Árbores por carbono nos montes galegos

A restauración ambiental de montes queimados representa unha oportunidade para que as empresas galegas compensen as súas emisións de CO2. Un proxecto en Caldas de Reis impulsado conxuntamente por Clun e a Fundación Arume, primeiro caso na comunidade

Árbores por carbono nos montes galegos

A Fundación Arume, Clun e as comunidades de montes de Saiar e Paradela presentaron os traballos de restauración acometidos.

Dúas comunidades de montes de Caldas de Reis, a de Saiar e a de Paradela de Bemil, están a promover a restauración ambiental dos seus montes no marco dunha iniciativa pioneira en Galicia. Os proxectos de restauración de ambos montes inscribironse no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, de xeito que as empresas interesadas en compensar as súas emisións de dióxido de carbono poidan acceder a ese mecanismo. O seu primeiro apoio xa chegou da man da cooperativa Clun.

Clun, por medio dun convenio de colaboración coa Fundación Arume, comprometérase, entre outras liñas de traballo, a apoiar a restauración ambiental de montes afectados por incendios forestais. É unha liña que se inicia agora co monte veciñal de Paradela, que quedou practicamente calcinado por completo nun lume no 2017, e o de Saiar, que sufriu outro incendio no 2016.

Hai máis montes na comunidade que se están a inscribir no Rexistro de Absorcións do Ministerio de Transición Ecolóxica, pero este é o primeiro caso que trascende no que unha empresa adquire o dióxido carbono que absorben os montes para compensar as súas emisións. Desde a Fundación Arume subliñan que se trata dun fito histórico, pois inicia o camiño para que as empresas galegas compensen as súas emisións de CO2 con investimentos no monte.

Explicación de futuras podas, a acometer en vindeiros anos.

Explicación de futuras podas, a acometer en vindeiros anos.

Os proxectos de recuperación acometidos en Saiar e en Paradela de Bemil están a contribuír a que a marca Únicla de CLUN teña no 2021 tódalas súas emisións de carbono compensadas. Clun, en concreto, adquiriu en ambos montes veciñais un total de 4.315 toneladas de CO2. Os fondos que reciben as comunidades por esa compensación de CO2 de Clun revertirán integramente na continuación dos traballos de restauración do monte.

Proxectos executados
As actuacións executadas ata o de agora orientáronse principalmente á repoboación e rexeneración natural con piñeiro do país e, en menor medida, con piñeiro insigne. Tamén se habilitaron franxas de frondosas caducifolias no entorno das pistas forestais e nas valgadas, cun fin fundamentalmente protector. En total, as actuacións executadas incluíron a instalación de máis de 65.000 árbores nunhas 90 hectáreas.

Ambos proxectos de recuperación ccontaron co apoio técnico da Asociación Forestal de Galicia , ligada á Fundación Arume, que colaborou coa propiedade na restauración ambiental de senllos montes veciñais.

Franxa de frondosas próxima a unha estrada.

Franxa de frondosas próxima a unha estrada.

Con esta iniciativa, a Fundación Arume, unha entidade sen ánimo de lucro e declarada de interese público, sinala que se posiciona como unha canle axeitada para a descarbonización da economía galega.

“Na Fundación Arume está representada toda a cadea forestal de Galicia, desde propietarios forestais a viveiros, aserradoiros, empresas de servizos ou industrias, e tamén a entidade financieira galega Abanca. Temos a capacidade e os coñecementos técnicos para conectar os investimentos das empresas na compensación de emisións coa recuperación de montes galegos”, subliñan desde a Fundación.

Valoracións das comunidades
As comunidades de montes de Saiar e de Paradela fixeron onte un acto cos medios de comunicación para presentar os traballos de restauración. O presidente da comunidade de montes de Saiar, José Manuel Suárez, agradeceu a colaboración de Clun e da Fundación Arume. “No ano 2016 perdemos máis de 100 hectáreas nun incendio e restablecer ese monte ó estado anterior ten un custo, polo que é moi de agradecer este apoio”, recoñeceu.

Tamén o presidente do monte veciñal de Paradela de Bemil, Luciano Conde, incidiu na importancia dos apoios recibidos. “No 2017 ardeunos practicamente todo o monte. Estaba nun estado moi bo antes do lume, pero despois atopámonos que pola madeira queimada non se paga case nada, polo que só cos nosos medios non podiamos recuperar o monte. Este apoio permítenos ir avanzando máis nos traballos”, conclúe.

Desde o Canal Rías Baixas, fixeron un resumo do acto celebrado onte no monte veciñal de Saiar, no que se presentaron as actuacións de restauración executadas, con participación da Fundación Arume, Clun e directivas das comunidades de montes. Compartímolo a continuación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información