A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) considera importante achegar aos máis cativos da familia á realidade do rural galego cos obxectivos de desmontar estereotipos en canto aos labores agrogandeiros e de facelos coñecedores do funcionamento do sector primario en xeral e dos diferentes sistemas de produción respectuosos co medio ambiente en particular.
“Que a mocidade, como xeración consumidora do futuro, coñeza de onde proceden os alimentos que consumen e, por suposto, que aprendan a valorar os produtos galegos de calidade diferenciada, é para nós un eixe de traballo imprescindible”, aseguran os voceiros de Asoporcel, ao tempo que valoran moi positivamente a receptividade dos cativos e as cativas perante este tipo de actividades.
En concreto, no que se refire a esta liña de traballo, a Asociación ofrece charlas e exposicións en distintos centros educativos e, entre outras iniciativas, formou parte por segundo ano consecutivo do proxecto “Da Escola á Granxa”, o programa de educación ofertado dende a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través das Anpas para dar visibilidade a proxectos de emprendemento no rural.
Na primeira convocatoria participaron as ganderías lucenses de Porco Celta: Finca A Rega (Alfoz) o MVMC de Carballo (Friol), Porco Celta de Couboeira (Mondoñedo) e Casa da Fonte (Pantón). Esta última repetiu este ano, e a ela sumáronse Casa Labradela (Xove), Fraga do Coto (Vilalba) e a Fundación Terreo (Ribeira de Piquín).
Máis de 5.000 nenas e nenos de toda a provincia acudiron a algunha das 106 visitas organizadas, nas cales puideron coñecer de preto o potencial e o nivel de innovación do sector produtor lucense. Delas, dende a área Rural da Deputación de Lugo, organizáronse máis de 30 visitas a granxas de gando porcino autóctono na concorrencia das 2 convocatorias anuais.
Adaptando o contido á idade dos asistentes, afondaron en aspectos como o valor do labor gandeiro, os motivos para fixar poboación no rural, as bondades da gandería extensiva para recuperar terras abandonadas e para previr os lumes no rural, o benestar animal e a calidade dos produtos que, como é o caso dos derivados do Porco Celta, son elaborados e comercializados por produtores locais que xeran valor engadido na contorna e axudan á fixación de poboación en áreas do rural interior e de montaña.