A Central pecha o ano cunha xornada de récord de afluencia de becerros carniceiros

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra o maior número de tenreiros de cebo e de adxudicacións. Esta semana houbo baixadas nos prezos da recría, tanto de frisoa como de cruces industriais. Subas no vacún maior de primeira e segunda. Mantéñense á alza os leitóns

A Central pecha o ano cunha xornada de récord de afluencia de becerros carniceiros

Tenreiros de cebo este martes nas instalacións da Central Agropecuaria, na última poxa do 2023.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca pecha hoxe o ano con récords na categoría de becerros carniceiros. Así, esta mañá, na última poxa de 2023, rexistrouse tanto o maior número de tenreiros carniceiros nunha sesión, cun total 217, como a maior cifra de adxudicados, con 206. Ata o de agora a máxima asistencia foran 215 animais e o maior número de adxudicados 196, unhas cifras rexistradas o pasado 8 de agosto.

Consecuentemente con este récord de afluencia tamén se acadou o maior volume de transaccións, con 215.538 euros, polo que se supera a cifra máxima ata o momento, os 206.974 euros, tamén da poxa do 8 de agosto. Porén, en canto ós prezos de referencia nesta categoría non houbo unha tendencia clara.

Pola súa banda, na recría houbo unha baixada xeral, tanto nos becerros de recría coma nos de cruces industriais. No caso do vacún maior, esta semana os prezos experimentaron unha suba nas categorías de primeira e segunda.

Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado continúa estable. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana.

A próxima poxa será o 2 de xaneiro, ó suspenderse a do día 26 de decembro

Esta é a última sesión do ano, logo de que dende a Central acordaran suspender a poxa do próximo martes día 26. Así, a seguinte sesión celebrarase xa no ano novo, o día 2 de xaneiro.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 25 euros o seu valor e sitúanse nos 72 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 107 euros (-31 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días tiveron un prezo de referencia de 156 euros (-15 euros).

Nos becerros de recría de cruces industriais, os tenreiros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 304 euros, logo dunha baixada de 30 euros. As femias desta sección cotízanse a 227 euros (-50 euros). Nos animais de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 374 euros, tras descontar 34 euros con respecto da feira anterior. As femias marcaron un prezo de referencia de 270 euros (- 29 euros). Nos exemplares de máis de 50 días, os machos foron a excepción e incrementaron o seu valor en 54 euros e sitúanse nos 542 euros. Mentres, as femias descontaron 60 euros con respecto da cotización da semana pasada e quedan cun valor de referencia de 350 euros.

No caso dos becerros de cebo non houbo unha tendencia clara. Nos machos de cruces industriais rexistrouse unha suba de 49 euros con respecto do prezo medio da semana pasada e o prezo de referencia foi de 1.082 euros. Nas femias produciuse unha baixada de 53 euros e quedan cun valor medio de 913 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.097 euros, ó rexistrar unha baixada de 72 euros. As femias desta raza están nos 1.055 euros (-13 euros). Os becerros frisóns rexistraron esta semana unha suba de 523 euros ata un valor de referencia de 795 euros, logo de que a semana pasada marcaran un mínimo de 272 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.074 euros (- 153 euros).

No vacún maior só os animais de primeira e segunda experimentaron subas esta semana. Así, nos de primeira o prezo incrementouse 13 euros e acadan os 1.142 euros. Nos de segunda a suba foi de 23 euros e sitúanse nos 749 euros. Nos animais da categoría extra houbo unha baixada de 94 euros e quedan cun valor de referencia de 2.081 euros. Os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 436 euros, o que supuxo unha baixada de 36 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 1.962 euros, 512 euros menos que na feira anterior.

19_12_2023 Lonxa

Subas nos leitóns

Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 91 euros (cun prezo de 4,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 86 euros e cun prezo por quilo de 4,3 euros.

O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, os da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.

O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

19_12_2023 Lonxa porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información