Dobre récord nos becerros de cebo en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia acada a maior asistencia de becerros carniceiros e o volume de transaccións máis elevado nesta categoría. Subas nos prezos do vacún maior. Baixadas dos prezos do porcino

Dobre récord nos becerros de cebo en Silleda

Becerros de cebo este martes nas instalacións da Central en Silleda (Pontevedra). // Imaxe. Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou este martes dous novos récords históricos nos becerros de cebo, tanto na asistencia coma no volume de transaccións. Mentres, os prezos medios desta sección foron á baixa en referencia ós acadados a pasada semana.

Houbo subas nas cotizacións medias do vacún maior e a recría mantívose sen unha tendencia clara, con subas ou baixadas dos prezos en cada categoría.

Nas mesas de porcino, houbo unha baixada xeral tanto nos prezos dos porcos cebados coma dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios, logo de varias semanas experimentando baixadas dos prezos.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 62 euros, é dicir 1 euro máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 84 euros, o que supón 21 euros menos que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 118 euros, cunha baixada de 5 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos e os de entre 20 e 50 días mantiveron os prezos da semana pasada. Así, cotizáronse a 273 euros e 309 euros, respectivamente. Mentres, nas femias de menos de 20 días houbo unha baixada de 20 euros que deixa un prezo medio de 156 euros. No caso das becerras de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha suba de 4 euros e acadan os 232 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo de referencia foi de 569 euros, logo dun incremento de 10 euros. Nas femias desta sección a suba foi de 43 euros, polo que se sitúan nos 381 euros.

Na sección dos becerros de cebo acadouse a maior asistencia de animais do mercado nunha sesión, con 215 tenreiros. Ata hoxe o récord atopábase nos 210 animais que se rexistraran o 17 de decembro de 2019. A maior afluencia pode estar en certa medida motivada polo feito de que a próxima semana non se celebre a poxa de gando, ó ser xornada festiva.

Como sinalan dende a Central, esta elevada cifra de afluencia de becerros carniceiros conlevou a que se acadase outro récord no volume de transaccións de cebo con 206.974 euros. Ata o momento, a cifra máxima foran os 162.360 euros da poxa do 28 de marzo deste mesmo ano.

En canto ós prezos dos becerros de cebo, a tendencia foi á baixa en case tódalas seccións. Só os tenreiros frisóns experimentaron unha suba de 57 euros, de xeito que acadan un prezo de referencia de 700 euros. Nos becerros de cruces industriais o valor medio foi de 1.129 euros, logo dunha baixada de 52 euros. Nas becerras desta categoría, o prezo de referencia atópase nos 938 euros, cunha redución de 92 euros con respecto da semana pasada. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.241 euros, cando a semana anterior estaban 43 euros por encima deste prezo. Nas tenreiras a baixada foi máis destacada, de 151 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.107 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema reduciron o seu valor medio en 121 euros e quedan nos 1.034 euros.

O vacún maior foi unha das excepcións, con subas en case tódalas categorías. As vacas da extra incrementaron o seu valor en 82 euros e sitúanse nos 2.090 euros. As vacas de primeira cotizáronse a 1.145 euros, o que amosa unha suba de 13 euros. Nos exemplares de segunda o prezo medio foi de 762 euros, logo dunha suba de 5 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 423 euros, polo que se incrementou en 20 euros con respecto da última feira. A única excepción veu nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, que tiveron un prezo medio de referencia de 1.151 euros, o que supón unha redución de 953 euros.

08_08_2023 Central Vacuno

Baixadas no porcino

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana baixadas nos prezos tanto do porco cebado como nos leitóns. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal descontaron 0,02 euros e quedan nos 2,035 e 2,01 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,610 euros tras unha baixada de 0,026 euros. Os animais de descarte mantivéronse sen cambios e cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha baixada de 5 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 86 euros (cun prezo de 4,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 81 euros e cun prezo por quilo de 4,05 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Os ovos da XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,59 euros, os da M cotízanse a 2,07 euros e os da S están en 1,82 euros a ducia. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,23 e os 0,31 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

08_08_2023Central porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información