A Consellería do Medio Rural informa de que partir do mes de xullo só estará permitido o movemento de gando vacún e ovino procedentes da zona restrinxida en Galicia pola enfermidade da lingua azul que foran vacinados, ou ben que sexan menores de catro meses e fillos de nais vacinadas, con orixe en explotacións vacinadas.
Esta zona restrinxida abrangue as provincias de Ourense e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga, onde até agora se realizou a vacinación do gando tras detectarse en febreiro animais bovinos positivos en catro explotacións de Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves.
Ademais, os animais que saian das explotacións gandeiras nesta zona sempre irán acompañados dun documento sanitario de movemento (guía sanitaria) que incorpore a información da vacinación e máis un documento que acredite a desinsectación do vehículo que os transporte. Porén, a Xunta anuncia que no período do 1 de xullo ata o 15 de xullo, excepcionalmente permitirase o movemento directo a matadoiros de Galicia de bovinos e ovinos que non cumpran os anteriores requisitos e procedentes de explotacións situadas na zona restrinxida.
Estes animais nos que se permitirá o movemento directo a matadoiros de Galicia no período indicado, deberán estar protexidos fronte ao ataque do mosquito vector da enfermidade mediante a aplicación de repelentes ou desinsectantes, e terán que ser transportados en vehículos desinsectados. Ademais, deberán acompañarse do documento sanitario que autorice o movemento (guía sanitaria), así como do documento que acredite a desinsectación dos animais e do vehículo que os transporte.
Medida preventiva
Esta medida preventiva faise consonte á normativa de aplicación, tras a detección, en febreiro pasado, de animais bovinos sentinelas positivos ao serotipo 4 do virus lingua azul en catro explotacións dos concellos ourensáns de Castro Caldelas e Sarreaus e dos pontevedreses de Fornelos de Montes e As Neves.
A consecuencia da declaración oficial dos focos detectados, as provincias de Ourense e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga, na provincia de Lugo, incluíronse dentro das zonas restrinxidas fronte a lingua azul en España, de acordo coa lexislación vixente. Así, estableceuse a vacinación obrigatoria de todo o gando bovino e ovino maior de tres meses localizado na zona restrinxida, sendo requisito imprescindible para o movemento pecuario destas especies.
O 7 de marzo de 2023, a Consellería do Medio Rural iniciou unha campaña masiva de vacinación fronte ao serotipo 4 da lingua azul, obrigatoria de todos os bovinos e ovinos maiores de 3 meses localizados en explotacións gandeiras dos concellos incluídos nesa zona restrinxida. Esta vacinación executouse fundamentalmente por persoal da propia Consellería, de forma urxente e de balde para as persoas titulares das explotacións gandeiras afectadas.
Campaña de continuidade
A maiores, a partir do 1 de xullo iniciarase unha campaña de continuidade, que consistirá na vacinación de todos os bovinos e ovinos maiores de tres meses localizados na zona restrinxida que non foran vacinados na campaña masiva anterior, ben por nacer despois das datas desa vacinación ou por non seren vacinados naquel momento ao ser menores de 3 meses, ou ben por ser incorporados posteriormente ás explotacións e proceder de zona libre ou zona restrinxida por un serotipo diferente do serotipo 4. Para a execución desta vacinación de continuidade, a Xunta dispuxo un operativo integrado por persoal dependente da Consellería do Medio Rural que actuará de forma ordenada e escalonada.
Así mesmo, para facilitar ás persoas propietarias dos animais bovinos e ovinos a aplicación da vacinación en animais concretos segundo as necesidades de movemento, sen necesidade de esperar a súa quenda no operativo do persoal disposto pola Consellería, estase autorizando dende o pasado mes de abril a administración da vacina a persoal clínico privado ou de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras que así o solicita, subministrando Medio Rural a vacina de balde e facilitando a partir do mes de xullo o acceso a unha aplicación informática móbil e gratuíta a través da que este persoal poderá comunicar os datos de vacinación de animais á Consellería de forma rápida e sinxela.
Os servizos veterinarios oficiais da Xunta informaron do deseño do citado operativo de continuidade aos colexios oficiais veterinarios, agrupacións de defensa sanitaria gandeira, asociacións de operadores comerciais de gando bovino e ovino así como a outras entidades vinculadas ao sector gandeiro destas especies.