O prezo do piñeiro remonta o voo

As coníferas galegas encarecéronse arredor de 5 euros / tonelada na primeira metade do 2021, con perspectivas de achegarse no segundo semestre ós niveis anteriores ó 2008

O prezo do piñeiro remonta o voo

Piñeiral de rexeneración natural. / Arquivo.

A demanda de madeira de coníferas é nos últimos meses moi superior á oferta, o que disparou os prezos no mercado mundial. Chegouse ó punto de que determinados produtos transformados (tablas, vigas laminadas) elaborados con madeiras como o abeto (Picea abies) ou o ‘pino rojo’ (piñeiro silvestre), procedentes de Centroeuropa e Escandinavia, duplicaron o seu prezo no mercado internacional desde finais do ano pasado.

É un escenario que está a repercutir tamén de xeito positivo no piñeiro galego destinado a serra, pois no primeiro semestre do ano o seu prezo subiu en monte arredor de 5 euros / tonelada, con perspectivas de que o seu encarecemento continúe no segundo semestre do ano, segundo destacan desde a Fundación Arume, unha entidade que agrupa a toda a cadea do piñeiro de Galicia, desde viveiros e propietarios forestais ata a industria.

O actual contexto internacional dálle a razón á Fundación Arume, que se xestou no 2018 co obxectivo de potenciar o piñeiro de Galicia como unha madeira de futuro. A Fundación está a ultimar agora a posta en marcha da marca de calidade Pino de Galicia, que estandarizará a oferta de categorías da madeira das coníferas galegas e mellorará así o seu posicionamento no mercado.

Contexto de mercado
A cuestión de fondo é que non hai suficiente oferta mundial de coníferas para abastecer á demanda actual. Ese desabastecemento vén motivado por diversos factores, como o aumento das compras de madeira por parte de China, o tirón da construción en Estados Unidos ou o aumento de gastos en equipamentos para o fogar en Europa a raíz da Covid, entre outros factores.

Falta madeira no mundo, polo que as perspectivas apuntan a que nas próximas décadas a demanda manterase alta, con bos escenarios de prezos

Os aumentos da demanda están a provocar fortes tensións no mercado que teñen a súa repercusión en Galicia. En primeiro lugar porque as industrias galegas de primeira transformación da madeira están a recibir maior demanda para os seus produtos. En segundo lugar, porque as industrias da madeira do resto de España, de Portugal e doutros países, como China, procuran o piñeiro galego como un produto refuxio, ante a escalada de prezos das tradicionais madeiras de importación.

Consecuencias da demanda
A demanda de piñeiro de Galicia permitiu consolidar aumentos de prezo en toda a cadea de valor da madeira, desde o propietario forestal ata a industria, que a súa vez repercute no mercado final ese encarecemento.

O piñeiro recupera atractivo en monte, en tanto a industria ten a oportunidade de avanzar na transformación da súa madeira e de gañar mercados

Máis alá da situación coxuntural de altos prezos e demanda para o piñeiro de Galicia, a Fundación Arume destaca que a cadea da madeira está ante a oportunidade de consolidar melloras estruturais. Para o propietario, o piñeiro está recuperando os niveis de prezos en monte anteriores á crise do 2008, o que reforza o seu atractivo e o interese na súa silvicultura para obter madeira de calidade.

Para a industria, existe a posibilidade de avanzar na transformación das coníferas e de consolidar novos mercados en produtos de calidade, como, entre outros, a madeira laminada, a madeira termotratada ou o CLT (Cross Laminated Timber), empregado de xeito estrutural na construción. Os operadores do mercado buscan un suministro seguro, con madeiras de proximidade e de calidade, parámetros que posicionan ó piñeiro de Galicia como unha aposta con gran futuro.

Sobre a Fundación Arume

A Fundación Arume é unha entidade impulsada desde o sector forestal galego para fomentar o desenvolvemento do piñeiro na nosa comunidade. A orixe da Fundación Arume está no convenio de colaboración sectorial denominado “Plan integral de dinamización e recuperación de montes de coníferas e de promoción do consumo de madeira de Galicia”, asinado o 24 de outubro do 2018 por máis de 50 entidades públicas e privadas.

Ese convenio consolidouse uns meses máis tarde coa constitución da Fundación Arume o 4 de xullo do 2019. Como primeiro paso, a Fundación Arume marcouse o reto de impulsar a I+D en catro liñas estratéxicas, para as que constituíu cadanseu grupo de traballo con profesionais do sector, investigadores e expertos: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información