Medio Rural anuncia a implantación exitosa do insecto parasitoide da avespiña do castiñeiro

A Consellería recuperou no 2020 un total de 3.150 ‘Torymus sinensis’ de bugallas parasitadas, o que supón máis do dobre dos exemplares recuperados en todo o periodo 2016-2019

Medio Rural anuncia a implantación exitosa do insecto parasitoide da avespiña do castiñeiro

Castiñeiro con bugallas da avespiña. / Arquivo.

A loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro comeza a dar os seus froitos, segundo a Consellería do Medio Rural. Logo duns primeiros anos nos que as soltas de ‘Torymus sinensis’, o insecto parasitoide da avespiña, semellaban pouco exitosas, Medio Rural anuncia que o índice de parasitismo está aumentando de xeito significativo. No 2020, o departamento autonómico recuperou un total de 3.150 ‘Torymus’ de bugallas parasitadas, o que representa máis do dobre do total de exemplares recuperados en todo o periodo 2016-2019, que sumaban 1.393.

A Consellería non informa da porcentaxe de bugallas parasitadas, se ben, se o ano pasado se recolleu o mesmo número de bugallas para mostraxe que as previstas este ano, un total de 12.000, a porcentaxe de bugallas parasitadas podería rondar arredor do 20 – 25%.

Cunha poboación de insectos parasitoides xa asentada en campo, a Xunta espera que os ‘Torymus sinensis’ vaian colonizando de xeito progresivo tódolos soutos de castiñeiros, aumentando a taxa de parasitismo, que polo de agora estaría nun nivel baixo, segundo a clasificación do Ministerio, que considera que o parasitismo medio comeza a partir do 25% e o alto a partir do 50%.

Distribución en Galicia
Outra boa noticia é que o insecto parasitoide está practicamente presente en toda Galicia, pois recuperáronse exemplares en 131 das 141 cuadrículas de solta.

Para o 2022, está previsto manter unha solta de parasitoides similar á deste ano, de 1,6 millóns de exemplares, nos que o Goberno galego investirá 2,2 millóns de euros. De xeito paralelo, a Xunta analizará as bugallas que se recollerán este ano, a fin de comprobar a evolución do grao de parasitismo.

Se continúa a tendencia que amosan as bugallas mostreadas no 2020, todo apunta a que a praga da avespiña, que afecta a toda a comunidade, podería estar controlada en poucos anos. En Italia, onde a praga chegou a facer estragos nos soutos, calculan que a avespiña se controla nun periodo de 6 – 8 anos desde o inicio das soltas masivas, que en Galicia comezaron no 2018, logo duns anos de soltas a pequena escala a partir do 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información