Data inicio: 11/09/2023
Data fin: 22/09/2023
Lugar: Santiago de Compostela, España
O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Fundación Laboral da Construción, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal e a Fundación Arume, organizan un curso sobre construción industrializada e eficiente con madeira. A formación ten por obxectivo capacitar a operarios do sector da madeira e a construción na fabricación e montaxe de estruturas de madeira baseadas en armazóns lixeiros de madeira e CLT, con illantes térmicos que permitan realizar construcións eficientes de consumo enerxético case nulo.
O curso está destinado especialmente a carpinteiros e montadores, pero tamén a empresarios do sector da madeira e a construción e a todos os operarios e técnicos da construción en xeral que poidan levar a cabo construcións en madeira.
A formación impartirase durante dúas semanas, do 11 ó 22 de setembro. Contará cunha parte teórica, que se impartirá de forma online en directo durante 15 horas a razón de 3 horas ó día durante 5 días (do 11 ó 15 de setembro). A segunda semana (do 18 ó 22 de setembro) impartirase a parte práctica, presencial, que terá unha duración de 35 horas, a razón de 7 horas diarias durante 5 días para construír unha pequena construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira. Será nas instalacións da Fundación Laboral da Construción, en Santiago, en horario de 8.00 a 15.00 horas.
Inscricións e prazas
O número de prazas é limitado a 20 alumnos. O curso pecharase coas 20 primeiras inscricións, admitidas segundo o orde de inscrición. A asistencia ó curso é gratuíta, xa que está financiado ó 100% pola Axencia Galega da Industria Forestal, pero a empresa deberá aboar 85 euros por alumno en concepto de reserva cando se formalice a inscrición, que lle devolverán unha vez terminado o curso, se o alumno asistiu como mínimo o 80% do curso.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición e obter máis información sobre o programa do curso aquí.