Lactalis ofrece unha suba dun céntimo no prezo do leite, pero o sector considéraa insuficiente

A multinacional francesa envíalle aos 1.200 produtores aos que lle recolle o leite en Galicia unha oferta de actualización de contrato até abril de 2023. As organizacións agrarias consideran a proposta "irrisoria", polo que Unións Agrarias mantén a convocatoria de mobilización en Vilalba ante a industria

Protesta este martes polo prezo do leite convocada por UPA, COAG e Asaja diante da planta de Lactalis en Zamora

Protesta este martes polo prezo do leite convocada por UPA, COAG e Asaja diante da planta de Lactalis en Zamora

Este xoves 11 arrincan en Galicia as mobilizacións gandeiras ante as industrias lácteas. Será ás 11.30 horas diante da planta que a multinacional francesa Lactalis ten en Vilalba e as protestas continuarán o día 16 fronte á factoría de Larsa en Outeiro de Rei.

Unións Agrarias, que a nivel estatal mantén a través de UPA unha unidade de acción con COAG e ASAJA, aclara que a convocatoria de Vilalba mantena en solitario por estar prevista antes do acordo con COAG e Asaja, se ben tamén sinala que a convocatoria é aberta e que tódalas organizacións son “benvidas no acto”. Este mesmo martes, UPA, COAG e ASAJA desenvolveron unha concentración conxunta ante a planta de Lactalis en Zamora.

Unións considera que Larsa e Lactalis, as dúas industrias que máis leite recollen en Galicia, están “bloqueando” a necesaria revalorización do leite no campo, trala recuperación dos prezos dos cartóns de leite nos lineais dos supermercados da maioría das cadeas de distribución.

Lactalis ten 1.200 produtores en Galicia e Larsa outros 1.000, polo que entre as dúas supoñen un volume moi importante tanto en número de ganderías como en litros de leite recollidos

“Desde o mes de setembro houbo unha subida de 3 céntimos nos prezos máis baixos dos bricks de leite, sobre todo nas marcas brancas, pero industrias como Lactalis ou Larsa están quedando con eses 3 céntimos sen repercutirllo ós produtores”, consideran desde Unións Agrarias.

Ofertas de mellora de prezos insuficientes

“Despois de que subiran os prezos nos lineais dos supermercados, Lactalis está lanzándolle unha oferta irrisoria aos gandeiros de subirlles un céntimo”, desvelou este martes en rolda de prensa o responsable de coordinación sectorial de UUAA, Félix Porto.

Lactalis ofrécelle aos gandeiros unha oferta de 1 céntimo de subida e que implicaría tamén que os contratos pasarían a vencer en abril de 2023

Esta oferta de actualización de contrato tería chegado xa aos 1.200 produtores que lle entregan o leite á multinacional francesa e desde o sindicato agrario consideran que a empresa intenta deste xeito “extorsionar aos gandeiros”, dado que suporía que os contratos pasarían a vencer en abril de 2023, polo que desde UUAA piden a todos os gandeiros que non acepten. “Cónstanos que está habendo presións importantes aos produtores para que asinen”, aseguran.

No caso de Larsa, a asturiana CAPSA, á que pertence a marca galega, subiu desde xaneiro 2,5 céntimos a parte variable do prezo do leite que está indexada ás cotizacións que ten a manteiga no mercado internacional e que supón o 30% do prezo final pagado aos gandeiros, pero mantén en 29,5 céntimos a parte fixa do contrato, que supón o 70% restante do prezo. Iso implica unha suba global no ano que ronda 1 céntimo.

Larsa subiu a parte do contrato cos gandeiros indexada á cotización internacional da manteiga e que supón o 30% do prezo final do leite, pero mantén conxelada en 29,5 céntimos a parte fixa (o outro 70%)

Por iso, “a media resultante segue sendo baixa”, afirma Unións Agrarias, situándose en 31,75 céntimos por litro, tres céntimos de diferencia con respecto ao que cobra un produtor asturiano que entregue á mesma empresa. “Non hai razóns obxectivas para esta discriminación”, asegura Félix Porto.

“Ten que haber un incremento importante do prezo do leite en orixe, subas dun céntimo quedan moi por baixo do necesario cando os custos de produción están nos 37 céntimos e os vindeiros meses van ser moi duros”, prognostica.

Revalorización da manteiga e o leite en po

Á suba dos prezos do cartón de leite e de outros derivados como os iogures nos supermercados, engádese ademáis o aumento das cotizacións dos produtos lácteos nos mercados internacionais, onde a manteiga mantén un incremento de prezo interanual do 40% e o leite en po do 30%.

Isto supón, segundo os cálculos de Unións Agrarias, que as industrias que recollen o leite en Galicia obteñen 9,5 céntimos máis por cada litro de leite que procesan grazas á revalorización da graxa, dada a maior porcentaxe de sólidos que contén o leite galego.

Por iso, insiste Félix Porto, “é inexplicable que en Galicia os gandeiros estean a cobrar o prezo máis baixo de Europa a excepción de Portugal, pois mentres os prezos se están disparando no resto de Europa, subindo mesmo ata os 38 céntimos noutros países produtores da UE que son excedentarios de leite, como Francia ou Alemaña, en Galicia mantense conxelado en 33 céntimos”, comparou.

Agárdase unha suba do 40% nos pensos e do 50% nos abonos a final de ano

A difícil situación que atravesa nestes momentos o sector lácteo está motivada por unha “subida espectacular, da que non hai precedentes” nos custos de produción das explotacións, asegura UUAA, que calcula que unha explotación familiar media que produza arredor de 350.000 litros anuais, é dicir, uns 1.000 litros diarios, estaría pagando 800 euros máis ao mes en pensos, o que suporía uns 2,63 céntimos máis en litro de leite.

Unha explotación media cunha produción duns 30.000 litros de leite ao mes estaría pagando neste momento 800 euros máis en pensos

“O custo da alimentación, que é o principal gasto das explotacións, incrementouse un 26% no último ano pero o grave é o que se espera a partir de finais de ano, aí é onde vai vir o problema e o incremento máis importante, fálase dunha subida de arredor do 40% porque para este ano a maior parte das cooperativas galegas que fabrican pensos tiñan o prezo das materias primas xa pechado, pero para o ano que vén non”, explica Óscar Pose, responsable do sector lácteo de UUAA.

Fálase de incrementos do 50% nos fertilizantes e mesmo de falta de subministro dalgún tipo de abono

Ao incremento do penso e as materias primas para alimentación animal habería que engadir a suba do recibo da luz, dado que a enerxía encareceuse de media un 34% para as explotacións, así como o gasóleo e os plásticos. “E agárdanse incrementos do 50% nos fertilizantes e mesmo se está a falar de falta de subministro dalgún tipo de abono”, advirte.

En Galicia quedan producindo leite 6.476 explotacións, despois de teren pechado 300 neste último ano

Esta situación límite ameaza con acelerar o ritmo de peche de explotacións leiteiras, que no último ano, de setembro de 2020 a setembro de 2021, foi de 700 ganderías no conxunto do Estado, pasando de 12.300 a 11.603, un decrecemento que tamén se está a vivir en Galicia, onde desapareceron no último ano 300 granxas, manténdose neste momento producindo leite 6.476 explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información