Os expertos piden potenciar o sector da castaña en Galicia

Este será o tema central das Xornadas Luis Asorey que celebrará o Campus Terra da USC xunto coa Real Academia Galega das Ciencias.

Os expertos piden potenciar o sector da castaña en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), inaguran este luns, 13 de novembro, as “XXXIV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición céntrase en “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se desenvolverán entre o 13 e o 22 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Tamén poderán seguirse a través da canle de Youtube da RAGC. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago), presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC. Na inauguración das xornadas intervirán o presidente da Academia, Juan Lema; e o deputado provincial de Lugo Pablo Rivera Capón.

Esta primeira conferencia versará sobre os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais. Impartiraa o propio Antonio Rigueiro. O profesor pon de relevo que “Galicia é a comunidade española máis importante en produción e exportación de castañas. Colléitanse anualmente 20 millóns de quilos, dos cales a metade se consomen en fresco e o resto destínase á transformación. Esta produción supón un volume de negocio que supera os 50 millóns de euros unha vez comercializada”. Pero, a pesar desta situación favorable, incide no feito de que “as empresas comercializadoras e a industria da transformación precisan acudir a mercados exteriores para cubrir as súas necesidades, ante a insuficiencia da cantidade e da calidade da castaña recollida en Galicia”. Así, “cada ano impórtanse ao redor de dez millóns de quilos, principalmente de Portugal, o que dá unha idea do potencial que presenta este sector para a nosa comunidade autónoma” -manifesta-.

Rigueiro asegura que “en Galicia danse actualmente circunstancias favorables para recuperar este sector”. Nesta liña, destaca o apego e o aprecio que existe no rural por estas árbores -entre outras razóns porque a castaña foi no pasado a principal fonte de hidratos de carbono para a alimentación humana e do gando doméstico-, a experiencia dos veciños no aproveitamento deste froito, a diversidade de variedades da que dispomos, a existencia dunha Indicación Xeográfica Protexida que defende o noso produto no mercado nacional e internacional, a actividade de empresas con experiencia na transformación; así como a existencia de boas condicións xeográficas, climatolóxicas e de calidade dos chans en case toda a rexión.

O abandono de boa parte da superficie de castiñeiro débese sobre todo á recesión demográfica e ao envellecemento no rural

No outro prato da balanza, o profesor sitúa o abandono de boa parte da superficie de castiñeiro, debido á recesión demográfica e ao envellecemento da poboación no rural, os problemas sanitarios desta árbore (tinta, chancro, avespiña, antracnose, perforadores da castaña…), a atomización da produción (necesidade de asociacionismo) e descoñecemento ou falta de interese polo investimento neste sector.

“A castaña ten bo mercado rexional, autonómico e mundial e alcanza bos prezos se se oferta un produto homoxéneo, que pele ben e, preferentemente, de calibre grande. E as nosas castañas son moi apreciadas no mercado nacional e internacional. Ademais, é un aproveitamento que nos permite un retorno do investimento a curto prazo e unha renda anual sen ter que agardar ao remate da temporada, chegando a proporcionar unha taxa de retorno do investimento de até un 12,2% anual” -salienta o experto-.

Os soutos como produtores de castañas, madeira, cogomelos e lugares de pastoreo do porco celta

Por outro lado, o catedrático engade que os soutos son tamén ecosistemas produtores de cogomelos con interese comercial, como os bolouros (Boletus do grupo edulis) e as cantarelas (Cantharellus spp.). E algunhas variedades de castiñeiro producen, ademais de castañas, madeira de boa calidade. “Os soutos foron en Galicia tradicionalmente sistemas agroforestais, pois, como as árbores están moi separadas, cultivábanse cereais e outros cultivos entre eles, sendo apropiados así mesmo para establecer sistemas silvopastorais con distintos tipos de gando, aínda que nos últimos lustros utilízase con frecuencia o gando porcino de raza autóctona, o porco celta” -apunta-.

 

INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas conferencias: PRENSA Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 981 554 407 / 639 768 929

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información