A Consellería do Medio Rural intensificará nos vindeiros meses a loita biolóxica contra o chancro do castiñeiro mediante a realización dunhas 34.000 inoculacións de cepas hipovirulentas do fungo Cryphonectria parasitica nas árbores para provocar a súa cicatrización espontánea.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo este anuncio este mércores durante a supervisión dos traballos de loita biolóxica contra esta patoloxía vexetal no concello ourensán de Riós. Galicia é líder en España en produción de castaña, unha actividade que xera –segundo datos da Consellería– arredor de cen millóns de euros anuais en volume de negocio.
Neste sentido, a conselleira lembrou que Medio Rural traballa dende o ano 2003 no desenvolvemento dun programa de loita biolóxica para o control desta doenza, co obxectivo principal de mellorar e conservar o patrimonio natural dos soutos de Galicia.
A Xunta destinará en 2016 e 2017 un total de 750.000 euros a combater esta enfermidade
Para facer fronte ao chancro do castiñeiro mediante o control biolóxico, a Consellería levou a cabo máis de 50.000 inoculacións no período 2011-2015, sendo os concellos ourensáns de Manzaneda, Viana do Bolo, A Mezquita, Vilardevós, Rubiá e Riós nos que se realizou o maior número destas actuacións. Trátase de utilizar cepas chamadas “hipovirulentas” do fungo, que son aquelas que provocan a cicatrización espontánea dos chancros activos ao seren inoculadas no punto de infección.
Para a realización destas labores durante os anos 2016 e 2017 a Xunta destina preto de 750.000 euros, que forman parte dun orzamento máis amplo (1,6 millóns de euros) centrado na sanidade vexetal no eido forestal.
A conselleira destacou tamén que o fomento do cultivo de castañas por parte do Goberno galego ten diferentes vertentes. Ademais desta defensa sanitaria –que se complementa coa loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro–, actúase mediante axudas para a plantación de árbores desta especie. Este ano investiranse 2,6 millóns de euros que permitirán plantar unhas 1.000 hectáreas.