas, a cifra máis alta dos últimos anos. En España, o aumento dos stocks seguiu unha liña similar.

A caída da demanda afecta en especial ó papel de impresión e escrita, en tanto o sector tissue, o principal mercado de Ence, amosa debilidade pero está menos afectado, segundo os analistas internacionais do sector.

Nos próximos meses, a perspectiva é a dun mal segundo trimestre para a pasta de papel, á espera de ver como evolucionan as cousas na segunda metade do ano. Nestes momentos, a demanda internacional mantense baixa, pois grandes compradores, como China, están á espera de baixadas maiores de prezos para acometer compras.

Prezos en monte
Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia calcula na actualidade uns prezos medios para o eucalipto globulus duns 30-35 euros por tonelada, falando de madeira en pé, sen Ive, sen pelar e certificada. En función dos accesos da parcela e do tamaño do lote, o prezo pode ser mesmo un pouco superior, en caso de grandes volumes, ou baixar desas cifras, no caso de pequenas parcelas.

A tarifa de Ence desde o 2021 sitúa o prezo do eucalipto nitens 6 euros por abaixo do globulus, se ben en monte, en función do momento de mercado, existían variacións nos prezos. Coa baixada de 4 euros que aplicou agora Ence para o nitens, o diferencial co globulus poderíase ir ata os 8 euros.

Valoracións no sector
Desde as empresas de corta de madeira entenden como comprensible as baixadas de prezo que están a aplicar as pasteiras. “Baixou o prezo da celulosa, aumentaron os custos de fabricación e é lóxica esta situación. De tódolos xeitos, estamos falando de baixadas de prezo que en pequenas parcelas o propietario vainas notar pouco, polo que a perspectiva é a de manter o nivel de cortas actual”, valora Luis Díaz, de Forestal Díaz Casariego, na Mariña lucense.

Noutra firma do sector, Forestal Cando, de Ferrolterra, lembran que a última década do sector “foi impresionante”, polo que vén lóxico o actual ciclo de baixada: “Viñemos de anos moi bos, eu canseime de dicirlle ós propietarios que aproveitaran para vender a madeira porque eses prezos en monte non eran normais, nin en piñeiro nin en eucalipto”, sinala Rubén Pena

De cara ó segundo semestre do ano, Rubén observa a situación con preocupación: “Penso que antes de que remate o verán teremos cupos de entrega nas fábricas. Ence xa nos está limitando a entrada de nitens, se ben de globulus podemos mandar todo o que queiramos” -explica-. “Hai fábricas como Torraspapel (Zaragoza), que está tamén limitando as compras, pois co que baixou a pasta de papel, prefire mercarlle a pasta directamente a outras pasteiras e pasar a elaborar directamente o produto final”, apunta.

Similar opinión expresa Óscar Piñón, un madeirista de Ortigueira que pronostica tamén posibles restriccións na compra de madeira das fábricas de cara ó verán. “Polo de agora as cortas seguen con normalidade, pero se hai unha restricción na entrada de madeira das fábricas, si que se poderían frear”, sinala.

Estabilidade no piñeiro, con lixeiros axustes á baixa

Se en febreiro o prezo do piñeiro mantíñase estable, con lixeiras baixadas nalgún sector, como o do palé, nas últimas semanas continúase nunha situación similar, con algúns axustes no mercado, que son distintos en función do destino da madeira e da zona.

A perspectiva xeral no sector é a de que os prezos das coníferas continúen altos, con tendencia á alza no medio prazo pola baixada de oferta que se espera para os próximos anos, acompañada dun aumento da demanda. Sen embargo, este inverno e primavera están a producirse algúns picos de serra, con baixadas en parte dos aserradoiros e fábricas.

No norte de Lugo, Forestal Díaz Casariego dá a referencia dunha baixada de arredor de 2 euros na rolla para aserradoiro, en tanto desde Forestal Cando apuntan a baixadas de ata 5 euros na rolla para algúns aserradoiros e de 3 euros no puntal para taboleiro. Outras empresas, como Madeirista Souto, apuntaba a pasada semana que o mercado do piñeiro aínda se sostén sen baixadas, a pesar de que nos últimos meses os rumores sobre posibles reduccións de prezo viñan sendo continuos.

En calquera caso, de cara ó futuro, para consolidar prezos nas coníferas, Rubén Pena, de Forestal Cando, é da opinión de que a vía debería ser a de traballar no monte por obter madeira de calidade que se poida transformar en produtos de maior valor engadido. “Se facemos palés non lle damos valor ó piñeiro porque está claro que non pode valer máis o palé que a mercancía que leva enriba”, compara.

Pena considera que Galicia debería facer unha aposta estratéxica polo forestal que non está a ver. “Polo noso traballo do día a día, teño claro que as Administracións deberían investir moito máis no monte, en pistas, cargadoiros, cortalumes… Se viaxas a países forestais, como Finlandia, ves que teñen unha aposta polo forestal e polo uso da madeira que aquí non hai, estamos moitos anos atrás, cando o sector forestal de Galicia é un sector que ten moita importancia no emprego, nos ingresos das familias e no PIB de Galicia”, defende.


Actualización 8-III
Ence, pola súa banda, defende que os prezos do eucalipto gozan dunha boa estabilidade e que, dentro dese contexto, “actualmente estamos en prezos historicamente moi elevados”. A compañía recoñece unha baixada de prezos no último mes debido a que os prezos e a demanda de pasta de papel están a baixar. “Despois duns meses en máximos históricos, a pasta empezou a baixar en febreiro e os analistas predín que seguirá baixando”.

A pasteira lembra ademais que existen xa empresas da madeira con Expedientes de Regulación de Emprego temporais (Ertes) pola baixada da demanda, tanto do sector do taboleiro como do papel. “En Ence estamos a traballar para conseguir que o sector poida continuar traballando e as empresas non vexan reducida a súa actividade. Como xa fixemos en época de Covid, investimos para habilitar capacidade de almacenamento extra, por se fose necesaria, e que esta situación afecte o menos posible á sustentabilidade da empresa”.

Fe de erratas: Nun inicio indicouse que os stocks de pasta de papel en España se mantiñan estables, cando en realidade están aumentando na mesma porcentaxe que no resto de Europa.

“O prezo do piñeiro leva medio ano ameazando con caer pero de momento non pasou nada”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información