Preocupación pola extensión do cancro do castiñeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

Preocupación pola extensión do cancro do castiñeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

Unións Agrarias advirte da extensión do cancro do castiñeiro pola Galicia atlántica e da necesidade de accións integradas que eviten o agravamento do impacto actual desta doenza.

A través da súa asociación sectorial forestal ASEFOGA a organización insta á Xunta de Galicia a estender a campaña de vacinación impulsada en Lugo e Ourense a “unha área na que a produción madeireira está a verse seriamente ameazada por unha enfermidade que podería supor a práctica desaparición das plantacións de castiñeiro da franxa costeira das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, así como doutras comarcas máis interiores como Santiago, Ordes ou Melide”.

Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia poña en marcha un plan que permita aplicar os tratamentos contra o cancro do castiñeiro na totalidade das zonas afectadas.

“O cancro do castiñeiro trátase con vacinas hipovirulentas da propia enfermidade, e de feito xa se teñen desenvolvido tratamentos efectivos na Estación Fitopatolóxica do Areeiro”, explican dende UUAA. Nese senso, a organIzación fai un chamamento para que a Xunta de Galicia estenda ás provincias da Coruña e Pontevedra a campaña de vacinación que xa desenvolveu nas zonas de produción de castaña do interior e na montaña das provincias de Lugo e Ourense.

A franxa atlántica caracterízase por plantacións de castiñeiro máis orientadas á produción de madeira de calidade que á produción de castaña. Razón pola que ASEFOGA reitera o chamamento feito conxuntamente no Consello Forestal de Galicia para que este problema se introduza de xeito inmediato na axenda de prioridades da Consellería do Medio Rural e se proceda ao tratamento destas masas arboradas de tan alto valor forestal e ecolóxico.

Dende Unións advirten de que “o avance do cancro do castiñeiro pola Galicia atlántica sería desastroso para o desenvolvemento do sector forestal galego, pois frearía a posibilidade de aproveitamento da madeira de especies frondosas e os esforzos realizados nese senso nos últimos 40 anos para reintroducir os soutos en zonas onde a enfermidade da tinta xa fixera desaparecer o castiñeiro e o seu aproveitamento”. “Algo que foi posible grazas ao traballo para conseguir híbridos resistentes á tinta realizado nos anos 50 e 60 do pasado século por investigadores da Misión Biolóxica de Galicia como Viéitez Cortizo”, subliñan.

Síntomas do cancro do castiñeiro

As árbores con sintomatoloxía do cancro son fácilmente identificables, con pólas da copa que van secando progresivamente durante a primavera e o verán e feridas características na madeira das ramas que van morrendo, que presentan un aspecto de rozaduras. As copas dos exemplares afectados van morrendo progresivamente a causa dunha doenza que chega a hipotecar a árbore enteira cando o cancro xa afecta á base do tronco, onde aparecen feridas similares ao impacto dunha máquina que tivera arrincado parte da corteza.

O castiñeiro é unha das especies máis tradicionais, e á vez máis agroforestalmente interesante, das presentes en Galicia. Permite a súa xestión para a produción de madeira, froito e plantacións mixtas froito-madeira, así como tratamentos en monte alto e baixo.

Ocupa unhas 45.000 hectáreas en Galicia, e ademáis do aproveitamento de madeira permite a produción dunhas 20.000 toneladas de castaña ao ano para a súa comercialización, o que supón un importante complemento para moitas economías familiares do interior de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información