Claude Bourguignon e Lydia Gabucci- Bourguignon, son dous dos mellores coñecedores dos solos dos viñedos de Francia. Nos anos 70 foron dos primeiros en alertar sobre a rápida degradación da biomasa e da riqueza dos microorganismos do solo (bacterias e fungos microscópicos), así como a perda de humus e da capacidade de produtividade dos solos polo uso crecente de herbicidas, abonos químicos e maquinaria pesada.
Ante esta situación, en 1990 fundaron o LAMS (Laboratorio de Análise Microbiolóxica de Solos) dende o que veñen desenvolvendo técnicas alternativas, baseadas no funcionamento ecolóxico dos solos.
Recentemente estiveron por primeira vez en Galicia para participar no Atlante Wine Forum e para visitar viñedos na Denominación de Orixe Ribeiro.
Desde o punto de vista da fertilidade do solo, cales son os principais problemas da viticultura en Europa?
Lydia: O problema máis grave é a utilización masiva de herbicidas e tamén o uso de maquinaria, xa que os tractores son cada vez máis pesados. Tamén a utilización de fertilizantes químicos marcou o comezo da degradación dos solos.
Afortunadamente, as cousas están cambiando e isto será bo tanto para o solo, un recurso non renovable, como para o viño.
Claude: En Francia depende das zonas. En Borgoña, Alsacia ou o Jura estase cambiando realmente o modo de produción cara á produción ecolóxica. Por exemplo,en Borgoña arredor dun 15% dos viticultores xa están en ecolóxico. Pola contra, en rexións como Burdeos ou Champagne os cambios van máis lentos.
Lydia: A transición cara unha viticultura ecolóxica depende moito da zona, naquelas nas que a pluviometría e a humidade son máis elevadas hai máis afectación enfermidades: de mildiu, oídio…etc, e polo tanto é máis complicado unha viticultura ecolóxica.
O solo non é politicamente correcto: nalgunhas zonas os viticultores teñen máis sorte que noutras. Por exemplo, coa humidade que hai en Galicia é máis complicado facer unha viticultura ecolóxica porque o clima é moito máis difícil que nas zonas secas.
Claude: Porén, sexa cal sexa o clima, penso que é necesario rematar co uso de herbicidas, se queremos mellorar o viño e as vides.
Cales son os problemas que provocan os herbicidas na viticultura?
Claude: Os herbicidas impiden o desenvolvemento das plantas e, polo tanto, de materia orgánica no solo. A continuación, a fauna que se alimenta de materia orgánica no solo vai desaparecer e ese terreo rematará compactándose, parecéndose cada vez máis a cemento. O seguinte paso é a erosión do solo por escorrentía cando chove e a súa perda por arrastre.
Lydia: Ademais, o solo acaba perdendo porosidade, oxíxeno e capacidade de infiltración da auga. En consecuencia, as raíces das vides, ao faltarlles auga e oxíxeno, acaban por subir á superficie, cos graves problemas que isto supón.
“Coidando o solo pódese aumentar a calidade do viño”
Unha viticultura máis ecolóxica é tamén unha viticultura moito máis cara?
Claude: É certo, multiplícanse os custos de produción. Se un terroir é bo pódese vender o viño máis caro. O problema é que os viticultores están nun círculo infernal: como non fan un bo viño non o poden vender caro; como non o venden caro non cobren os gastos de produción…. O que é necesario é aumentar a calidade do viño e, para iso, coidar o solo.
Lydia: A viña e as oliveiras sempre se plantaron en terreos difíciles, xa que as terras ricas dos vales eran para cultivos de alimentación. O problema é que cando se plantan as viñas nestas zonas é certo que aumenta a produción das vides, pero ao ter máis acios e máis grandes hai máis problemas fitosanitarios. Tamén hai que facer máis podas en verde…etc. E polo tanto hai máis gasto de traballo e máis custos de produción.
“Un viño é de terroir cando a vide se alimenta do solo, non dos fertilizantes químicos”
Pola contra, nos solos tradicionais das viñas, os máis pobres e en zonas de pendente, había moitos menos problemas sanitarios e non se facía poda en verde.
Aínda que en Galicia non é un problema grave, na viticultura europea si que hai unha baixada crecente da materia orgánica nos solos. Que problemas pode ocasionar isto?
Claude: Isto provoca unha mineralización crecente da materia orgánica cos abonos químicos, e polo tanto cada vez haberá menos materia orgánica. Deste xeito, as arxilas xa non se van poder ligar co humus e unha vez que chove as arxilas son arrastradas.
Lydia: Os fertilizantes químicos das multinacionais son os mesmos para todo o mundo. Cando a fertilidade ven da profundidade do solo, entón temos verdadeiramente viños de terroir, viños desa zona. A fertilización química supón a morte da expresión do terroir, dun lugar concreto.
É necesario cambiar o tipo de maquinaria para evitara compactación do solo nas viñas?
Claude: As maquinaria pesada compacta o terreo e, polo tanto, as raíces teñen falta de oxíxeno e o que fan é subir á superficie. É algo que se repite en moitas rexións vitícolas do mundo. Hai que buscar a utilización de maquinaria lixeira para o traballo das viñas.
Lydia: O máis lixeiro, o que fai os menos estragos, é o tractor de cadeas. De todas formas, hai moi pouca investigación por parte das fábricas de maquinaria para facer tractores máis adaptados á viña.
“Avanzouse moitísimo en enoloxía, pero esqueceuse mellorar a calidade dos solos par facer un gran viño”
Que coñecen da viticultura en Galicia?
Claude: Nunca analizamos os solos de Galicia. Si os de Ribera del Duero, Toro, Penedés ou Rioja.
Lydia: O que nos choca é que o clima é moi húmido, e polo tanto a viticultura en Galicia debe de ser difícil a causa do clima. Vimos viñas en parra para afastar os acios da humidade do solo.
Claude comentou na súa conferencia que houbo grandes progresos na enoloxía, de xeito que cando o viño ten demasiada auga, retíraselle a auga; se hai demasiado azucre pódese quitar….etc. É dicir, hai unha enoloxía que progresou moitísimo pero esqueceuse o solo. Pero quizás habería que volver á edafoloxía, a mellorar a calidade dos solos para facer grandes viños.