Inditex é a primeira empresa en sumarse ao fondo creado pola Xunta para prevención de incendios forestais

O obxectivo deste fondo é contribuír á creación dun territorio resiliente ao lume e levar a cabo unha política de xestión da paisaxe centrada na prevención.

Inditex é a primeira empresa en sumarse ao fondo creado pola Xunta para prevención de incendios forestais

Cunha achega de 9 millóns de euros, Inditex é a primeira empresa en sumarse ao novo fondo público-privado posto en marcha pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais da comunidade. Este proxecto terá unha duración de tres anos e beneficiará a 26 concellos das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central Ourensán, onde as estatísticas amosan unha concentración recorrente de incendios forestais.

Os impactos sociais, económicos e medioambientais dos incendios forestais incrementáronse nas últimas décadas a nivel mundial. Cada vez existe un maior consenso técnico e científico sobre a necesidade de actuar para estar preparados ante un novo escenario de incendios extremos. O novo acordo alcanzado hoxe busca promover paisaxes resilientes, vivas e menos vulnerables, así como a restauración dos territorios afectados polos efectos do lume e o desenvolvemento dunha política de prevención centrada na xestión do territorio.

A Xunta realizará unha planificación transversal da área rural afectada delimitada polo seu perímetro natural, dando prioridade aos labores de prevención de incendios, ao tempo que se procurará a implantación de actividade agrogandeira e forestal sostible para apoiar a poboación local.

Este proxecto tamén contempla actuacións para impulsar a creación de descontinuidades na vexetación e nas masas arbóreas das zonas rurais afectadas polo lume, para evitar incendios futuros e reducir o seu impacto ambiental e socioeconómico. Tamén se traballará na silvicultura preventiva e na diversificación de especies. Ademais, acometerase o deseño de infraestruturas defensivas, que faciliten a loita contra os incendios forestais, segundo sinala a Xunta en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información