O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe un encontro con veciños da comarca de Valdeorras con castiñeiros afectados polos lumes do pasado verán, ante os que anunciou que a Xunta convocará unha liña de axudas para garantir a súa replantación.
Así, explicou o conselleiro, habilitaranse dúas liñas de achegas sen requisito de superficie mínima de actuación. Unha para a corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polos incendios, roza do souto e a plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados.
A outra liña será para a reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos. Poderán beneficiarse das subvencións as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de soutos afectados polos lumes do pasado mes de xullo e a contía da axuda será do 100 % do gasto subvencionable, establecendo o apoio de entidades colaboradoras para facilitar a súa tramitación.
Esta liña de apoios, sinala Medio Rural, complementa ás axudas que se publicaron o pasado verán, co gallo de abordar a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos lumes. Foron axudas que finalmente se distribuíron entre preto de 180 beneficiarios, cun importe superior aos 830.000 euros.
Medio Rural lembra ademais outra liña xa aberta para a plantación de castiñeiros e restauración de soutos tradicionais, dotada de 3,6 millóns de euros.
Os soutos afectados polo lume en Valdeorras impactan na economía da castaña