Roque Julio Rodríguez Soalleiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría (EPS Lugo – Universidade de Santiago), abordou no ciclo de conferencias Luis Asorey os diferentes tratamentos culturais e silvícolas para a creación de plantacións de castiñeiros para a produción de madeira.
En primeiro lugar, hai que distinguir entre os soutos mansos, orientados á produción de castaña, caracterizados polo uso de plantas inxertadas cunha densidade baixa e unha xestión máis intensa, e os soutos bravos, orientados á produción de madeira, que teñen unha densidade máis alta, con plantas bravas (non inxertadas) e unha xestión menos intensa.
A madeira de castiñeiro é máis clara e menos resistente que o carballo, pero moito máis doada de traballar. En Galicia, no 2019 cortáronse arredor de 25.000 metros cúbicos de castiñeiro para aproveitamento madeireiro, un volume escaso, na liña do resto de frondosas caducifolias, se ben é destacable que o castiñeiro mesmo é superado por outras frondosas en volume de cortas, caso do carballo ou do bidueiro. En España, moita madeira de castiñeiro vén de Francia porque comezaron a facer silvicultura antes ca nós.
Analizamos a continuación os principais condicionantes a ter en conta para unha plantación de castiñeiros para madeira.
O solo
“A profundidade do solo é un tema fundamental. As recomendacións mínimas son de 60 cm. de profundidade, pero crecerán mellor cun metro ou máis” sinala Rodríguez.
Outros factores a ter en conta son o tipo de chan, a altitude e a orientación. As recomendacións principais serían a orientación sur, a altitude non superior aos 1.000 metros e a riqueza mineral do solo, principalmente en potasio e fósforo.
“Se temos zonas de frondosas ou espinosas, onde intercalar a plantación do castiñeiro, é un bo indicativo e teremos unha zona que vai moi ben para o crecemento. En cambio, se temos unha zona de uceiras e queirogais, é un fracaso asegurado”, advirte Rodríguez.
Fertilizantes
O catedrático insiste na importancia da fertilización, en especial co uso de fertilizantes de liberación lenta, que teñen mellor resultado.
“A formulación recomendable do abono sería con baixo valor de nitróxeno – en Galicia temos solos que adoitan ter suficiente nitróxeno para a planta-, pero maior en fósforo, sodio, magnesio e micronutrintes. Unha composición típica dun abono para castiñeiro sería un NPK en proporción 11/22/9, enriquecido con magnesio. A aplicación será preferiblemente en bandas e en cobertera”, destaca Rodríguez.
Á hora de fertilizar, hai que ter tamén en conta o uso previo das terras. “Analizando os resultados de diferentes ensaios, pódese ver que as recetas para as terras agrícolas deben ser diferentes que para as terras forestais. No caso dos terreos agrícolas, si que podemos aportar máis nitróxeno, de forma amoniacal e non nítrica. As cinzas ou calizas complementadas con algún super fosfato serían a mellor opción. É unha boa inversión”, asegura Rodríguez.
Rego e temperatura
Sobre a dispoñibilidade de auga, o profesor destaca que debe ser na xusta medida. O exceso de chuvia, humidade ou encharcamentos acaba por ter efectos negativos no crecemento dos castiñeiros, sendo unha boa opción o rego por goteo, sistema que non era moi frecuente en Galicia e que implica a creación de infraestructuras permanentes para a rega, que non son subvencionables.
Fóra de Galicia, temos varios exemplos, como en Trévelez (Granada), onde os golpes de calor chegan a matar grandes poboacións de castiñeiros, con temperaturas extraordinariamente altas. É un exemplo claro de como o cambio climático pode afectar aos castiñeiros.
Modelos produtivos
Á hora de solicitar unha subvención para a plantación, é preciso plantexala segundo un dos modelos silvícolas deseñados pola Xunta, ou a través dun instrumento de ordenación. Existen diferentes modelos silvícolas: o CS1 (madeira para serra e chapa), o CS2 (produción de froito en novas plantacións) e o CS3 (produción de froito e outros aproveitamentos, dirixido aos soutos vellos).
No referido ás formacións produtoras de madeira, atopamos tres tipos:
Plantacións con esa orientación específica, responde ao modelo selvícula CS1.
Soutros de produción de castaña: algunhas variedades producen vigas rectas de calidade (importante facer as podas de renovación de copa para a produción de castañas e manter o tronco longo e recto).
Montes baixos ou tallar de castiñeiro, moi pouco frecuente en Galicia, orientadas á produción de madeiras de poucas dimensións, pero co gran problema de ser moi sensibles ao chancro.
Podas e formación da árbore: evitar defectos
Para obter madeira de calidade, a clave é evitar defectos. O obxectivo é acadar unha árbore final cun fuste limpo (libre de pólas), recto na maior lonxitude posible, con bo díametro e a copa limitada á parte superior. A
As intervencións deben ser o máis frecuentes e menos intensas posibles, especialmente entre os 2 e 6 anos. Debemos centrarnos en cortar as pólas con moita tendencia a engrosar, así como ramas con inserción moi vertical. Será tamén importante plantar con certa densidade, sen facer clareos nos primeiros anos, para así conseguir que as pólas non sexan moi anchas.
O cebolo
“O cebolo é un dos defectos máis frecuentes e limitantes, nalgúns paises xa tiraron a toalla, como en Francia”, destaca Rodríguez. Tamén chamado “ring shake”, o cebolo é unha fenda radial de aceboladura, que deriva da escasa resistencia do castiñeiro á tracción perpendicular á fibra.
Recoméndanse facer unha silvicultura precoz para que as condicións de crecemento sexan o máis estables posibles. Outra clave é seleccionar sitios fértiles, de calidade. Algúns autores relacionan o acebolado co nivel do calcio no solo, e case sempre se relaciona con árbores de moita idade.
Rareos e cortas
Seguindo o modelo silvícola, o seguinte punto despois das podas é o do control das densidades. No manexo da densidade, imos ter intervencións de cortas dalgunhas árbores e non doutras, o que se chama facer claras.
“Sen marcaxe de ábores non hai selvicultura. É fundamental marcar as mellores árbores para porvir” valora Rodríguez.
O que se corta nun rareo son as árbores que lle fan a competencia ás de porvir, o que lles vai sentar moi ben a estas árbores, que crecerán máis. A competencia entre as árbores mídese examinando as copas.
É importante non deixar aperturas excesivas ou claramentos. Ás veces costa decidir entre a árbore de porvir e a que se debe cortar, ainda que cada vez hai más especialistas e coñecemento ao respecto. É suficiente con 50 plantas de porvir por hectárea, para corta final.
Baixo risco en incendios
O subpiso do castiñeiro adoita ser de follas pouco compactas, pero hai que vixiar que non haxa un exceso de toxeiras, que poden ser un risco en caso de lume.
Aproveitamentos
As quendas de corta adoitan ser de entre 30 e 60 anos. Desde o punto de vista produtivo, non interesan árbores moito máis vellas.
O nivel de cortas en Galicia no 2019 en xestión privada foi duns 25.000 m3, superado polo carballo e o abedul. Os prezos máis altos en decembro do 2022 rondaban os 100 euros por metro cúbico.
Axudas
“En galicia hai dúas líneas: unha de castiñeiros para froito e mellora de soutos tradicionais de castiñeiro e outra para produción de madeira, para castiñeiros do país e híbridos. A contía da axuda é do 100%, pero non subvenciona o Ive. Como requisitos, o mínimo da superficie é unha hectárea, é preciso un proxecto técnico e unha serie de requisitos que son razoables, pois o que se intenta é facer as cousas ben” aclara Rodríguez.
É posible facer as plantacións en terreos de monte e en antigos pastizais.
Conclusións
Como conclusións finais, Rodríguez lembrou as múltiples opcións de produción que presentan os castiñeiros. “Podemos ter castañas, madeira, produción micolóxica ou gandería extensiva… Ou incluso podemos combinalo todo”, enumerou. Ademais, o profesor destacou tamén que existe en Galicia un tecido produtivo asociado á madeira e á castaña, cunha boa implantación empresarial (viveiristas, empresas de servizos, técnicos, etc.).
– Modelos silvícolas da Xunta
https://mediorural.xunta.gal/es/temas/forestal/ordenacion/adhesion-a-ms-y-rbfp-orientativos
– Modelo CS1
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/forestal/adhesions-ms/modelos/CS1_cas.pdf
– Modelo CS2
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/forestal/adhesions-ms/modelos/CS2_cas.pdf
– Modelo CS3
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/forestal/adhesions-ms/modelos/CS3_cas.pdf
Vídeo coa conferencia completa: