A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes baixadas nos prezos do vacún maior, mentres que na recría e nos becerros carniceiros non se aprecia unha tendencia clara, con subas e baixadas dos prezos de referencia nas distintas seccións.
As mesas de prezos de porcino mantivéronse esta semana sen cambios, mentres que no ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.
Prezo do vacún
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 85 euros, é dicir 7 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 136 euros, o que supón 17 euros máis que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días foron a excepción, xa que o prezo medio foi de 152 euros, cunha baixada de 36 euros.
Nos tenreiros de recría de cruces industriais tampouco houbo unha tendencia clara. Os becerros máis novos cotizáronse a 307 euros, o que supón unha baixada de 4 euros con respecto da semana pasada. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 351 euros, é dicir 50 euros menos. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 591 euros, o que supón un incremento de 13 euros.
Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 687 euros, polo que se manteñen sen cambios con respecto da semana pasada. Pola contra, os machos de cruces industriais descontaron 89 euros ata os 1.142 euros. Mentres, as femias incrementaron o seu valor medio en 174 euros ata acadar os 1.094 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos tiveron unha suba de 64 euros ata quedar nos 1.405 euros e as femias descontaron 73 euros, polo que agora teñen un valor de referencia de 1.072 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema reduciron o seu valor medio en 99 euros e quedan nos 1.221 euros.
No vacún maior a tendencia foi claramente á baixa. A única excepción foron as vacas de segunda que incrementaron en 2 euros o seu valor, ata situarse nos 769 euros. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.056 euros, despois de descontar 123 euros con respecto da semana pasada. As vacas de primeira cotizáronse a 1.141 euros, o que amosa unha baixada de 34 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio foi de 477 euros, polo que descontaron 14 euros con respecto da última feira. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o seu valor medio reduciuse 557 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.051 euros.
Nova baixada dos prezos dos ovos
As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado e no leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros.
O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL e da L se manteñen sen cambios e están a 2,94 e 2,59 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os da M tiveron unha baixada de 0,05 euros e quedaron en 2,14 euros a ducia. Nos ovos da S a baixada foi de 0,04 euros e páganse a 1,89 euros. As galiñas de descarte semipesadas descontan tamén 0,02 euros e cotízanse entre os 0,25 e os 0,33 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).