Medio Rural anuncia un plan de acción para impulsar a plantación de piñeiro

A Consellería compromete coa Fundación Arume apoios para lanzar a mellora xenética das coníferas en Galicia, unha das principais eivas que presenta o sector. Prepara unha declaración de emerxencia sanitaria para axilizar as tarefas de prevención fronte á enfermidade das bandas

Medio Rural anuncia un plan de acción para impulsar a plantación de piñeiro

Reunión do Padroado da Fundación Arume.

O piñeiro está na liña de saída dun proceso de recuperación en Galicia. Logo de dúas décadas de forte declive en monte, as coníferas galegas ven a luz ó final do tunel. Os prezos da madeira de piñeiro están disparándose a nivel mundial, da man dunha demanda que todo apunta a que será moi superior á oferta ao longo das próximas décadas. Ese escenario únese ó impulso que a Fundación Arume, conxuntamente coa Consellería do Medio Rural, trata de lograr para as plantacións de piñeiro en monte.

Desde a crise do 2008, cando o prezo do piñeiro se desplomou, os piñeirais galegos pasaron por unha travesía do deserto. A especie perdeu atractivo económico para os propietarios e un cúmulo de factores sumouse en contra. Disparáronse as plantacións de eucalipto nitens, unha especie máis adaptada ó interior galego que o eucalipto globulus; e no sur da comunidade os lumes e a chegada da praga do nematodo á provincia de Pontevedra mermaron as perspectivas de futuro da especie.

O panorama agora está a cambiar, non só pola moratoria a novas plantacións de eucalipto, senón polo atractivo económico que comeza a ter de novo o piñeiro para os propietarios particulares e comunidades.

Os retos para o piñeiro no monte céntranse en tres puntos, segundo expuxo hoxe o presidente da Fundación Arume, José Carballo, na reunión do Padroado da entidade: mellora xenética, sanidade forestal e apoio á silvicultura.

A esas tres demandas respondeu na clausura da reunión do Padroado o conselleiro do Medio Rural, José González, quen anunciou un plan de acción a partir de setembro para promover a plantación de coníferas e frondosas no monte.

Ese plan, segundo detallou o conselleiro, incluirá apoios á mellora xenética e á sanidade forestal. En canto ás axudas ós propietarios, a Xunta quere reformulalas e que o financiamento privado gañe tamén protagonismo.

Intervención do conselleiro de Medio Rural, José González, na reunión do Padroado da Fundación Arume.

Intervención do conselleiro de Medio Rural, José González, na reunión do Padroado da Fundación Arume.

Mellora xenética

Galicia perdeu o tren da mellora xenética fronte a outras grandes rexións do mundo produtoras de coníferas. É unha realidade que afecta tanto ó piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como ó piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e ó piñeiro silvestre.

O sector ten ante si o desafío de lograr plantas con mellora xenética que ofrezan maiores produtividades e calidades, menores turnos de corta e garantías sanitarias fronte a enfermidades e pragas.

Preocupa en especial o nematodo do piñeiro, xa presente na zona sur de Pontevedra. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán logrou seleccionar piñeiros do país con maior resistencia fronte ó nematodo, pero agora toca transferir esa planta ó monte. A vía máis áxil é a obtención de planta clonal, se ben iso require un importante esforzo económico e tecnolóxico.

Para lanzar a mellora xenética do piñeiro en Galicia, a Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea do piñeiro de Galicia, deseñou un proxecto de 4,6 millóns de euros que opta a fondos Next Generation. Entre tanto, o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe participou na reunión do Padroado da Fundación Arume, anunciou a inminente sinatura dun convenio con Arume por importe de 200.000 euros para iniciar accións de mellora xenética dos piñeiros de Galicia.

Outra das eivas en xenética que se quere afrontar de xeito prioritario é a mellora do piñeiro insigne. Ante as dificultades administrativas para importar sementes dos grandes países produtores de piñeiro insigne, como Nova Zelanda ou Chile, con xenéticas máis avanzadas, o camiño a tomar apunta a desenvolver a mellora a partir das masas implantadas en Galicia de piñeiro insigne.

Declaración dunha emerxencia sanitaria para axilizar a prevención da banda marrón e vermella

A enfermidade das bandas marrón e vermella foi outro dos focos de debate na reunión do Padroado da Fundación Arume. No País Vasco e en menor medida noutras comunidades da Cornisa Cantábrica, como Asturias, o piñeiro insigne sofre nos últimos anos serios problemas coas bandas marrón e vermella, uns fungos que provocan a defoliación das árbores e en último termo, a súa morte.

No oriente de Galicia, xa se detectaron este ano zonas de Fonsagrada e Baleira afectadas polas bandas, o que levou a Medio Rural a intensificar as medidas de prevención en montes conveniados, con tratamentos fitosanitarios, podas e rareos.

O segundo obxectivo da Consellería céntrase en incentivar as medidas de prevención nas propiedades particulares e montes veciñais non conveniados. Para iso, o conselleiro anunciou hoxe a inminente declaración dunha emerxencia sanitaria, unha figura coa que se quere axilizar a adopción de medidas. González precisou que contará coa colaboración da Fundación Arume, a fin de que se implique na organización dos traballos e coordinación cos propietarios.

Na reunión do Padroado da Fundación Arume celebrada hoxe, o subdirector xeral de Recursos Forestais, Jacobo Aboal, aportou a boa noticia de que a Galicia aínda non chegou a banda marrón -a máis perigosa-, se ben espérase que acabe por chegar. Os casos de bandas que se detectaron nos últimos dous anos no oriente de Lugo correspóndense coa banda vermella, un fungo que causa en principio un menor impacto nas masas.

En calquera caso, Medio Rural considera imprescindible acometer á maior brevidade tratamentos, podas e sobre todo rareos nas masas de piñeiro insigne, principalmente en Lugo.

Apoios ós propietarios e restauración de montes

Reunión do Padroado da Fundación Arume.

Reunión do Padroado da Fundación Arume.

O terceiro piar do plan de acción que a Fundación Arume trata de impulsar, conxuntamente con Medio Rural, é o apoio ós propietarios na plantación de coníferas, así como na restauración de montes degradados por incendios ou pragas.

Para a restauración ambiental de montes, unha vía que se está comezando a empregar é a participación de empresas privadas interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de carbono. É un mecanismo que xa permitiu a restauración de montes afectados por incendios nos últimos anos, como é o caso das comunidades de montes de Saiar e de Paradela, no monte Xiabre (Caldas de Reis).

A Fundación Arume aspira a fondos Next Generation para cofinanciar ese proceso de restauración con fondos públicos. En concreto, o obxectivo é plantar 12.000 hectáreas nos próximos 5 anos, 7.000 de piñeiro do país, 3.000 de piñeiro insigne e 2.000 de frondosas. A idea é que 5.000 desas hectáreas se implanten en zonas afectadas polo nematodo e con planta que presente maiores resistencias fronte á praga.

Ao respecto das frondosas, o conselleiro do Medio Rural anunciou hoxe tamén a súa intención de impulsar un plan específico para promover a silvicultura do carballo, a parte do plan xa anunciado para o castiñeiro.

Balance das liñas de axudas
De cara a promover a plantación de coníferas e frondosas en monte, a Consellería proxecta continuar coas liñas de axudas dos últimos anos, pero anúncianse cambios. A cuestión é que se está constatando que esas axudas non funcionan correctamente.

O subdirector de recursos forestais, Jacobo Aboal, presentou hoxe no Padroado da Fundación Arume unha análise dalgunhas das principais eivas que se detectan nas liñas de axuda á plantación de coníferas e frondosas.

Un punto analizado é que son axudas que a penas chegan ós propietarios forestais particulares, pois as grandes beneficiadas adoitan ser comunidades de montes veciñais. Chama a atención ademais que sistematicamente os montes veciñais de Ourense aparecen entre os grandes beneficiarios das axudas, pero sen embargo o volume de cortas de piñeiro é residual nesa provincia desde hai anos. O problema radica en que gran parte das plantacións non chegan a turno de corta por mor dos incendios forestais.

Medio Rural anuncia un plan piloto no 2022 na comarca de Verín para crear polígonos forestais cortalumes

É unha cuestión que a Consellería pretende afrontar con maior esforzo en prevención. González anunciou hoxe que o Distrito Forestal de Verín – Monterrei acollerá no 2022 un plan piloto para a creación polígonos forestais cortalumes. “Nesa comarca temos máis de 50.000 hectáreas de montes veciñais en convenio e trátase dunha zona na que nos preocupa o impacto dos incendios”, explicou o conselleiro.

Os polígonos forestais cortalumes son unha das figuras de agrupación que aparecen na nova Lei de Recuperación da Terra Agraria. No marco da Lei, o conselleiro considera imprescindible que os propietarios forestais se impliquen na posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio e impulsar traballos silvícolas e de prevención conxuntos. A Consellería anuncia que porá énfase en priorizar as axudas destinadas a propietarios que participen en figuras de xestión conxunta.

Na Consellería, por último, preocupa tamén a escasez de parcelas con certificación forestal PEFC ou FSC en Galicia. “Temos arredor dun 8% da superficie forestal certificada. En Alemania están no 70% e en Francia case no 50%” -comparou Jacobo Aboal-, que advertiu que “sen certificación non se chega ós mercados”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información