María Luisa Cabañero aprobou en 1986 unha oposición para formar parte do parque de bombeiros de Almadén, en Ciudad Real. Tiña entón 20 anos e era a primeira muller en logralo. Aquel fito no ámbito da igualdade de xénero en España foi recuperado por Leite Río na súa nova campaña promocional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
“É unha pioneira, abrindo camiño nun terreo no que ningunha muller o fixera antes”, destaca a empresa galega dirixida por Carmen Lence. A propia María Luisa conta a súa historia en primeira persoa nun vídeo publicado na páxina de facebook de Leite Río.
Ademais da súa faceta profesional como bombeira, María Luisa, de 54 anos, atesoura numerosos premios de natación a nivel internacional, foi tamén a primeira persoa en cruzar o Estreito de Xibraltar a nado ida e volta (52 quilómetros) en 1990 e, anos máis tarde, bateu o récord do mundo e entrou no Libro Giness tras estar 24 horas seguidas nadando nunha piscina percorrendo nese tempo un total de 82.575 metros.
Nai de catro fillos, María Luisa ía adestrar tras deixar aos seus cativos deitados, do mesmo xeito que moitas mulleres seguen a día de hoxe tendo que compatibilizar as súas responsabilidades familiares e laborais. Esta pioneira sufriu tamén a invisibilidade por parte da sociedade pois a súa fazaña de cruzar o estreito a nado pasou desapercibida, todo o contrario a cando, tempo despois, fixo o mesmo o nadador David Meca.
Nos autobuses municipais de Madrid
Baixo o lema Rompe os moldes, María Luisa protagoniza esta campaña publicitaria de Leite Río coa súa imaxe como bombeira presente nos autobuses da Empresa Municipal de Transportes de Madrid. Con ela, a primeira empresa láctea galega por volume de recollida e transformación quere levar a Actitude Río a toda España.
Espírito de superación e esforzo son os valores que Leite Río quixo transmitir, os mesmos que atesoura a empresa galega nos seus case 50 anos de historia
Leite Río segue impulsando deste xeito as súas principais marcas na súa aposta por unha maior valorización dos seus produtos no mercado. Se o ano pasado xa relanzara a imaxe de Leyma cun novo envase e varias campañas promocionais, como a protagonizada pola gandeira Lorena Cives e o recolledor de leite Miguel Vázquez, agora tócalle a quenda ao outro emblema da compañía, a marca Río.
Novo deseño en homenaxe ao fundador da empresa
A nova imaxe, aínda que renovada, mantense fiel ao espírito orixinario da compañía fundada polo empresario Jesús Lence en 1975. Loita, espírito de superación, esforzo e coraxe son os valores que Leite Río quixo plasmar na súa nova campaña, os mesmos que atesoura a empresa nas súas case 50 anos de historia, pero innovando na presentación do produto.
Ao verse ao bordo da quebra o meu pai, Jesús Lence, aceptou tres camións para transportar leite como pago por parte dun cliente. Así naceu Leite Río
A imaxe renovada de Río achega un novo deseño que inclúe un texto asinado pola propia Carmen Lence na que explica a orixe da empresa fundada polo seu pai: “Ao verse ao bordo da quebra o meu pai, Jesús Lence, aceptou tres camións para transportar leite como pago por parte dun cliente. Así naceu Leite Río”. E facendo un símil coa imaxe corporativa orixinal de Río, que se mantén no novo packaging, a actual responsable da empresa avanza o novo espírito que está a tratar de imprimir á compañía: “Aínda que ás veces cáeche ese cántaro cheo de esperanzas, cada amencer é unha nova oportunidade”, di.
Leite 100% galego
A marca matriz da empresa lucense, reforza tamén a súa orixe ao engadir o apelido “de Galicia” a Río. Desta forma, a compañía dirixida por Carmen Lence, que colleu o relevo na empresa familiar hai dous anos trala morte do seu pai, quere evidenciar que o leite que comercializan é 100% galego. “Chamámonos Río de Galicia porque o noso leite é exclusivamente galego”, destacan.
De feito, as marcas de produtos lácteos Río de Galicia e Leyma Natura están amparadas polo selo Galega 100%, outorgado polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e forman parte de Galicia Calidade desde outubro de 2020. Galicia Calidade é unha entidade oficial dependente da Xunta de Galicia que certifica ás empresas máis representativas do sector alimentario galego e o seu selo é garantía da máis alta calidade dos produtos e da súa orixe e produción 100% en Galicia.
Desde outubro do ano pasado tanto Río como Leyma contan co selo Galicia Calidade
Leite Río recolle na actualidade a produción de 450 ganderías, a maior parte granxas familiares das provincias de Lugo e A Coruña. “Tamén nós somos unha empresa familiar cun compromiso claro e decidido cos gandeiros galegos e a economía rural”, asegura a compañía, que conta na actualidade con catro plantas de envasado e un volume de recollida duns 800.000 litros diarios.
Ganderías con certificado de benestar animal
A totalidade das granxas que entregan a súa produción de leite tanto a Leyma como a Río contan co certificado de benestar animal tras superar unha aditoría que analiza un total de 12 criterios específicos en ámbitos como a alimentación, as instalacións e o manexo do gando.
O coidado da contorna é algo que persigen non só as ganderías produtoras do leite senón tamén a propia empresa nas súas plantas de envasado, incorporando novos envases totalmente reciclables, para cuxa fabricación se utilizan fontes sostibles como a cana de azucre ou fibras de madeira procedentes de bosques con certificado FSC.
O novo envase en brick de Río ten nun 89% orixe vexetal e as botellas eliminan o aluminio para que sexan totalmente reciclables
A empresa destaca ademais, dentro da súa responsabilidade social corporativa, que os seus produtos manteñen “prezos xustos” tanto cos gandeiros como cos consumidores, asegurando que tanto Río como Leyma ofrecen “a mellor relación calidade-prezo do mercado”.
Novos formatos e produtos
Ademais dos formatos en brick de 1 litro e botella de litro e medio, Río conta cun formato en brick de medio litro, pensado para familias pequenas, nas que o leite mantén todo o seu frescor. Neste mesmo formato comercialízase tamén a nata, o principal produto derivado da empresa lucense nestes momentos, aínda que a intención da compañía é seguir avanzando en novos produtos de maior valor engadido, como leites enriquecidos ou con compoñentes específicos para deportistas ou grupos de idade avanzada.
A intención da compañía lucense é seguir avanzando en produtos de maior valor engadido
Por iso, ás tradicionais gamas de leite enteiro, semidesnatado e desnatado, únense tamén o leite sen lactosa e o que inclúe un alto contido en calcio natural. Leite Río conta tamén con formatos específicos para hostalería, tanto en nata como en leite. En numerosos bares os seus cafés distínguense precisamente pola cremosidade e escuma que achega o leite das marcas Río e Leyma, que dentro da súa gama Natura conta tamén con leite fresco pasteurizado.