“Máis que pola mortalidade, as maiores perdas que ocasiona a EHE son os danos na saúde das vacas infectadas”

Entrevista a Elvira Muñoz Cardador, veterinaria de SERVET PEDROCHES SL e responsable de vacún de leite na xunta diretiva do  Ilustre Colegio Oficial de Veterinarios de Córdoba, provincia que concentra a maior parte da cabana de vacún de leite de Andalucía e na que no 2023 máis afectou a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)

ELVIRA MUÑOZ CARDADORAndalucía foi en 2023 una das comunidades máis afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), unha patoloxía emerxente, contra a que aínda non hai vacina en España e que neste 2024 prevese que afecte con maior virulencia a Galicia e as comunidades da cornixa cantábrica.

Para coñecer máis sobre a afectación real desta enfermidade falamos con Elvira Muñoz Cardador, veterinaria de SERVET PEDROCHES SL e responsable de vacún de leite na xunta diretiva do  Ilustre ColeGio Oficial de Veterinarios de Córdoba, unha provincia na que se concentra a maior parte da cabana de vacún de leite de Andalucía.

-Andalucía foi a primeira Comunidade na que se detectou o virus da EHE en España. Como valoras a afectación á cabana bovina en Córdoba, a provincia con máis cabana de vacún de leite?
O ser a primeira comunidade afectada, supuxo inicialmente un maior descoñecemento da enfermidade, pero agora podemos dicir que a afectación foi alta e xeneralizada, en especies cinexéticas, vacún de carne en extensivo e vacún de leite. Na nosa zona, norte de Córdoba, no Valle de Los Pedroches, os primeiros casos centralizáronse entre metade de xullo e agosto, principalmente.

-Que che sorprende máis desta enfermidade?
O multifactorial que é a enfermidade en canto á sintomatoloxía, e a rapidez no contaxio.

-Cales son os principais síntomas clínicos dunha vaca ou tenreiro infectado por EHE que detectastes?
En vacún de leite os cadros de tipo catarral foron os máis comúns e iniciais, conxuntivite, lesións en mucosa nasal e oral, edema lingual, inapetencia, febre e pneumonías asociadas. Tamén consecuencias directas como baixada de produción de leite e algúns abortos e en cadros máis graves como enterites hemorráxicas.  En vacún de carne observamos lesións de tipo catarral, principalmente.

-Que medidas preventivas eficaces pode adoptar o gandeiro?
Dado que a transmisión principal está ocasionada por un vector, o uso de repelentes de insectos e fumigación das zonas de máis risco como esterqueiras, fosas de xurro…etc.

-E en canto ao tratamento do animal infectado, que pautas estivestes aplicando?
Os tratamentos que aplicamos foron na súa maioría sintomáticos, antinflamatorios, ou específicos de tema dixestivo (coleréticos, ruminatorios..) ou respiratorio fronte a pneumonías secundarias.

-A literatura científica fala de que a mortalidade provocada polo serotipo 8 rolda o 3% dos animais infectados. A vosa experiencia na loita contra esta enfermidade en Córdoba confirma esta cifra nas gandarías de vacún de leite?
Si, a mortalidade sitúase entre o 2 e o 3%. Porén, a morbilidade; é dicir, o número de animais infectados, é outra cousa… e as súas consecuencias.

“Máis que pola mortalidade, as maiores perdas que ocasiona a EHE son os danos na saúde das vacas infectadas”

-Sen embargo, moitos gandeiros advirten dos abortos, mamites…etc nos animais infectados, moitos dos cales teñen que enviar a sacrificio. Confirmas a gravidade dos danos provocados pola EHE? En que porcentaxe de animais infectados estimas que provoca danos graves que obrigan a descartar o animal?
A iso me refiro, existen consecuencias directas que veñen no momento, como perda de produción, abortos…etc. Pero a nivel de granxa as perdas económicas van supor moito máis,  como vacas que polos seus días en leite non recuperan o suficiente ou que abortan,  vacas recén paridas que non chegan ao pico de produción, reabsorcións, mamites,  baixada de fertilidade en machos (refírome a sementais de carne), que xa estamos a observar… etc

-As esperanzas están postas no desenvolvemento e comercialización dunha vacina, pero parece que polo menos a curto prazo non se disporá dela en España. Por que?
Entendo que no desenvolvemento dunha vacina inflúen moitas cousas, que tipo de vacina, fronte a que serotipo, o laboratorio,  o seu desenvolvemento (3-4  anos), a rendibilidade desta…

“Deberíase facilitar a comunicación de casos á administración”

-Coa EHE xa presente en todo o territorio español, existe moita preocupación entre os gandeiros, sobre como lle afectará ao gando bovino en 2024. Consideras que hai motivos fundados para esta gran inquietude?
É unha enfermidade emerxente e descoñecida até agora, que provocou multitude de focos en todo o territorio, hai que darlle a súa importancia, claro. Non se sabe se virá igual o ano que vén, ou virá outro serotipo.

-Como valoras a resposta das administracións públicas ante a chegada da EHE? En que considera que sería necesario mellorar?
Entendo que se fixeron eco da problemática e están a estudar o tema. Como suxestión persoal, que se facilite a comunicación de casos á administración.

Exemplos de síntomas da EHE (Fotos de SERVET PEDROCHES):

EHE SERVET PEDROCHES 7 EHE SERVET PEDROCHES 1 EHE SERVET PEDROCHES 2 EHE SERVET PEDROCHES 3 EHE SERVET PEDROCHES 4 EHE SERVET PEDROCHES 5 EHE SERVET PEDROCHES 6

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información