Hai cousa dun ano iniciáronse as mobilizacións que culminaron no acordo lácteo de setembro. O acordo nacía coa expectativa de que as cadeas de distribución e as industrias se comprometesen en serio en reestruturar a cadea de valor do leite, de xeito que se puidesen pagar no campo prezos xustos. Nove meses despois, falamos coas organizacións agrarias para facer balance. O retrato da situación no campo, din, non cambiou ou cambiou a peor.
“Creouse frustración no campo e unha sensación de impunidade”
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, sitúa as eivas do acordo na falta de garantías para o seu cumprimento. “O fundamental era lograr que a distribución lle pagase prezos sostibles á industria e que esta a súa vez llos repercutise ós gandeiros. Esa parte non se respetou”, valora. “Segue a haber subastas electrónicas á baixa por parte da distribución para adquirir o leite”, cuestiona. “Outros aspectos, como a identificación da orixe dos lácteos no supermercado, tampouco están a avanzar”.
Como parte positiva do acordo, García recoñece que se reduciu a banalización de prezos do leite no supermercado, se ben incide en que esa reducción das ofertas a baixos prezos non repercutiu en mellores prezos no campo. Unións Agrarias-Upa, que nun principio se desmarcou do acordo lácteo, vén de asinalo este mes co obxectivo de participar no seguemento do mesmo e de esixir o seu cumprimento.
Prezos de cesión á distribución
Este 20 de xuño é unha data clave no acordo, pois ese día remata o prazo para que as industrias lle comuniquen ó Ministerio de Agricultura os prezos ós que lle venden o leite á distribución. Agricultura disporá a partir de entón de datos mensuais que lle permitirán coñecer que cadeas de distribución ou que industrias presionan á baixa os prezos do leite, se ben só trascenderán a nivel público os datos agregados de todas as industrias.
Desde o propio Ministerio consideran que esta información será fundamental para avanzar na estruturación da cadea de valor do leite.
“O importante -considera Roberto García- é que a Administración terá un diagnóstico claro da situación. Pode optar por actuar de oficio e con contundencia sobre os que incumpren ou por trasladarnos a nós quen incumpre para que sexamos nós os que actuemos”.
“Sen unha mellora dos prezos, o acordo demostrouse baleiro e sen garantías”
A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, considera que o acordo lácteo saldouse cun “absoluto fracaso”. “Se miramos os prezos no campo a nivel galego, vemos que temos unhas 500 granxas cobrando o leite a menos de 20 céntimos. Sen unha mellora de prezos, o acordo demostrouse baleiro de contidos”, conclúe.
“Que fallou no acordo? Non houbo un compromiso cunha cadea sostible do leite, con referencias claras e con garantías de que iso se ía cumprir” – valora Isabel Vilalba.- “Hai un abuso da posición de dominio das cadeas de distribución e das industrias e seguimos a ter un sector desordeado sen capacidade de xestión dos excedentes”.
“A precariedade dos gandeiros aumentou”
O responsable de Gandería da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, conclúe que o acordo lácteo “en nada axudou” a paliar os problemas do sector. “A precariedade dos gandeiros aumentou. Agora mesmo hai explotacións que están vendendo case a metade do seu leite a 14 céntimos. Son prezos insostibles e froito diso hai un goteo constante de granxas que pechan. Desde que se asinou o acordo lácteo, en Galicia pecharon máis de 300 explotacións”.
“A situación é a mesma ou peor. Estase vendendo o leite no campo por baixo dos custos de produción, sen que haxa unha cadea de valor sostible entre o supermercado e a granxa. O acordo foi un fracaso”, sentencia.
“Hai desilusión, todo se quedou nun acordo de intencións”
O presidente da Organización de Productores de Leche (OPL), Manuel Iglesias, comparte as críticas das outras organizacións ó acordo lácteo. “Na práctica non vemos nada. Este trimestre as industrias están baixando de novo os prezos do leite. Queda claro que o único que houbo foi un acordo de intencións que para nada vale”, cuestiona.
Iglesias considera que industrias e distribución manteñen unha posición de dominio, polo que se amosa pesimista. “Poden vendernos o fume que queiran, que os gandeiros xa non nos cremos nada. Estamos cansos de mentiras”, reflexiona. “Hai unha gran desilusión e as propias organizacións xa non temos capacidade de mobilización nin de fomentar a autoorganización do sector para cousas importantes. Precisamos dun revulsivo”.
Unanimidade
O descontento coa falta de resultados do acordo lácteo é unánime no agro. Outras organizacións como Agromuralla ou boa parte das cooperativas comparten reflexións similares. Hai coincidencia en que non se logrou unha cadea de valor sostible para industrias e gandeiros, se ben o principal elemento que pode contribuir a mellorar esa cadea, a publicación dos prezos de venda entre industria e distribución, aínda se porá en marcha este mes.
Desde o Ministerio de Agricultura confían en que haberá resultados nos próximos meses. Asaja tamén comparte unha visión positiva sobre o acordo.