Mouriscade volve situarse entre as 12 mellores ganderías de España

A Deputación puxo en marcha un plan de mellora xenética para relanzar a granxa como centro punteiro para o vacún de leite. A Finca adquire 20 novos embrións de Canadá que proceden do 1% de exemplares de raza frisoa de maior calidade a nivel mundial

Mouriscade volve situarse entre as 12 mellores ganderías de España

A Deputación acaba de adquirir un laboratorio móbil para mellorar a implantación embrionaria en granxas da provincia.

A granxa de Finca Mouriscade, situada en Lalín (Pontevedra), xa está entre as 12 mellores ganderías de todo o Estado. A granxa, dependente da Deputación de Pontevedra, conseguiu ascender 13 postos no último ranking semestral de avaliación xenética publicado hai só uns días pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe). Con este novo salto cualitativo en só un ano e medio a Finca pasou do posto 35 ao 12 das mellores ganderías por índice ICO grazas ao programa de mellora xenética posto en marcha pola Deputación dentro das accións para relanzar Mouriscade como centro punteiro no ámbito da agrogandería.

A calidade da gandería de Mouriscade está a evolucionar de forma continua desde a posta en marcha do plan de revitalización para consolidar a Finca como referencia internacional. O centro xa lograra situar fai 6 meses 2 reses entre as 100 mellores de todo o Estado (nos postos 21 e 99 respectivamente) por índice ICO, e outras 5 entre as 1.000 con máis alta puntuación.

As previsións, segundo expuxo o deputado provincial Manuel González na última xuntanza do comité de expertas e expertos de Mouriscade celebrada esta semana, son as de seguir subindo postos. A Deputación fíxase como obxectivo escalar seis postos máis ata colocar a granxa entre as seis ganaderías con maior calidade xenética a nivel nacional.

Na xuntanza tamén se informou ao comité da recente adquisición de 20 novos embrións de alta calidade xenética a unha empresa especializada canadense, coa que se espera seguir a obter grandes resultados que continúen a mellora da base xenética do gando da Finca e do sector. A compra materializouse a través dun sistema de contratación dinámica, un procedemento moi áxil que permite dispor dos embrións de xeito case inmediato e garantindo a súa máxima calidade xenética.  Trátase de embrións de fecundación in vitro (FIV), xenotipados e femias nun 100%, e teñen unha elevada calidade, xa que proceden do 1% dos mellores exemplares da raza Holstein a nivel mundial.

Posta en marcha do laboratorio móbil

Por outra banda, a Deputación vén de dar un impulso á posta en marcha do laboratorio móbil, unha demanda do sector gandeiro que mellorará a implantación embrionaria nas granxas da provincia. A furgoneta foi subministrada á Finca a pasada semana e o vehículo xa está a ser utilizado para desprazamentos veterinarios, se ben para equipalo e operar como laboratorio é preciso contratar o carrozado. O procedemento está en marcha e a previsión é que en dous meses estará en funcionamento este novo servizo.

Ademais o deputado deu conta da adxudicación, o pasado día 2, da obra de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións da granxa, concretamente sobre unha zona de estabulación, vestiarios e laboratorio. O importe é de 130.000 euros e os traballos darán comezo nos vindeiros días. A rehabilitación suporá outra mellora no estado das instalacións, que están a ser modernizadas e dotadas de novos equipos.

O Deputado tamén informou ao comité da prórroga por un ano, e cun importe de 31.000 euros, do contrato do ensilado, sementado, aplicación de herbicida, abonado e roza das parcelas da Finca.

FORMACIoN-MOURISCADE

Traballadores da Finca Mouriscade durante unha formación sobre benestar animal impartida nas instalacións do centro.

Formación en benestar animal

O deputado deu tamén conta da formación realizada polo persoal de Mouriscade en materia de benestar animal, dando cumprimento a un compromiso establecido no Plan Estratéxico de Mouriscade. Entre o 21 e o 25 de novembro impartiuse na Finca un curso sobre anatomía e comportamento en función de raza, idade e outros parámetros; prevención e seguridade no traballo; aspectos sociais e económicos do benestar animal; calidade ética das producións; instalacións e equipos; lexislación; e actuación en casos de emerxencia, entre outras temáticas de interese.

O Plan de Comunicación é outro dos eixos estratéxicos nesta etapa para relanzar a Finca e tamén foi tratado no comité. Dentro das accións está o programa de visitas para a veciñanza, colectivos e centros escolares, que comezou en outubro cunha grande acollida. A Finca está a recibir peticións desde toda a provincia. Ademais, o 1 de decembro celebrouse alí a presentación dos proxectos do I Programa de Crecemento Empresarial organizado pola Deputación no viveiro de empresas de Lalín, polo que a institución segue a diversificar a actividade para poñer en valor o centro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información