A través do proxecto Viñ@SoStible, a Cooperativa Vitivinícola Arousana, S.C.G. (Paco&Lola) apostou por valorizar o bagazo de uva a través da vermicompostaxe. Mediante as miñocas créase un compost que ofrece un proceso acelerado de biooxidación e estabilización de materias orgánicas do bagazo para a súa incorporación aos solos vitícolas. Emprégase como emenda orgánica xa que é rico en nutrientes, principalmente nitróxeno e potasio, e incrementa a actividade microbiana do solo.
Durante a exposición dos primeiros avances do proxecto, que tivo lugar no Pazo de Toubes (Cenlle, Ourense), Daniel Durán Pereira, técnico de innovación e viticultura de Paco & Lola, explicou como foi o proceso de vermicompostaxe. “O bagazo témolo e a necesidade de fertilizar o solo tamén a hai, entón tiñamos que buscar un anexo, que foi a través da vermicompostaxe, para pechar o círculo. O obxectivo é obter biofertilizantes cun gran valor agronómico que serva de abono orgánico con riqueza e diversidade de microorganismos”, indica.
Fases do proceso
As miñocas denomínanse o “muíño biolóxico”, xa que modifican as características físicas, químicas e biolóxicas, acelerando a súa estabilización e hixienizando a materia orgánica. Pasan por dúas fases durante o proceso: unha inicial (actividade da miñoca) e outra activa (poboación microbiana). Para a vermicompostaxe empregaranse as miñocas Eisenia e Dendrobaena.
Para realizar os ensaios contaron coa colaboración de EcoCelta. “Establecemos un período mínimo de seis meses, pero finalmente o noso ensaio durou sete. É dicir, se en setembro facemos a vendima, en marzo xa poderíamos ter o vermicompostaxe”, indica Durán. No ensaio partiuse dun volume de 25 m3 de bagazo . Primeiramente, hai unha fase de homoxeneización cunha estabilización durante 12 días de almacenado “para evitar que haxa fermentacións ou outros procesos, xa que o bagazo fresco pode alcanzar máis de 40o C”. Logo xa se preparan os contedores de 600 litros para posteriormente realizar a inoculación das miñocas, que no ensaio realizouse de dous modos: superior e inferior.
Durante o proceso é necesario controlar os parámetros de humidade, temperatura e osixenación dos contedores para que se produza unha correcta cría das miñocas. A humidade axeitada é do 80-90 %, que se pode conseguir con rega natural ou ca propia auga da choiva. A temperatura “neste caso foi a ambiental, xa que o proceso realizouse en exteriores” e á osixenación, “se é precio, hai que facer un removido cada certo tempo”. Tamén é necesario observar como vai a evolución da poboación de miñocas, revisar se hai mortalidade de individuos, presenza de ovos etc.
Toma de mostras do primeiro humus
Tomáronse mostras do bagazo recibido e do humus obtido para analizar as súas calidades físico-químicas. “Observouse que o contido da humidade é un factor que limita o desenvolvemento das miñocas”, explica o técnico. Tamén se detectou un incremento do pH durante o proceso de vermicompostaxe, factor limitante na aplicación do bagazo directamente aos solos, particularmente no caso de solos cun baixo pH como é o da subzona do Val do Salnés, da D.O. Rías Baixas.
Durante a vermicompostaxe prodúcese unha mineralización da materia orgánica, reducíndose o carbono orgánico total e a relación C/N. Detectaron un incremento ao final do proceso de nitróxeno debido á mineralización da materia orgánica, a vez que que se produce unha redución de composto como opotasio debido a que é un nutriente labil que sofre facilmente os procesos de lixiviación ocasionados pola choiva ou rega.
Aplicación en terreos
Para rematar este proceso, aplicaron o vermicompostaxe en viñedos en produción da subzona Val do Salnés, nas Rías Baixas. Tomaron 189 mostraxes no presente ano, con diferentes obxectivos: analíticas rutineiras de fertilidade do solo e de abundancia e diversidades da microbiota nos solos trala aplicación do vermicompost. Nestas determinacións contouse coa colaboración do Laboratorio de Solos da Estación Fitopatlóxica do Areeiro e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, respectivamente.
A partir de aí, afirman que “o proceso de transformación do bagazo en humus de miñoca a través do proceso de vermicompostaxe tivo bos resultados a nivel do humus de lombriga obtido”. Engade que como resultado obtívose en sete meses unha emenda orgánica adecuada para abonado ou plantación de viñedo cuxas doses se recomendarían en función das condicións do chan agrícola. “Agardamos confirmar que o vermicompost final é unha emenda cuxa aplicación agrícola mellora as propiedades fisico-químicas, aumentando a actividade microbiana do chan e favorecendo as condicións nutricionais dos cultivos”.
Pódese dicir que é unha tecnoloxía de xestión de residuos de bagazo eficiente e respectuosa co medio ambiente. Ademais, do proceso de valorización “tamén se poden obter compostos bioactivos de alto valor engadido para a industria cosmética, farmacéutica e alimentaria”.