O encontro ‘Piñeiros 23’, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura, puxo o foco sobre o carácter disruptor que está a ter a madeira na construción. O presidente da Fundación Arume, José Carballo, sinalou que en Centroeuropa xa hai un 20 – 30% de vivendas que se están edificando en madeira estrutural, unha tendencia que pronosticou que irrumpirá con forza nos próximos anos en Galicia e no resto de España.
Tras anunciar esta semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que no 2024 fixará unha porcentaxe mínima de edificios públicos construídos en madeira, Carballo suxeriu extender o compromiso ás vivendas de promoción pública, para o que propuxo unha cifra mínima dun 20% de vivendas de protección oficial feitas en madeira estrutural.
O edificio en madeira máis alto de España
Unha das actuacións pioneiras en madeira en España é o edificio ‘Terrazas para la Vida’ (Barcelona), un edificio de vivendas para aluguer social que está sendo levantado con madeira galega. A obra, de 8 plantas e baixo, será o edificio en madeira máis alto de España. Presentou a obra en ‘Piñeiros 23’ o arquitecto Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña.
Ibáñez incidiu en que este tipo de obras enmárcanse nun novo paradigma, o da construción como sumidoiro de carbono. “A construción é un dos sectores que máis contribúe ás emisións de carbono a nivel global. Un 50% desta contribución débese ó proceso de produción dos materiais que emprega (aceiro, formigón, ladrillos, etc.). Por tanto, a madeira, un material que é sumidoiro de carbono, é clave no novo paradigma”, valorou.
O director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña fixo tamén referencia a importancia de variar os criterios de adxudicación da obra pública. “Tradicionalmente, o criterio é un 50% de calidade arquitectónica e un 50% de custo. Nós este edificio puidémolo executar porque se marcaron outros criterios: 30% de calidade arquitectónica, 30% de pegada de carbono, 30% de tempo de montaxe e 10% de custo”.
Sobre o maior custo das obras en madeira, Ibáñez sinalou que era unha cuestión relativa. “Pensemos que este edificio tardamos 6 meses menos en montalo en madeira que se o fixésemos do xeito tradicional, co que se aforra moito en tempo de traballo en obra”, precisou, pois ao chegar todas as estruturas de madeira cos cortes e medidas precisos de fábrica, o traballo en obra redúcese a unha montaxe en seco.
Na xornada tamén se abordou a construción doutros edificios onde a madeira é protagonista, como a nova sede da Fundación Naturklima en San Sebastián, un dos proxectos destacados do estudo Varquitectos, onde a madeira xoga un papel fundamental. Este é un exemplo máis onde o emprego da madeira contribúe xa non só a dispoñer de edificios pasivos, senón que mesmo teñen un impacto negativo, xerando así un novo paradigma onde os edificios poden chegar a producir máis enerxía da que consumen para a súa construción, reducindo deste xeito o seu impacto ambiental.
Potencialidade do monte galego para a construción
Para potenciar o uso da madeira galega na construción, o presidente da Fundación Arume, José Carballo, incidiu na necesidade de traballar a calidade desde o monte, primeiro con boa planta e despois con tratamentos silvícolas (podas, rareos) que permitan obter madeira de calidade.
“En Galicia, os propietarios forestais cobran 300 millóns de euros ó ano polas súas cortas de madeira, pero en Baviera (Alemania), un estado que leva décadas apostando pola silvicultura, os propietarios forestais ingresan 3.000 millóns de euros ó ano” (cun bosque de 2,6 millóns de hectáreas, polos 1,4 millóns arborados de Galicia).
A comparación entre Baviera e Galicia é aínda máis chamativa no campo da industria, pois alí a madeira para construción xera na industria 7.000 millóns de euros ó ano, en tanto en Galicia é un sector nacente, segundo lembrou Carballo.
A potencialidade que presenta o monte galego para a construción, cunha materia prima cercana e que pode aportar trazabilidade, foi tamén posta de manifesto polo prestixioso arquitecto David Chipperfield, que incidiu na súa intervención en Piñeiros 23 na necesidade de xerar máis oportunidades a través da madeira.
Chipperfield comparou os 10.000 empregos que xera o sector da madeira en Galicia, “ocupando o 60% do territorio”, cos máis de 100.000 que xera o turismo. A este respecto, Chipperfield incidiu na importancia da segunda transformación da madeira como elemento para “xerar novas oportunidades”, un camiño no que precisou a importancia de elementos como a formación, a investigación ou a mellora da xestión dos bosques.
Sobre o monte galego, Chipperfield tamén incidiu na súa importancia social e ambiental, aspectos que insistiu que ten que ter en conta a industria.
A Fundación RIA, impulsada por Chipperfield en Galicia, traballa precisamente con comunidades de montes e entidades públicas en proxectos que tratan de mellorar a xestión ambiental do territorio, pois como o arquitecto lembrou, “existe unha gran interdependencia entre o entorno natural e o construído”.
Mellora xenética
Outro dos eixos de ‘Piñeiros 23’ foi a mellora xenética das coníferas, en especial do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), unha cuestión sobre a que falaron representantes de País Vasco, Asturias e Cataluña. Todos eles abordaron as innovacións que se están poñendo en marcha para mellorar a selección xenética das árbores e lograr planta máis produtiva e resistente a pragas e enfermidades.
O director do Centro Tecnológico y de la Madera de Asturias, Juan Majada, sinalou en concreto todas as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías de sensores (cámaras multiespectrais, cámaras térmicas, Lidar, Nir, etc.), pois facilitan a valoración de distintos parámetros técnicos das árbores. Estas novas tecnoloxías permiten cuantificar con criterios obxectivos algúns dos aspectos relevantes para a selección xenética así como introducir parámetros como o volume de tronzado óptimo que normalmente non se inclúen nos programas de mellora, pero que resultan de interese.
Por parte de Galicia, Francisco Larío (Tragsa), subliñou as novas técnicas de propagación vexetativa (clonación) que están introducindo os viveiros galegos, o que facilita a multiplicación de plantas con mellora xenética. Un dos proxectos iniciais de propagación vexetativa estase facendo con planta de piñeiro que presenta maiores resistencias á praga do nematodo.
“Este ano, nun campo de pés nai de 600 plantas, con 150 metros cadrados de superficie, obtivemos por estaquillado e posterior enraizado das estaquillas un total de 10.000 plantas”, explicou.
“O obxectivo para o ano é lograr 20.000”, sinalou, con perspectiva de que estas cifras se poidan multiplicar no futuro. “Cun campo de pés nai de pouco máis de hectárea e media e unha porcentaxe de enraizamento das estaquillas do 70%, poderiamos conseguir máis de 3,5 millóns de plantas ó ano”, destacou. “É unha planta máis cara que a planta de semente, pero que tamén ofrece maiores garantías, sobre todo para zonas que sexan sensibles ó nematodo do piñeiro”, valorou.
Obxectivos comúns entre Euskadi e Galicia
Nesta terceira edición, como xa acontecera o ano pasado con Portugal, a xornada serviu para abordar a relación con Euskadi e o seu sector forestal. Así, contou coa participación da Fundación Baskegur, asociación profesional que representa ó sector forestal e da madeira vasco. Federico Saiz, presidente da entidade, destacou a visión común que comparten Euskadi e Galicia coa mirada posta nunha xestión forestal sostible, con prácticas respectuosas co medio ambiente, a rexeneración dos montes, abordar retos en materia de sanidade forestal e a procura tamén dunha sostibilidade económica do sector.
Saiz tamén apuntou á necesidade de establecer unha colaboración entre Galicia e o País Vasco para o posicionamento do sector nos mercados europeos, ó tempo que sinalou proxectos nos que xa están a contar co apoio de entidades galegas como a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para desenvolver un programa de trazabilidade da madeira do monte á cadea de valor, baseado no que está xa operativo en Galicia.
A xornada de tarde concluíu cunha mesa orientada á bioeconomía, na que se abordaron diferentes usos da madeira (mobles, caixas de viño, artesanía, etc.).
O acto contou coa inauguración do conselleiro do Medio Rural, José González, e pola tarde foi clausurado pola conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez. Na súa intervención, González incidiu no compromiso da Xunta en impulsar a construción pública con madeira e lembrou tamén que de cara ó 2024 Medio Rural porá en marcha un mercado voluntario de créditos de carbono, que complementará ó do Ministerio e que xerará novas oportunidades para a venda do CO2 capturado polos montes.