O Consello Agrario Galego anunciou a creación dun grupo de traballo para anticipar as consecuencias das novas enfermidades animais e vexetais que están afectando ao sector primario galego. Así o explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, tras presidir a xuntanza deste órgano colexiado que se celebrou este martes 14 de novembro en Santiago.
O grupo estará integrado por persoal da Consellería do Medio Rural e doutros ámbitos e axudará a previr as consecuencias de novas enfermidades animais e vexetais nas explotacións, derivadas dos movementos de insectos vectores, produto do cambio climático ou movementos de aves migratorias.
O obxectivo é activar un sistema de alertas temperás, co obxecto de formar e informar aos produtores sobre os riscos e anticiparse a posibles perdas. “Todo dentro da coordinación e diálogo con todos os elos do sector, que é sen dúbida a folla de ruta trazada polo goberno autonómico”, incidiu José González.
Necesidade dunha estratexia por parte do Goberno central ante a EHE
O conselleiro sinalou que nesta reunión, na que participaron representantes das organizacións agrarias, tamén se avaliou a necesidade dunha estratexia conxunta por parte do Goberno central, en coordinación coas comunidades autónomas, para facer fronte dun xeito “urxente e eficaz” ao impacto das enfermidades emerxentes na cabana gandeira, e en concreto da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).
Neste sentido, José González lembrou que vén de solicitarse unha conferencia sectorial ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; co fin de desenvolver un paquete de medidas a implementar de forma coordinada polo Executivo e as comunidades autónomas. “Un Goberno en funcións non implica non ser proactivo”, sinalou o conselleiro, que insistiu na necesidade de desenvolver unha vacina que contribúa a frear a expansión desta doenza ou actualizar os seguros agrarios para que inclúen o impacto das enfermidades emerxentes e as novas realidades que debe afrontar o sector.
O titular do Medio Rural puxo en valor o labor desenvolvido pola Xunta fronte a EHE. “Galicia é un absoluto referente na sanidade animal”, reivindicou González, que destacou o traballo coordinado co sector, ao que se proporcionou toda a información e a evolución da doenza, ademais do “sólido protocolo” de actuación implementado coa chegada da enfermidade a Galicia, no pasado mes de setembro. Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en concretar axudas para indemnizar aquelas mortes de animais que se constaten provocadas pola EHE, con carácter retroactivo dende setembro.
Máis de dous millóns de euros investidos contra a lingua azul en 2023
O Consello Agrario Galego tamén examinou as medidas de Galicia deseñadas ante a lingua azul. “Lideramos, sen ningunha dúbida a resposta fronte a esta enfermidade”, resaltou o conselleiro, que lembrou os 2,4 millóns de euros investidos neste ano para vacinar a 360.000 animais dentro dunha campaña gratuíta coa que se inmunizaron a todos os bovinos e ovinos maiores de 3 meses dentro da área restrinxida naquel momento (toda a provincia de Ourense e Pontevedra, ademais das comarcas lucenses de Chantada, Sarria e Lemos-Quiroga).
Cos novos focos detectados o pasado xoves, toda Galicia pasa a ser zona restrinxida, polo que se vacinarán a todos os animais sensibles a esta enfermidade maiores de tres meses da Coruña e o resto da provincia de Lugo.
De cara ao 2024, e dentro do esforzo do goberno autonómico contra a lingua azul, cóntase cunha partida inicial de 2 millóns de euros incluída nos orzamentos, para seguir avanzando en programas sanitarios de loita contra esta enfermidade en Galicia.
12 millóns de euros para os produtores baixo a etiqueta de Ternera Gallega
O titular do Medio Rural resaltou nesta reunión as repercusións para o sector gandeiro da nova liña de 12 millóns de euros destinada aos produtores que traballen baixo o indicativo de Ternera Gallega. Estas axudas quedan enmarcadas nun contexto definido polos custos de produción, e “dentro do compromiso do goberno autonómico co sector, e os produtos agroalimentarios da máxima calidade”.