A Granxa Gayoso Castro, que leva o nome de quen fora presidente da Deputación de Lugo desde 1943 até o seu falecemento en 1946, foi fundada en 1942 nunha superficie de 300 hectáreas coa dobre finalidade de ser un centro de investigación do sector primario da provincia e de producir leite e carne para os centros benéficos daquela dependientes da Deputación.
Oitenta anos despois, as instalacións agrogandeiras dependentes da Deputación de Lugo ubicadas en Castro Riberas de Lea albergan dous centros públicos pioneiros: un destinado á recría de becerras procedentes das ganderías da provincia e outro destinado á formación e experimentación dos alumnos de Veterinaria do Campus de Lugo.
Sonia Verdes (Cospeito, 1973) leva un ano como directora da Granxa Gayoso Castro pero a súa vinculación co sector agrogandeiro vén de moito máis atrás. É veterinaria de formación e garda bos recordos da súa etapa visitando granxas e das conversas cos gandeiros aos que axudaba a mellorar a saúde das súas vacas.
– Descríbanos a Granxa Gayoso Castro. Cantas hectáreas ocupa e que instalacións alberga?
– A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo está enclavada nunha parcela de case de 300 hectáreas de terreo distribuídas a un lado e outro da estrada LU-113 en Castro Riberas de Lea, no municipio de Castro de Rei. Do total desa superficie, o Centro de Recría, o primeiro centro de recría público de gando vacún de leite creado en España, xestiona arredor de dous terzos, unhas 200 hectáreas.
O Centro de Recría xestiona dous terzos das 300 hectáreas coas que conta a Granxa Gayoso
Nas 80 hectáreas restantes a Deputación alberga unha explotación de recría de xovencas de Raza Rubia Galega que mantemos en colaboración con Acruga, unha explotación de Raza Cachena, unha explotación de gando cabalar e as instalacións da Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público de Galicia que une formación e investigación universitaria en torno ao sector lácteo, e que xunto co Centro de Recría, demostran o importante compromiso da Deputación de Lugo coa actividade agrogandeira e coas explotacións gandeiras da provincia.
A maiores, a Granxa Gayoso conta tamén cunha pequena explotación apícola que utilizan para a realización de prácticas os alumnos dos ciclos formativos da familia profesional agraria que se imparten no Instituto de Educación Secundaria José Trapero Pardo de Castro.
– Por cantos animais está formada neste momento a cabana gandeira e de que razas?
– A Granxa Gayoso conta con dúas explotacións de gando vacún, unha explotación mixta de produción e reprodución de gando de raza cachena e de gando de raza frisoa, e unha explotación de recría de xovencas de raza Rubia Galega. A explotación de recría de raza Rubia Galega conta con arredor de 150 animais que se manteñen co obxectivo de ofrecer animais da raza de alto valor xenético para incorporar ás explotacións da provincia e de fóra dela.
A Granxa Experimental de Leite acolle unha explotación de arredor de 45 vacas en lactación de raza Frisoa e polo que respecta á explotación de gando cabalar, conta con 15 exemplares e mantense para, en colaboración coa USC, desenvolver diferentes proxectos de investigación.
A explotación de recría de raza rubia galega conta con arredor de 150 animais, a granxa de produción de leite ten 45 vacas frisoas e temos ademais 20 nais de raza cachena e 15 cabalos
A Granxa Gayoso conta ademais cunha explotación de raza cachena onde se manteñen arredor de 20 nais e un semental desta raza, co obxectivo de contribuír ao fomento e mellora deste tipo de vacas de razas autóctonas que contribúen ao desenvolvemento de determinadas zonas do territorio onde non é posible outro tipo de actividade máis ca a actividade agraria e gandeira, ofrecendo así oportunidades ás persoas que viven no rural.
– O centro de recría cumpre máis de tres anos en funcionamento. Que balance fai?
– O balance é moi positivo, xa que se está a conseguir o obxectivo que se buscaba dende a Deputación Provincial de ofrecer un servizo público dirixido á recría de xovencas, un servizo máis próximo, economicamente máis vantaxoso e que lles permite aos gandeiros e gandeiras de gando vacún de leite externalizar a recría para centrar a súa actividade na produción de leite, conseguindo granxas máis profesionais, mellor dimensionadas e cun mellor aproveitamento da súa capacidade produtiva e da base territorial.
– Con cantas becerras conta neste momento o centro de recría e a cantas ganderías pertencen? Sería factible unha ampliación en caso de ser necesaria para atender toda a demanda existente por parte de gandeiros da provincia?
– Actualmente a ocupación é de arredor do 95% do total de 2.800 prazas das que dispón e acolle xovencas de explotacións de toda a provincia. A posta en funcionamento e a entrada de animais fíxose de xeito graduado atendendo a garantir ao máximo a bioseguridade xa que no centro mestúranse animais de distinta procedencia que veñen de diferentes granxas distribuídas por toda a provincia.
O Centro de Recría está ao 95% de ocupación, con 2.600 becerras e xovencas de máis de 60 ganderías
A día de hoxe, máis de 60 ganderías da provincia recrían os seus animais no Centro de Recría da Deputación, que conta con arredor de 2.600 animais. Polo de agora estase a atender a demanda existente xa que a capacidade do centro ronda os 2.800 animais.
– Como está a afectar a suba dos insumos ao custo de alimentación e ao prezo medio final da recría?
– Os prezos dos produtos agrícolas están a experimentar un importante incremento que están a padecer todas as explotacións da provincia e non só a explotación do Centro de Recría. O pasado ano revisáronse as tarifas que os gandeiros abonan ao Centro de Recría se ben supuxo só un pequeno incremento de 16 céntimos para os gandeiros, que abonan 2,55 euros por animal e día de estancia. Entre os obxectivos de manter un Centro de Recría Público está precisamente ofrecer un servizo de recría que permita aos gandeiros e gandeiras dotarse de xovencas de alto valor e cun custo menor ou o máis axustado posible, se o comparamos cos prezos que deben pagar pola recría en centros de recría privados.
– Que innovacións se están a probar na Granxa Experimental de Leite?
– A Granxa Experimental de Leite tenta ser un verdadeiro laboratorio vivo onde arredor de 500 alumnos do Campus de Lugo todos os anos poden realizar prácticas relacionadas co manexo dos animais, o status sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite, tecnoloxías da produción e reprodución animal ou a mecanización agraria, entre outras.
A Granxa Experimental de Leite tenta ser un laboratorio vivo para que o alumnado de Veterinaria saia cun enfoque máis práctico de cara a asesorar no futuro aos gandeiros
Deste xeito, a Granxa Experimental de Leite permite abordar a docencia cun enfoque máis profesional e práctico co obxectivo de formar aos mellores profesionais que na súa vida laboral traballarán e asesorarán aos gandeiros e gandeiras, co obxectivo final de conseguir explotacións mais modernas, viables e sustentables, que contribúan a mellorar a calidade de vida no rural.
Na Granxa Experimental de Leite estanse a desenvolver neste momento diversos proxectos de investigación en colaboración coa USC, relacionados coa produción e o benestar animal e a aplicación das novas tecnolóxicas á produción agrogandeira.
Estamos a traballar para definir liñas novidosas que no campo da mellora xenética poidan resultar de interese para a produción de leite
Dende a Granxa Gayoso Castro estamos a traballar para definir liñas novidosas que no campo da mellora xenética poidan resultar de interese para a produción de leite, sempre procurando aportar ou ofrecer medidas que se poidan aplicar e revertan en melloras para o sector.
– Unha das queixas recorrentes das ganderías de leite é a dificultade para atopar man de obra. Que se podería facer desde as administracións públicas para resolver ese problema?
– É un problema que vén de lonxe. A falta de relevo xeracional é unha constante dende hai anos nas explotacións de gando vacún. As administracións competentes deberían definir estratexias que contribuíran a promover o relevo xeracional nas explotacións co obxectivo de contribuír á xestión de boa parte do territorio que é medio rural.
Dende a Granxa Gayoso e dende a Deputación provincial como administración sen competencias directas, co desenvolvemento de proxectos como o que supón a Granxa Experimental de Leite ou o Centro de Recría, estamos a contribuír á mellora da competitividade das explotacións e á calidade de vida das persoas dedicadas á actividade gandeira, de maneira que lles permita desenvolver un proxecto vital. Iso, sen dúbida, vai a contribuír a que exista relevo xeracional nas explotacións e no interese por traballar no medio rural.
“Queremos mellorar as condicións produtivas e sanitarias das instalacións nas que se fai a recría de xovencas de Acruga”
– Nos últimos anos realizouse un importante investimento en modernización das instalacións da Granxa Gayoso Castro, hai novas melloras previstas?
– A posta en marcha da Granxa Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro supuxo unha importante mellora das instalacións e acolle na actualidade a explotación de leite coa que conta a Granxa Provincial e xunto co Centro de Recría, supón un importante compromiso da Deputación Provincial co sector agrogandeiro e coas explotacións gandeiras da provincia, desenvolvendo así un proxecto pioneiro en Galicia e en España.
A Granxa Gayoso Castro xestiona un orzamento de preto dun millón de euros para impulsar proxectos para a modernización e mellora da competitividade e viabilidade das explotacións gandeiras da provincia
A mellora das instalacións do gando de leite coa posta en marcha da Granxa Experimental da Deputación de Lugo vainos permitir, por exemplo, conseguir unha certificación en benestar animal na que xa estamos a traballar. O obxectivo é continuar mellorando as condicións produtivas e sanitarias e de benestar animal, non só do gando de leite, senón tamén das outras explotacións que acolle a Granxa Gayoso, nomeadamente a de recría de xovencas de Raza Rubia Galega.
– En relación precisamente ao centro de recría de xovencas de Acruga. Cantos animais alberga e que usos se lles dá?
A Granxa Gayoso Castro mantén en colaboración con Acruga unha explotación de recría de raza Rubia Galega que conta con arredor de 150 animais para satisfacer a demanda de xovencas desta raza, co obxectivo de conseguir animais de alto valor xenético que os gandeiros poidan incorporar ás súas explotacións, facendo así un esforzo para a promoción e mellora da raza, para a mellora das súas condicións sanitarias e produtivas apostando pola excelencia, que permita contribuír ao desenvolvemento dunha produción sostible e rendible, e así favorecer o mantemento do medio rural.
– Que papel xoga a raza rubia galega no mantemento da actividade e o emprego nas zonas de montaña da provincia de Lugo?
– A raza Rubia Galega está amplamente estendida, xa que é unha raza cun gran potencial produtivo e moi favorable para o desenvolvemento dunha produción sostible e rendible, que permite o aproveitamento sustentable de zonas e comarcas onde non é posible outro tipo de actividade máis ca agrícola e gandeira, e a súa promoción e mellora contribúe ao desenvolvemento desas comarcas, a fixar poboación, ao aproveitamento sustentable dos recursos, á ordenación do territorio e a xerar riqueza no medio rural.
– Hai terreos ou instalacións aínda desocupadas ou infrautilizadas na Granxa Gayoso Castro? Que usos se lles poderían dar?
– A superficie útil para o aproveitamento agrícola está dedicada á produción de forraxe para o gando tratando de aproveitar ao máximo a superficie dispoñible co obxectivo de cubrir as necesidades de forraxe previstas para a alimentación do gando da Granxa da Deputación.
Tratamos de aproveitar ao máximo a superficie dispoñible co obxectivo de cubrir as necesidades de forraxe da Granxa
Parte dos terreos dos que dispón a Granxa Gayoso están no entorno da Lagoa de Caque, moi próxima ás instalacións. Trátase dunha das lagoas mellor conservadas da comarca, que conta con ecosistemas de alto valor ecolóxico e polo tanto existen restricións para a súa explotación.
Outros terreos de escaso valor para a produción agrícola tentamos aproveitalos en extensivo e actualmente acollen as explotacións de gando cacheno e de gando cabalar, para o que a Deputación fixo recentemente algunhas melloras.
– En que fase está o proxecto para a creación dunha granxa de porco celta en colaboración con Asoporcel para subministrar machos e femias ás explotacións?
– Dende a Deputación Provincial, en colaboración coa asociación de criadores de gando celta (Asoporcel) e a USC, estanse estudar as posibilidades de dotar á Granxa Gayoso dunha unidade de produción de porco celta, onde os alumnos do Campus de Lugo poidan realizar prácticas e ao tempo satisfacer a demanda de porcos celta que existe nas explotacións para a súa cría e produción.
– Que orzamento destina anualmente a Deputación de Lugo á Granxa Gayoso Castro e ao apoio ao sector primario da provincia no seu conxunto?
– A Granxa Gayoso Castro, dentro da área de Recursos Sostibles, xestiona un orzamento de preto de 1 millón de euros, para impulsar proxectos para o desenvolvemento de diversas actividades formativas e de investigación en torno á produción agropecuaria e vinculados particularmente ao sector lácteo e á recría de gando co obxectivo de que ese coñecemento poda reverter na modernización e na mellora da competitividade e viabilidade das explotacións gandeiras da provincia, que redunda directamente na procura do fortalecemento do sector primario como un dos sectores estratéxicos da provincia de Lugo.