A segunda edición do programa “Da Escola á Granxa” volverá ter a súa versión en papel, cunha nova entrega do libro “Os Bolechas van da escola á granxa”, na que os personaxes creados por Pepe Barreiro visitan as 30 granxas e pequenas producións alimentarias, artesanais e sostibles dende un punto de vista económico, social e ambiental, que participan no programa de Medio Rural da Deputación, un dos seus eixes principais de actuación..
O libro desenvolve de xeito didáctico os obxectivos do programa, amosando aos pícaros/as o papel fundamental que o sector primario ten na produción de alimentos e no mantemento da biodiversidade, do territorio e da paisaxe. Os Bolechas comparten protagonismo cos granxeiros e granxeiras que participan no programa, a quen o debuxante Pepe Barreiro converteu nuns personaxes máis dese universo infantil.
A publicación repartirase entre os nenos e nenas que participen nas máis de 100 visitas a granxas e obradoiros de divulgación ambiental previstas na segunda edición do programa “Da Escola á Granxa”. Como novidade, este ano distribuiranse 2 exemplares por cada unha das máis de 300 bibliotecas municipais e de centros escolares públicos de toda a provincia.
A deputada Mónica Freire explicou que a colaboración coa editorial Bolanda “aproveita a popularidade dos Bolechas entre os máis cativos para abordar os obxectivos do programa da Escola á Granxa, que pretende dignificar e poñer en valor o traballo que se desenvolve no rural en beneficio de toda a sociedade” e remarcou que “a publicación estará a disposición de todas as nenas e nenos ao distribuírse entre as bibliotecas”.
Ao longo do libro, Os Bolechas aprenden sobre as orixes agricultura e da gandeiría como actividades humanas, da evolución dos utensilios de labranza, da pegada destas actividades na paisaxe e na cultura do país para logo visitar cada unha das granxas que participan no programa “Da Escola á Granxa” e coñecer como coidan os animais e cultivan e elaboran os alimentos.
Así, visitan A Casa Labradela de Xove, Galletas Daveiga de Chantada, Fraga do Coto de Vilalba, Fundación Terreo da Ribeira de Piquín, Gandería Alejandro Salvatierra de A Pontenova, Gandería Quintián do Páramo, Gandería Lois Varela de Palas de Rei, Granxa Aeiroá de Láncara, SAT Lodos e Pérez de A Pastoriza, SAT O Palomar de Láncara,Traloagro de Friol, Airas Moniz de Chantada, Arqueixal de Palas de Rei, Cooperativa A Carqueixa de Navia de Suarna, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Sen Máis – As Vacas de Ulloa de Palas de Rei, Terras da Mariña – IXP Faba de Lourenzá, Tropic Gaia de Xove, Caurelor de Quiroga, A Casa da Fonte de Pantón, Avicava Natur de Guntín, Casa Bértolo de Friol, Champivil, El País del Abeyeiro de Negueira, Granxa da Caldaloba de Cospeito, Granxa Teixeiro e Pistón de Becerreá, Milhulloa de Palas de Rei, Pazo de Vilane de Antas de Ulla e o Muvicla de Láncara.
Paralelamente, á publicación da segunda Edición do Libro “Os Bolechas van da Escola á Granxa”, a área de Medio Rural da Deputación de Lugo incluíu no contrato coa Editorial Bolanda, propietaria do universo das personaxes dos Bolechas, unha actividade nun dos colexios participantes no programa na presente anualidade 2023, mediante sorteo ante notario.
Deste xeito, prémiase a participación tanto das anpas do rural como do ámbito urbano das vilas. A anpa agraciada no sorteo foi a pertencente ao Colexio da Milagrosa de Lugo, que desfrutarán dunha xornada desfrutando cos bonecos e pasarrúas dos Bolechas no seu cole, onde lles ensinarán o orgullo dos nosos/as labregos/as polas actividades vitais que desenvolven para a sociedade.