Lidl, Alcampo e Carrefour venden leite por baixo de 60 céntimos

Un estudo de Facua detecta diferenzas de ata un 85% nos prezos do leite enteiro. Únicla, President, Pascual, Covap e Asturiana, as marcas máis caras en envases de 'brik' de 1 litro.

Lidl, Alcampo e Carrefour venden leite por baixo de 60 céntimos

A organización de consumidores Facua acaba de publicar un estudo comparativo sobre os prezos do leite en España. O traballo foi realizado durante este mes de xullo e conclúe que as multinacionais francesas Carrefour e Alcampo e a alemá Lidl son as que máis barato venden o leite, con marcas con prezo de venda ao público de ata 0,54 euros por litro, claramente por baixo do prezo mínimo de 0,60 euros que se considera sustentable para a cadea de valor do leite, especialmente para o gandeiro.

En concreto, a cadea de distribución que presenta o prezo medio do leite máis baixo é Lidl, cun prezo medio de 0,62 euros por litro, que no caso das súas marcas Finesa e Milbona, cae aos 0,59 e 0,60 euros, respectivamente.

Á multinacional alemá séguenlles as francesas Carrefour e Alcampo, cuns prezos medios do leite de 0,68 euros. Ademais, son as que comercializan as marcas a menor prezo. Así, a primeira vende a súa marca Carrefour Discount a un prezo medio de 0,56 euros, mentres que Alcampo comercializa ao público a súa marcha Leche Rica (LR), envasada por Leite Río, a 0,54 euros.

No extremo oposto, as principais cadeas de distribución que rexistran prezos máis altos de venda do leite son todas elas españolas: Hipercor, cun prezo medio de 0,82 euros o litro, e Mercadona e Dia, cunha media de 0,73 euros. Segundo o estudo da organización de consumidores, ningunha destas tres grandes cadeas de distribución venden marcas de leite por baixo de 0,60 euros.

Diferenzas de ata 46 céntimos entre un litro de leite

facua_cadro_leite

Por outra banda, o estudo de Facua tamén detectou diferenzas de ata un 85,2% (46 céntimos por litro) no prezo do brik de leite de vaca enteira uperisada.

O prezo medio por litro de leite enteiro uperisada é de 68 céntimos no brik dun litro. A marca máis cara neste tipo de envase é Únicla, de Feiraco, (0,99 euros de media), seguida de President e Pascual (ambas as a 0,81 euros de media), Covap (0,79 euros) e Asturiana (0,79 euros). Pola contra, a marca máis económica é LR, de Leite Río, (0,54 euros), seguida por Carrefour Discount (0,56 euros), e as marcas Auchan e Finesa (ambas a 0,59 euros).

O prezo medio por litro de leite no caso dos envases de plástico de 1,5 litros é de 74 céntimos (1,11 euros de media a botella). No caso do brik de 1,5 litros, só se analizou a marca Celta, que custa unha media de 71 céntimos (1,06 euros o brik).

No caso do envase de plástico de 1,2 litros, o prezo medio é de 84 céntimos (1,01 euros a botella). Para o envase de plástico de 2,2 litros, a única marca incluída na análise é Asturiana, que mostra un prezo medio de 73 céntimos (1,61 euros por botella).

En canto ao litro de leite enteiro esterilizado, o seu prezo medio é de 73 céntimos no envase de plástico de 1,5 litros (1,09 euros a botella). Respecto do leite fresco ou conservado en frío, a única marca analizada na modalidade de brik dun litro foi Hacendado, de Mercadona, cuxo prezo é 80 céntimos por litro. No envase de plástico de 1,5 litros deste tipo de leite, o prezo medio por litro é de 89 céntimos (1,34 euros a botella).

Para o envase de plástico dun litro de leite fermentada, a única marca incluída na análise foi Los Combos e o seu prezo é de 1,99 euros.

Ata un 85% de diferenza

Tras a análise levada a cabo en xullo, Facua detectou unha diferenza entre prezos para os brik dun litro de leite enteiro UHT de vaca do 85,2% (46 céntimos), desde os 54 céntimos que custa LR en Alcampo ata o prezo dun euro que alcanza a marca President en Hipercor.

En canto á variedade uperizada en envase de plástico de 1,5 litros, os prezos oscilan entre os 67 céntimos por litro das marcas Carrefour, no establecemento do mesmo nome, e Rio, en Alcampo (un euro a botella) e os 86 céntimos por litro de Asturiana en Hipercor (1,29 o litro e medio), unha diferenza de 29 céntimos por litro (29%).

Para os envases plásticos de 1,2 litros desta mesma variedade, o custo vai dos 58 céntimos por litro de Asturiana en Carrefour (0,70 euros por envase) aos 99 céntimos por litro de Pascual en Hipercor (1,19 por envase), o que deixa unha diferenza de 49 céntimos (70%).

A maior diferenza de prezo atopada na variedade de leite fresco ou conservado en frío en envase de plástico de 1,5 litros é de 30 céntimos (25,2%), establecida entre os 99 céntimos por litro (1,49 euros por envase) de Puleva en Carrefour e os 79 céntimos (1,19 euros por envase) da marca Milbona en Lidl.

Diferenzas de ata un 61% na mesma marca en función do espazo de compra

Ata un 61,3% oscila o prezo dun mesmo brik de leite President de 1 litro de leite enteiro uperizada dependendo do comercio no que se compre. O mesmo envase custa un euro céntimos en Hipercor e 62 céntimos se se adquire en Carrefour (38 céntimos de diferenza).

Para os envases de 2,2 litros de leite enteiro UHT, a única marca incluída na análise, Asturiana, mostra unha variación de 29 céntimos de diferenza (19,2%), entre os 69 céntimos por litro (1,51 euros o envase) que custa en Alcampo e os 82 céntimos por litro (1,80 euros a botella de 2,2 litros) se se compra en Hipercor.

Nos envases de plástico de 1,5 litros do mesmo tipo de leite, a maior variación atópase en Asturiana, con 9 céntimos de diferenza (7,5%) entre os 80 céntimos por litro (1,20 euros por envase) que custa en Alcampo e os 86 céntimos por litro (1,29 euros por envase) ao compralo en Hipercor.
As vinte marcas analizadas foron Aliada, Asturiana, Auchan, Carrefour, Carrefour Discount, Celta, Compos, Covap, Dia, O Corte Inglés, Finesa, Hacendado, Los Combos, LR, Milbona, Pascual, President, Puleva, Rio, Únicla.

Descarga aquí o estudo completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información