Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada da USC, coordinou nos últimos anos un equipo técnico que asesorou á Consellería do Medio Rural no proceso de elaboración do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. “Asesoramos desde o punto de vista técnico, pero non somos responsables das opcións que finalmente se tomaron”, aclara.
Recentemente desgranou nas Xornadas Luis Asorei celebradas na Deputación de Lugo as implicacións da nova PAC para o sector do vacún de carne desde o punto de vista do cobro polos servizos ecosistémicos que realiza.
Asesoramos desde o punto de vista técnico, pero non somos responsables das opcións que finalmente se tomaron
O xiro verde que a Comisión Europea quixo imprimir á nova PAC pode beneficiar, cando menos teoricamente, ao sistema galego de produción de carne, baseado maioritariamente na produción extensiva en base a pasto.
As ganderías de vacas nodrizas non deberían ter problema algún para cumprir coa condicionalidade reforzada esixida no novo período. A maiores, os eco-reximes do primeiro Pilar e as medidas agroambientais do segundo, nos dous casos de aplicación voluntaria por parte dos gandeiros, poden traer novos ingresos ás explotacións.
As principais novidades non están no que senón no como e, como di o dito, o demo está nos detalles
As axudas asociadas ao vacún de carne serán de 90,25€ por vaca nodriza (99€ en caso de razas autóctonas), máis 32€ por cebar os tenreiros nacidos na propia explotación, para o que hai que ter un mínimo de 3 animais elexibles. Tamén se establece unha nova axuda de 75€/ha que cobrarán as ganderias ubicadas en zonas onde se producen frecuentes ataques do lobo, en función dun mapa que publicará a Consellería de Medio Ambiente.
“Na miña opinión as principais novidades non están no que, senón no como, é dicir, o método polo que se van facer efectivas as axudas, o chamado novo modelo de aplicación da PAC, no que cada Estado ten maior marxe de manobra e o que se vai valorar por parte da Comisión Europea é a consecución dos obxectivos propostos”, afirma Edelmiro.
Acceso a dereitos da Reserva Nacional
Os actuais dereitos de pago básico pasan todos automaticamente coas campanadas de fin de ano a ser dereitos de axuda básica á renda, que é a nova nomenclatura, e a cesión de dereitos sen terra vai penalizar agora máis, un 30%. Os dereitos das persoas que cesan a actividade nutren a Reserva Nacional, que os reasigna a outros produtores que os solicitan.
Existe a posibilidade de acceder a dereitos da Reserva Nacional en caso de ampliar a base territorial mediante algún sistema público de restruturación da superficie agraria
Ademais dos sistemas de acceso aos dereitos da Reserva Nacional que había previstos até o de agora, con prioridade para persoas mozas, mulleres e titulares de explotacións sen dereitos que exerzan a actividade con anterioridade ao ano 2015, establécese un novo para aqueles titulares de explotacións que aumenten superficie a través das ferramentas previstas na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia (aldeas modelo, polígonos agroforestais) ou que o fagan mediante arrendamento de fincas ao Banco de Terras.
Posibilidade de incluír os pastos arbustivos
Tal como está redactada a definición de pastos permanentes no Plan Estratéxico da PAC, ábrese a vía a unha aplicación menos restritiva da delimitación dos pastos arbustivos que na actualidade, xa que se indica que “poden incluír outras especies arbustivas e arbóreas que poden servir de pastos e outras especies tales como arbustos e árbores que producen alimentos para os animais, incluso se as herbas ou outras forraxes herbáceas non son predominantes ou non están presentes nesas terras”.
Esta posibilidade de incluír os pastos arbustivos e pastos baixo arboredo son unha vella demanda de moitos produtores de carne, sobre todo en zonas de montaña en Galicia
“Está por ver o que sucede finalmente, pero a redacción incluída no Plan Estratéxico da PAC de España permite non ser tan restritivo como na actualidade para o coeficiente de admisibilidade de pastos”, asegura Edelmiro.
Neste momento faltan aínda por publicar algúns reais decretos, así como a propia lei da PAC, que se prevé para finais deste ano, e que teñen que acabar de perfilar algúns aspectos concretos da normativa, entre eles este.
No caso de facer un aproveitamento individual de parcelas de monte comunal, esas superficies deberían ser declaradas individualmente, con identificación de polígono e parcela, por parte da persoa que a traballa, e non ser declaradas como aproveitamento comunal por parte da CMVMC correspondente.
Canto vale unha vaca?
Pois depende para que. O Plan Estratéxico español copia o modelo establecido xa noutros países de fixar dous baremos diferentes para as axudas do primeiro e do segundo Pilar, de maneira que, por exemplo, unha vaca nutriz de máis de dous anos contaría como 1 UGM para os eco-reximes e sen embargo unicamente como 0,8 UGM para as axudas agroambientais.
O mesmo número de cabezas computan dun xeito ou doutro en función da axuda da que se trate, cunha táboa de conversión diferente para as axudas directas e outra para as medidas de desenvolvemento rural
Esta dobre asignación aparecerá recollida nun dos reais decretos que faltan por aprobar antes de final de ano, no que se incluirán dúas táboas de conversión a UGM dos distintos tipos de gando dunha explotación (recría en función do sexo e a idade, vacas e touros).
Eco-reximes
Un dos eco-reximes que mellor se adaptan ao sistema de alimentación e manexo do gando vacún de carne en Galicia é o de pastoreo extensivo, que obriga a que os animais pazan un mínimo de 6 horas ao día durante 120 días cunha carga gandeira de entre 0,4 e 4 UGM por hectárea. Esta cifra sairía de dividir a superficie que realmente se destina a pastoreo entre o número de animais que o realizan de xeito efectivo.
Os eco-reximes son pagos por prácticas de carácter anual que non esixen permanencia e pódense ter distintos eco-reximes na mesma explotación, pero non na mesma parcela
Nos eco-reximes de mantemento de biodiversidade e sega sostible non caben pastos arbustivos ou baixo arborado; son só para pradeiras ou pasteiros. Ademais, a sega sostible é incompatible con fincas destinadas a herba seca, xa que os meses nos que non se podería segar son precisamente os de xullo e agosto.
Máis fondos para desenvolvemento rural
Formalmente deixa de existir o PDR de Galicia e está integrado no Plan Estratéxico da PAC de España, pero o deseño e xestión segue a ser a nivel de comunidade autónoma. Para o novo período 2023-2027 Galicia vai dispoñer dunha cantidade de fondos europeos similar ou lixeiramente superior á do período anterior, pero o novo Regulamento europeo obriga a poñer máis fondos ao resto de Administracións públicas (Xunta e Estado) para a súa parte de cofinanciamento, polo que o conxunto de fondos públicos totais mobilizados vai ser un 8% superior ao anterior período, un aumento de fondos que se concentra sobre todo no período transitorio 2021-2022.
Axudas agroambientais do segundo Pilar
No segundo Pilar da PAC, onde a planificación, deseño e execución das medidas corresponde a cada comunidade autónoma, engádense unha serie de axudas agroambientais, que se pagan a cambio de compromisos beneficiosos para o medio ambiente. No caso das establecidas pola Xunta de Galicia, algunhas delas son novidosas, como as previstas para zonas con ataques recurrentes do lobo.
As axudas agroambientais esixen un compromiso de 5 anos e son compatibles co cobro dos eco-reximes, pero haberá que demostrar o non solapamento
Para estas axudas agroambientais e silvoambientais vai haber un incremento significativo de fondos con respecto ao período anterior, no que houbera un descenso notable. Así, dentro da programación de desenvolvemento rural de Galicia 2023-2027, a Xunta destina a estas axudas agroambientais un total de 32 millóns de euros anuais, o que representa unha quinta parte do conxunto do programa.
O importe dalgúns destes pagos anuais a explotacións incluídos nas medidas de desenvolvemento rural de Galicia, dentro do segundo Pilar da PAC, serían:
- Zonas con limitacións naturais: 155€/ha
- Conversión pastos e cultivos forraxeiros en gandería ecolóxica: 433€/ha
- Mantemento de pastos e cultivos forraxeiros en gandería ecolóxica: 361€/ha
- Conversión pastos arbustivos e arborados en gandería ecolóxica: 122€/ha
- Mantemento pastos arbustivos e arborados en gandería ecolóxica: 107€/ha
- Razas autóctonas en perigo de extinción: 200€/UGM
- Cultivos sostibles forraxeiros: 150€/ha
- Cultivos sostibles extensivos: 180€/ha
- Extensificación pastos: 110€/ha
- Extensificación pastos arbustivos e arborados: 80€/ha
- Complemento convivencia co lobo: 75€/ha
Nas axudas agroambientais aumenta a contía global dos fondos, aínda que algunha das partidas concretas sufre recortes, como nas axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN), que no período 2023-2027 só se van pagar en zonas de montaña. A axuda é de 155€/ha, cun coeficiente de degresividade en función da superficie. A superficie indemnizable mínima é de 2 ha e a carga gandeira mínima de 0,7 UGM/ha.
As axudas a zonas con limitacións naturais (155€/ha) só se van pagar nas zonas de montaña
En canto ás razas autóctonas gandeiras en perigo de extinción, establécese unha axuda de 200€ por UGM para cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa en bovino; ovella galega; cabra galega; cabalo pura raza galega; porco celta e galiña de Mos.
A axuda agroambiental para razas autóctonas pasa de 175 a 200€ por UGM e elimínase o compromiso de carga gandeira
Na axuda por extensificación, destinada ao fomento e xestión sostible dos pastos, hai que manter polo menos o 70% da explotación a pastos, facer fertilización orgánica e non aplicar herbicidas. Unicamente se pode laborear para a renovación das pradeiras cando cumpren o seu ciclo produtivo. Para cobrar o complemento de 75€/ha (até un máximo de 50 ha) por convivencia co lobo hai que ter máis de 15 UGM e establecer sistemas de vixilancia ou coidado do gando.
Segue sen haber compensación para os gandeiros en Rede Natura
As axudas do segundo Pilar para zonas de Rede Natura non se van poder cobrar tampouco neste novo período da PAC porque en Galicia non están establecidos os Plans de Ordenación de Recursos das zonas Rede Natura 2000 e, polo tanto, non se pode calcular o lucro cesante, é dicir a perda de ingresos que supón esa limitación natural.
“Ten que haber un Plan de Ordenación de Recursos para cada unha das zonas delimitadas como Rede Natura, o actual Decreto de Delimitación non serve de sustento para realizar eses pagos”, asegura Edelmiro.
Será necesario cubrir un caderno de explotación coas saídas do gando ao pasto
Da filosofía proclamada pola Comisión Europea cando se iniciou o proceso de reforma cabería agardar na nova PAC unha redución da burocracia na tramitación, cun enfoque teórico máis dirixido a acadar resultados que ao mero cumprimento de normas, pero o resultado final dista moito desa realidade. O deseño da PAC que entra en vigor o vindeiro 1 de xaneiro vai complicar a xustificación das axudas percibidas por parte das ganderías, obrigando a controis telemáticos que recaerán sobre os produtores.
A maior complexidade da nova PAC fronte á actual deriva da aplicación e control dos eco-reximes
“O obxectivo fundamental das tres reformas anteriores da PAC tamén era a simplificación da carga burocrática, pero a experiencia das últimas décadas non invitan ao optimismo, senón máis ben ao contrario. Existe unha maior complexidade derivada da aplicación e control dos eco-reximes”, recoñece Edelmiro.
A Xunta está traballando nun caderno dixital que vai ser de descarga libre, sen custo para os gandeiros, que serán os encargados de cubrilo e mantelo actualizado
Para demostrar a realización de pastoreo extensivo co gando será necesario, por exemplo, cubrir un caderno de explotación coas datas das saídas do gando a cada parcela. “As pretensións iniciais do Ministerio era mesmo superiores, pois falaban de instalación de dispositivos GPS de localización do gando”, conta o profesor da USC.
Pasa a ser obrigatorio o control do cumplimento da condicionalidade reforzada por parte dos pequenos produtores
Do mesmo xeito, os pequenos produtores, que até agora estaban exentos á hora de demostrar o cumprimento da condicionalidade, a partir do vindeiro ano estarán sometidos a control no relativo á nova condicionalidade reforzada, ao igual que o resto de explotacións.
“O obxectivo do Goberno foi non mover moito os marcos”
O Plan Estratéxico da PAC de España foi aprobado o pasado 31 de agosto pola Comisión Europea e neste momento está en proceso de publicación a normativa de aplicación española, vía lei e reais decretos, que se agardan antes de final de ano e que concretarán distintos aspectos pendentes para o reparto dos fondos.
En euros correntes vai haber os mesmos cartos para o período 2023-2027 que houbo no período 2014-2020, o que na realidade implica unha redución do 10% en euros constantes. Pero todo depende da inflación e, se o escenario actual de alta inflación se prolonga moito do tempo, a redución en euros constantes vai ser moito maior.
Se mantemos a taxa de inflación actual, a caída de fondos da nova PAC en euros constantes vai ser superior ao 10%
Ponse en marcha un novo modelo de aplicación da PAC, que é unha das novidades. Cada Estado tivo que elaborar un Plan Estratéxico da PAC que engloba os dous pilares. Iso dalle máis autonomía a cada Estado e desde Bruxelas ponse máis énfase en acadar os resultados propostos que nas medidas a implementar para logralos.
Presión das comunidades do sur de España
O resultado final do Plan Estratéxico da PAC español estivo moi lastrado pola intención de manter o statu quo vixente, o mesmo que se fixo no período anterior. Pero vai haber cambios significativos nas liñas de axudas. Mantéñense os pagos asociados e a axuda complementaria a mozos e mozas, mentres o pago verde e o pago básico actual refúndense na nova axuda básica á renda.
Sen embargo, na definición de agricultor activo o Goberno español tentou “non mover os marcos”, di Edelmiro. Para o novo período 2023-2027 está considerado agricultor activo aquel que estea dado de alta na Seguridade Social agraria por conta propia ou obteña cando menos o 25% dos seus ingresos da actividade agraria.
“Pero ante a presión de Andalucía e das comunidades do Mediterráneo introduciuse finalmente unha excepción que fai que sexan tamén considerados agricultores activos todos aqueles beneficiarios de axudas directas que cobraron menos de 5.000€, o que fai que moi poucos perceptores actuais vaian deixar de selo”, indica. Este feito perturba o obxectivo da axuda redistributiva, por exemplo, así como o alcance da converxencia do valor dos dereitos.