Os soutos afectados polo lume en Valdeorras impactan na economía da castaña

Os produtores dan por perdida a colleita deste ano e queda por ver en que medida se poden recuperar os castiñeiros para próximos anos. Cuestionan que as axudas polas perdas de produción derivadas dos incendios non se adaptan ás características dos propietarios dos soutos

Os soutos afectados polo lume en Valdeorras impactan na economía da castaña

Castiñeiro queimado polo lume en Valdeorras.

O incendio que a mediados de xullo arrasou máis de 10.000 hectáreas en Valdeorras, levando por diante mesmo aldeas e soutos, deixou tocada á comarca. Os ánimos entre os afectados están aínda baixos e a paisaxe que deixou o lume nos soutos tampouco dá azos. A maioría dos castiñeiros sufriu lume de copa, co cal a colleita deste ano considérase perdida en toda a comarca, nalgunhas aldeas ó 100%, e hai incertidume sobre como será a recuperación dos soutos danados.

“Temos a esperanza de que a maioría dos castiñeiros poida recuperar, pero no noso caso, hai arredor de medio cento que arderon por completo, troncos incluídos, que xa están perdidos. Do resto, a maioría dos castiñeiros, salvo casos contados, viuse afectado por lume na copa, pero cremos que para o ano volverán estar verdes” -explica unha produtora de Rubiá perxudicada polos lumes-. “Foi un lume que nunca vimos, porque o solo dos nosos soutos estaba limpo e non ardeu, pero arderon todas as copas”, lamenta.

Así as cousas, na comarca calcúlase a perda de colleita en arredor dun millón de quilos de castaña, coa perspectiva de que en próximos anos haxa colleitas máis baixas do habitual. “O impacto depende da zona. Hai áreas moi afectadas, pero tamén é certo que nos soutos grandes o lume só afectou ás árbores dos bordes, en tanto a parte central salvouse”, valora Juan Fernández, de Castañas Rafael, unha das principais empresas que comercializa a castaña da comarca.

“Foi un lume que nunca vimos porque o solo dos nosos soutos estaba limpo e non ardeu, pero queimáronse as copas dos castiñeiros”

A cuestión é en que porcentaxe e ata que punto se recuperarán os castiñeiros para o próximo ano. “Lembro que en Rubiá hai cousa de dez anos houbera tamén un incendio que entrara nun souto noso e ese souto nunca se chegou a recuperar de todo. Son 30 castiñeiros e a día de hoxe seguen sen producir máis de 200 ou 300 quilos ó ano, cando antes tiñan producións moi superiores”, sinala unha veciña afectada, consultada por Campo Galego.

Souto afectado polos lumes que se espera que agrome de novo a próxima primavera.

Souto afectado polos lumes que se espera que agrome de novo a próxima primavera.

Dificultades para acceder ás axudas
Un problema engadido co que se atopan os produtores de Valdeorras é a dificultade de acceder ás axudas por perda de produción dispostas pola Xunta para paliar os danos dos lumes. Unha das condicións que esixe a convocatoria é que os propietarios dos soutos estean dados de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, cuestión que case ningún cumpre, pois a castaña trátase dunha segunda actividade na maioría dos casos.

Entre os produtores de castaña consultados hai coincidencia en que as axudas non se axustan ás características dos propietarios dos soutos. Hai tamén malestar por outras cuestións, como o feito de que as axudas sexan por concurrencia non competitiva, é dicir, por orde de presentación ata que se esgota o crédito disposto. Tampouco convence o prezo que se vai pagar pola perda de produción de castaña, que se estima en arredor de 90 céntimos/kg., cando o valor no mercado da castaña nos últimos anos rondaba 1,50 euros.

Modernización e plantación de novos soutos

“Temos a oportunidade de crear plantacións modernas e produtivas”

Trala catástrofe sufrida en Valdeorras, o sector comeza a plantearse o futuro. “Na comarca, o aproveitamento da castaña centrouse ata o de agora en pequenos soutos tradicionais, que servían para complementar a renda familiar, pero quizais de cara ó futuro, sobre algunhas das superficies que arderon, debéramos de plantexarnos crear plantacións modernas e produtivas dun mínimo de 10 hectáreas”, valora Juan Fernández.

“O gran problema da comarca é o minifundio. Se unha persoa quere mercar terras para facer unha plantación de 10 hectáreas, igual ten que negociar con 100 persoas, salvo que se trate dun aluguer nun monte veciñal” -explica Juan Fernández-. “O lume foi unha catástrofe, pero deixa tamén unha oportunidade. Hai que ver se hai persoas dispostas a investir en plantacións e valorar que axudas saen en próximos anos para novas superficies de castiñeiros”.

Colleita 2022
A situación vivida en Valdeorras cos incendios terá previsiblemente un impacto global no mercado galego. No Bierzo, tralos lumes do oriente ourensán, xa pronostican un aumento de prezos da castaña para esta campaña. Tanto no Bierzo como no resto de Galicia hai de tódolos xeitos temor á evolución do tempo nas próximas semanas, pois veu un verán con moito calor e seca que podería afectar á colleita.

No Bierzo pronostican un aumento de prezos da castaña polos lumes no oriente ourensán

Desde a IXP Castaña de Galicia, avogan por facer unha valoración máis clara da situación a finais de mes, tanto no que respecta á situación da próxima colleita como sobre o impacto dos lumes nas distintas zonas produtoras, pois aínda hai lumes activos en áreas tradicionais de castaña, como o Macizo Central de Ourense, onde a parte dos incendios xa extinguidos, está hoxe activo un en Laza (1.350 hectáreas).

O Courel e outras zonas produtoras
No Courel (Lugo), unha comarca de castaña que sufriu en xullo un gran lume paralelo ó de Valdeorras, apuntan polo de agora a que os incendios a penas danaron de xeito directo ós soutos. “O lume chegou ós soutos que hai arredor dos pobos, pero aí ralentizouse e púidose apagar”, explica Verónica Núñez, da firma Caurelor, especializada na transformación de castaña.

“No noso pobo, Santa Eufemia, o souto foi o que nos protexeu do lume, fixo un efecto illa. Houbo algunhas árbores afectadas nos bordes, pero a maioría están sen danos. Outra cousa é que o lume, unido á calor e a falta de auga, poida ter un impacto na colleita deste ano” -reflexiona Verónica-. “Pero na maioría dos pobos do Courel, salvo en Vilar, os soutos salváronse”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información